Cáritas Lugo asina un convenio coa Axencia Tributaria

O Delegado da Axencia Tributaria, José María Núñez Pérez, e o Director de Cáritas diocesana de Lugo, Ginés Plaza Fernández, asinaron o 6 de maio un convenio de colaboración que facilita a presentación das declaracións da renda ás persoas atendidas por Cáritas. Segundo o Delegado da Axencia Tributaria, é algo que se fai con máis institucións e organismos. Aínda que en Galicia é a primeira vez que se asina un convenio destas características. Dixo ademais José María Núñez que “Cáritas é exemplar na súa prestación, non só de bens senón tamén de servizos. E todo o mundo necesita unha declaración da renda, aínda que sexa para xustificar que se teñen rendas escasas”.

Pola súa parte, o Director de Cáritas explicou que se usará a vía telemática, evitando así demoras.

Novena en honra da Virxe de Fátima na igrexa de San Pedro de Lugo

O domingo 5 ás cinco e media comeza a Novena en honra da Virxe de Fátima na igrexa de San Pedro (Lugo). Nos seguintes días haberá os seguintes actos: pola mañá, Misa ás 9 no altar de Fátima; pola tarde, ás 18:30 solemne función relixiosa (santo rosario, exercicio da novena e Misa). Os domingos é ás 17:30. O orador é Alfonso Vilariño  Blanco. Organizan: Asociación Fillas de María, Lexión de María e Apostolado Mundial de Fátima (Exército Azul).

Conclúen as misións na praza Horta do Seminario, en Lugo

O último encontro é o 5 de maio na praza Horta do Seminario en Lugo. E termínase cunha catequese sobre a necesidade de vivir a fe en comunidade, e a misión maternal da Igrexa. Concretamente, entre os temas que se tratarán están os seguintes:

– Que é a Igrexa?

– Cal é a túa experiencia da Igrexa?

– Queres ser axudado por unha comunidade cristiá?

 Ademais, convidarase á xente a unha celebración penitencial, onde os que asistan poidan selar a predicación co sacramento da reconciliación, nun lugar adecuado próximo.

  Posteriormente, poderase continuar na parroquia o desenvolvemento total das catequeses. Se non fose así, con este último encontro concluiría a misión.

A %d blogueros les gusta esto: