Exposición misioneira no Colexio Divina Pastora

Do 3 ata o día 9 hai unha Exposición misioneira no Salón de actos do colexio Divina Pastora, Lugo

Horario de visitas: de luns a venres de 17.30h a 19.00h Sábado e domingo: de 11.00h a 13.30h.

É unha boa oportunidad para coñecer a historia das misións salesianas e tamén a cultura e as tradicións dos distintos países nos que se está a axudar.

A exposición enmárcase no Xomisal, “Xornada Misioneira Salesiana”, dedicada a sensibilizar e a recoller axudas para as casas salesianas que están a prestar un servizo en áreas máis desfavorecidas.

O proxecto elixido este ano son as Casas de acollida rurais en Amparaes, Calca e Lares (Perú). Nesta zona montañosa moitos rapaces e rapazas teñen que percorrer longas distancias a pé todos os días para poder asistir á escola.

Edelmiro Ulloa fala do mundo interior do enfermo

Con motivo da Pascua do enfermo traemos unhas reflexións de Edelmiro Ulloa, ex-capelán de hospital, Delegado de Pastoral da Saúde.

1.- É difícil o acceso ao mundo interior do enfermo?

– A conciencia é o lugar máis sagrado que temos, coa particularidade de que a súa porta abre por dentro. Tentar forzala desde fóra é unha profanación. A miña intimidade é miña, eu compártoa con quen quero e me infunde confianza. Unha rosa non se abre por unha orde. Se lle facilito un clima de calor abrirase, cando chegue o seu tempo, pola forza interior da súa savia. Pois o enfermo, o mesmo. Polo feito de ser profesional ou capelán dun hospital non teño dereito a que me abra a súa intimidade. Algo tan obvio como isto, por desgraza, non sempre é tido en conta á hora de tratar ou visitar a unha persoa hospitalizada.

2.- Cando hai moita dor, espímonos con naturalidade ante o médico. Como se compaxina isto co dito anteriormente?

– Descubrimos o corpo, pero o ser humano é un espírito encarnado. Non enferma un órgano, enferma unha persoa. A enfermidade como que nos desestrutura tocando o noso núcleo. As peores feridas son as da alma. Hai persoas fisicamente sas pero tan rotas por dentro que son un farrapo.

Unha cousa é curar un órgano e outra, sanar á persoa: sanar os seus medos e frustracións, as súas ilusións rotas e desenganos; axudarlle a atopar sentido á súa vida feita farrapos. Cada enfermo ten a súa historia íntima, persoal, que pouco ten que ver co historial clínico. É o máis sagrado que ten e que non destapa a calquera. Facilitar a apertura da súa alma, facerse digno de acceder até o núcleo da súa historia, saber chegar até a raíz do seu sufrimento, é toda unha arte e unha arte divina. Mentres non se chegue aí, esta seguirá enferma aínda que sane o seu corpo. Hai unha pregunta coa que todo bo profesional adoita terminar a súa entrevista co paciente. E a pregunta é esta: “Ademais desas molestias orgánicas que acaba de manifestar, a vostede, alá no máis profundo, que é o que máis lle doe?”. Pregunta clave que vai dirixida á súa vida afectiva, familiar, social, espiritual. A resposta pode ser: “nada”. Ou tamén: “os fillos”, “o tempo perdido”, “a falta de sentido da miña vida baleira”, “dóeme non ter amado: cumprín pero non amei”. “Dóeme a alma”. Se chegamos aquí é que tocamos fondo; agora comeza un proceso de sanación

3.- Dun tempo acá fálase da “relixión” da saúde corporal? Por onde van os tiros?

– Hoxe non lle pedimos saúde ao médico, esixímoslla. Esixímoslle que nos cure e se non denuncia ao canto!. E esixímoslle até a receita para estar en forma e non envellecer. Hai un culto ao corpo do que viven laboratorios, ximnasios, consultorios. O que conta é a estética, a imaxe. Este culto impón aos seus seguidores non pequenas penitencias nos ximnasios e no campo da alimentación. Gañamos en imaxe pero perdemos os nervios. Talvez a crise económica axude a redescubrir riquezas esquecidas: a familia, a amizade, a paz interior, o culto a Deus, Pai, Señor e dador de vida.

4.- E falando do culto. No vello hospital a capela ocupaba o centro do edificio; agora desprazárona a un extremo. Quen ocupa o seu lugar doutrora?

– Os quirófanos, aos que acoden diariamente miles de fieis, máis ou menos devotos. Neste novo “santuario” hai como un altar- a mesa do quirófano- e un “sumo sacerdote”- o cirurxián que, tras as súas ablucións rituais, entra en escena revestido cos seus ornamentos, axudado por outros ministros. Bendito sexa este novo espazo sacro onde imos gañando á morte pequenas batallas aínda que a guerra teñámola perdida por nacer con data de caducidade. A xirola fórmana as habitacións dos enfermos, onde o Señor espera unha visita: “Estiven enfermo e viñestes verme”

5.-Fálase moito da necesidade de humanizar os hospitais. Quere isto dicir que están deshumanizados?

– Necesitamos da ciencia e a técnica. Pero estas nunca poderán suplir o poder curativo dunha mirada, dunha escoita atenta, nin a calor dunha man amiga. Cando o médico, pendente do monitor, dille á parturienta: “señora, agárrese a este ferro” e ela responde: “agárrese vostede, a min déixeme unha man”, está a darlle unha lección de humanización. Necesitamos as máquinas, os monitores, pero tamén persoas profundamente humanas que nos alivien con soa a súa presenza e o seu sentido de escoita. “Ai do ai que da alma sae e á alma volve por non atopar acollida” Falamos sós por non haber quen escoite .Nunca estivemos tan comunicados cos de lonxe nin tan incomunicados cos de preto.

A %d blogueros les gusta esto: