Eucaristía de Acción de Grazas pola canonización de Bonifacia Rodríguez

O 18 de novembro celébrase unha Eucaristía de Acción de Grazas pola canonización de Bonifacia Rodríguez. A Eucaristía, presidida polo señor bispo D. Alfonso Carrasco Rouco, será na parroquia de San Pedro ás oito da tarde.

Bonifacia Rodríguez Castro fundou as Servas de San Xosé, e o pasado 23 de outubro foi canonizada en Roma, onde estivo unha representación da Diocese lucense: Servas de San Xosé, Laicos, profesorado e alumnado do colexio San Xosé.

Novena a Cristo Rei organizada polo Apostolado da Oración

  O día 12 de novembro comeza a novena preparatoria da Solemnidade de Cristo Rei, que organiza o Apostolado da Oración.

Esta novena celébrase na parroquia de Santiago A Nova de Lugo ata o domingo 20, solemnidade de Cristo Rei. Está presidida polo Consiliario de Vida Ascendente e párroco de Mougán, Ramón Álvarez Varela. O horario é o seguinte: ás sete e media da tarde, Santo Rosario e ás oito: novena e celebración da Eucaristía.

Taller de Solidariedade presenta a campaña “Mulleres Soñadoras”

  A Fundación Taller de Solidariedade celebra o seu 10º aniversario presentando a súa nova campaña “Mulleres Soñadoras”. É o día 3 de novembro ás 20 horas no seu local de R/ Ramón Montenegro, 17. Cóntase coa presenza de Lucy e Ping Rabina, que participan no proxecto Talleres de Nazaret en Manila, Filipinas, proxecto que puxeron en marcha as Servas de San Xosé de Filipinas co apoio de Taller de Solidariedade Trátase de dar emprego e formación a mulleres sen recursos. Actualmente hai unhas 200 mulleres traballando en 6 talleres que realizan desde traballos téxtiles até procesamento de alimentos para a venda no mercado local.

Tamén se conta coa presenza doutra “Muller Soñadora” neste caso lucense, pois tamén está Clara Raposo de “A Cova da Terra”.

A Fundación Taller de Solidariedade, é unha ONG de desenvolvemento que traballa en favor da muller, mocidade e infancia en países de América Latina, Asia e África en proxectos de promoción de emprego, formación e educación.

Triduo en honor a santa Ángela de la Cruz

  O día tres comeza ás sete da tarde un triduo en honor a Santa Ángela de la Cruz, “Nai dos pobres”. É na capela que as Irmás da Cruz teñen na residencia da rúa Miguel de Cervantes, 55. O primeiro día, a Eucaristía está presidida polo señor bispo, D. Alfonso Carrasco. Os días seguintes, catro e cinco, presidirán, respectivamente, D. Luciano Armas e D. Alfonso Vilariño.

O 5 de novembro é a festividade de Santa Ángela de la Cruz, fundadora da congregación Instituto das Irmás da Compañía da Cruz.

Peregrinación a Terra Santa

  Organizada polo Bispado de Lugo o día 5 de novembro comeza unha peregrinación a Terra Santa (Tiberiades, Caná, Galilea, Nazareth, Monte Carmelo, Monte das Benaventuranzas, Cafarnaum, Mar de Galilea, Primado de Pedro, Monte Tabor, Mar Morto, Xerusalén, Monte das Oliveiras, Belén, Beit Sahur).

Cada día, ata o 12 de novembro, celébrase a Eucaristía nun santuario diferente.

Durante o percorrido por Terra Santa o grupo vai franciscano (Custodia Franciscana) ou sacerdote acompañado de guía local. O guía espiritual é Francisco Castro Miramontes.

A %d blogueros les gusta esto: