Actividades de membros do Voluntariado Penitenciario

Os membros do Voluntariado Penitenciario Lucense “Jesús Redondo Candal” están levando a cabo varias actividades nesta semana na que se celebra a Mercé

Na igrexa de San Antonio de Padua

Exposición e venda de pezas de artesanía elaboradas por reclusos de Bonxe e Monterroso na igrexa de San Antonio, en Lugo. A finalidade é mostrar o traballo dos reclusos e recadar fondos para manter a Casa de Acollida a presos (foto da esquerda).

O venres 23 pode visitarse a exposición de 19 a 21 horas. O sábado 24 pola mañá, de 12 a 13:45; pola tarde, de 19:30 a 21 horas. E o domingo, de 9:30 a 13 e de 19 a 21 horas.

Os obxectos expostos teñen detrás moitas horas de traballo en equipo, esforzo e superación persoal por parte dos presos e presas.

No penal de Bonxe

Con motivo da Mercé, teñen lugar no cárcere de Bonxe varias  charlas . O luns, o sacerdotes D. José Río Ramilo falou das reliquias do Apóstolo. O martes, María José Domínguez Arias tamén se dirixiu aos presos e presas no salón de actos da prisión para comunicar a súa experiencia na peregrinación a Santiago polo Camiño Primitivo, xunto con algúns dos internos e funcionarios. O día seguinte, outro membro do Voluntariado impartiu unha charla sobre o culto ao Apóstolo e a peregrinación medieval, baseándose no Códice Calixtino.

Apertura do curso no Seminario

O día 23 de setembro ás 5 da tarde, na Capela Maior do Seminario, terá lugar a solemne apertura do curso académico. À hora citada, D. Alfonso Carrasco Rouco presidirá a Misa do Espírito Santo.

Ás 6 da tarde, na Aula Magna, haberá os seguintes actos:

Interpretación do “Veni Creator Spiritus”

Lectura da Memoria do Curso 2010-2011

Lección inaugural “O matrimonio a debate” a cargo de D. Emilio Díaz Campo.

Segundo D. Emilio, o matrimonio xa era un tema a debate en épocas anteriores a Cristo, como se deduce de San Mateo, 19. Catro séculos despois, continúa o debate, pois para o mesmo san Agostiño “é materia escurísima e complicadísima”. Xa máis na actualidade, Julián Marías e Alejandro Rojas Marcos tratan o tema, entre outros. A convivencia baséase na concordia, e para os erros cometidos hai remedio. Tamén é certo que o egoísmo e a falta de principios relixiosos non axudan a que a institución matrimonial vaia como debería.

Dous amores dos crentes lucenses e dous singulares símbolos eucarísticos

No cincuentenario da fundación da Adoración Nocturna Feminina de Lugo, dedícanse as seguintes liñas a tratar catro asuntos relacionados coa adoración eucarística.

1. O culto eucarístico na catedral de Lugo é un dos feitos máis honrosos e queridos para a Diocese. Os lucenses gloriámonos dese feito por facernos singulares en todo o orbe católico, no que esta cidade é coñecida co nome de “Cidade do Sacramento”.

2. A Virxe dos Ollos Grandes é outro dos grandes amores na alma do lucense crente. Por iso é polo que os adoradores nocturnos de cada noite sempre, ao terminar as longas horas en orante adoración ao Santísimo, retíranse en procesión pasando por diante da Virxe dos Ollos Grandes. Ante ela,  rézase a pregaria “Deus che salve, Raíña e Nai…”. Pregaria esta que, segundo a tradición, compúxoa San Pedro de Mezonzo, bispo de Santiago, nos últimos anos do século X.

Así como hai dous amores na alma do lucense crente (o Santísimo e a Virxe dos Ollos Grandes) tamén hai dous singulares símbolos eucarísticos.

3. A escultura da “Última Cea”. Está na porta norte da Catedral, faríase polo ano 1200 e representa a Última Cea de Xesús cos seus doce discípulos. Hai unha poética inscrición latina que di: “O discípulo do Señor en plácido descanso dos seus membros, recostado (no colo de Xesús) na cea viu as delicias celestes”.

Debernos aclarar que, desde cando esta escena foi esculpida, pasarían aínda, máis ou menos, uns 200 anos en ser permanente día e noite, esta exposición do Santísimo Sacramento. Pero si podemos ter por seguro, segundo a documentación da Catedral, que xa se daba un culto especial á divindade do Cristo eucarístico.

E igualmente agora debemos precisar que aquí, en cada noite, os adoradores e adoradoras da quenda que corresponde a esa noite, situados ao redor da mesa do altar, renovan aquela “Cea do Señor”. E, curiosamente, non poucas veces somos alí o mesmo número de comensais que na cea do Señor cos seus discípulos. E o que si é certo é que, despois de darnos o abrazo de paz, participamos realmente, como eles, do corpo e o sangue de Cristo baixo as dúas especies do pan e do viño.

4. Custodia situada no centro do retablo do altar maior da catedral. Ten forma de sol radiante coa representación da sagrada Hostia no seu aro central. Desde hai xa moitísimo tempo, é o principal símbolo heráldico do escudo da cidade de Lugo e tamén está presente no escudo da nosa Galicia, evocándoa como “Antigo Reino”.

Estas dúas preciosas xoias (escultura da Última Cea e custodia), figuran nos carteis nos que se anuncia o acontecemento diocesano do cincuentenario da fundación da ADORACIÓN NOCTURNA FEMININA de Lugo.

JAIME DELGADO GÓMEZ

A %d blogueros les gusta esto: