Encontros prematrimoniais en Lugo e Lalín

Durante a segunda quincena de abril teñen lugar varios encontros con parellas que van casar en Lugo e Lalín.

  • Na parroquia Bo Pastor os encontros prematrimoniais comezan o 14 de abril, com sesións matutinas de 11 a 14 h. e seguirá o 21 de abril todo o día (de 11 a 14 e de 16 a 19 h.). Para contactar está o teléfono 982 25 20 29.
  • Na parroquia de Nosa Sra. das Dores de Lalín (986 78 04 37) o inicio dos encontros será o día 16 de abril ás 20:30, continuando ata o día 20.
  • E do 23 ao 27 de abril será o curso para novos matrimonios na parroquia de San Antonio de Padua, de Lugo, ás 20:30.

Cursiño sobre “A realidade das drogas”

O Voluntariado Penitenciario Lucense organiza unha xornada de formación sobre “A realidade das drogas” o 14 de abril a partir das 10:30 h. no salón de actos de Cáritas na avenida das Américas, 93 – 97.

Entre as persoas que piden axuda aos colaboradores de Cáritas, do Voluntariado Penitenciario… un problema que poden ter é o consumo de drogas.

Cómpre, pois, saber detectar toxicomanías, orientar ás persoas e na medida e o posible guialas no camiño da desintoxicación.

Obxectivos do curso:

  • Facer ver a importancia e a necesidade da formación e a prevención.

  • Proporcionar as habilidades sociais adecuadas para o desempeño das súas funcións de forma adecuada, nos diferentes campos de actuación: no fogar familiar, establecementos de Cáritas, casas de acollida…

  • Facilitar os coñecementos necesarios sobre os recursos e estratexias a ter en conta para unha maior eficiencia.

Reunión sobre Doutrina Social da Igrexa

O día 11 de abril ás 19 h, na rúa da Cruz, 3, reunión sobre a Doutrina Social da Igrexa, para tratar do Estado de Dereito e a democracia.

Nos números 407 e seguintes do Compendio da Doutrina Social da Igrexa fálase das necesidades inherentes á democracia:

  • debe inspirarse na dignidade de toda persoa humana,
  • respectará os dereitos do home,
  • asumirá o ben común como fin e criterio regulador da vida política,
  • superará o relativismo ético,
  • terá unha moralidade nos fins e nos medios,
  • manterá a división de poderes,
  • os organismos representativos estarán controlados polo corpo social con eleccións libres,
  • a práctica do poder farase con espírito de servizo (paciencia, modestia, moderación, caridade, xenerosidade).

O Compendio da Doutrina Social da Igrexa tamén adica varios puntos á necesidade de contar con bos medios informativos para que haxa participación democrática. Medios de comunicación que non son tan bon cando se dá o seguinte:

  • concentracións editoriais e televisivas,
  • ideologización,
  • desexo de ganancia e de control político,
  • rivalidades e conflitos entre grupos.

Santa Misa Crismal o Mércores Santo

O mércores 4 de abril, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Carrasco Rouco, preside a Misa Crismal, na que concelebran os sacerdotes da Diocese.

Nesta celebración, que manifesta a comuñón do Bispo cos seus presbíteros, bendinse os óleos que despois se reparten ás parroquias da Diocese para a administración dos sacramentos ao longo do ano: o óleo dos catecúmenos, o dos enfermos e o santo crisma.

Co santo crisma consagrado polo Bispo serán unxidos os  bautizados, os confirmados, as mans dos presbíteros, a cabeza dos Bispos e a igrexa e os altares na súa dedicación. Co óleo dos catecúmenos, estes prepáranse para o Bautismo. Co óleo dos enfermos, reciben o alivio na súa debilidade.

A %d blogueros les gusta esto: