Festa da fe no santuario de Nosa Señora de Cadeiras

Celebracións Ano da Fe

O domingo 16 de xuño foi a Festa da fe do arciprestado de Monforte, na que participaron centos de fregueses de Amandi, Ferreira de Pantón, Monforte, O Saviñao.

O santuario de Cadeiras está adicado á Virxe nunha porción de monte escampado en territorio da parroquia de Bulso, Sober. Ampliábao cara a 1.768 o párroco do curato de Pinol, quen acudiu ao Real Consello en demanda de licenza para pedir esmolas nunha contorna de vinte leguas.

O templo, sinxelo exemplar do barroco galego do século XVIII, unha soa nave de pedra granítica e sillería ben labrada.

Ler máis

Publicados dous estudos relacionados coa historia da Diocese

Acaba de aparecer Annuarium Sancti Iacobi. revista de investigación e divulgación científica do Arquivo da Catedral de Santiago. Entre os estudos medievais deste primeiro número hai un artigo de Manuel Rey Olleros, “El Breviario de Lugo: su música”.

Tamén é de recente aparición unha nova publicación miscelánea, titulada ‘Oh lux Iberiae’. En torno a las letras en la España medieval (Lugo: Editorial Axac). Nela hai un artigo de José Mª. Anguita Jaén dedicado á interpretación filolóxica de tres inscricións latinas gravadas en pedra achadas en terras da Diocese de Lugo, unha das máis antigas da Península Ibérica. O traballo titúlase “Tres inscricións lucenses máis que milenarias: a Lápida de Bretoña, o Acróstico de Odoario e o Disco de Quiroga”. Con esta última denominación refírese ao crismón. 

No Seminario celébrase o fin de curso e o Día do párroco dos seminaristas

O día 14 de xuño, desde a 11:30h. celébrase no Seminario o día do párroco dos seminaristas. Ás 13 h. é a Eucaristía, presidida polo Sr. Bispo e cos sacerdotes dos seminaristas.

Para o mesmo día a partir das 16:30 h. están programados os actos festivos de fin de curso. Neles participan os profesores, pais, sacerdotes e seminaristas. Entréganse diplomas e orlas do curso; trofeos deportivos, hai exposición de actividades académicas… 

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado

Ofrenda Antigo reino de Galicia

Ás 12 da mañá do 9 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza presidiu a Eucaristía na que concelebraron Arcebispo e bispos da provincia eclesiástica galega.

Acompañaron ao delegado rexio, alcalde de Tui, os representantes das cidades do antigo Reino de Galicia: Lugo, Santiago, Betanzos, Ourense, Mondoñedo e A Coruña; así como outras autoridades civís e militares.

O delegado Rexio, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, presentaba a Ofrenda ao Santísimo Sacramento en nome do Antigo Reino como vén facendo desde hai séculos.

Na súa ofrenda apelou ás raíces cristiás de Galicia e agradeceu a protección, amparo e consolo do Señor sacramentado aos que acoden a El.

O alcalde de Tui pediu ao Santísimo polos gobernantes: “para que nos ilumines para promover, fronte a unha cultura do beneficio, unha cultura da xenerosidade, de solidariedade, de comuñón da que nos deches sempre exemplo”.

Na contestación á Ofrenda, o Bispo de Tui- Vigo, Mons. Quinteiro Fiuza, agradeceu as palabras do oferente cheas de confianza cristiá e de fonda preocupación social.

Facendo alusión ao refrán que di que unha cousa é predicar e outra dar pan, Mons. Quinteiro, afirmou que “o Señor dinos que hai que predicar e tamén dar para comer. Isto é algo que a súa Igrexa non pode deixar de atender nin de vivir”. Lembrou que celebrar a Eucaristía de costas aos irmáns e aos problemas do mundo é unha incoherencia na que os cristiáns non podemos caer:

Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo. 

Miguel Ángel Álvarez: Ano da Fe e carta de Santiago

Lemos na carta de Santiago (St 2,14.17.18b): “De que lle serve a un, irmáns meus, dicir que ten fe, se non ten obras? É que esa fe poderá salvalo? A fe, se non ten obras, por si soa está morta. Ensíname a túa fe sen obras, e eu, polas obras, probareiche a miña fe”.

Estamos no Ano da Fe. Un ano ten moitos días e resulta doado esquecerse deste ano de graza que a Igrexa nos ofrece para profundar na fe no Deus de Xesucristo.

Hoxe, máis que nunca, é moi necesario saber ben no que cremos e a quen seguimos.

Non todo serve á hora das obras, nin tampouco todo serve á hora de satisfacer os desexos de transcendencia, que xorden, inevitablemente, do noso interior.

A estas alturas do ano moitos pais xa están a ultimar os detalles da Primeira Comuñón dos seus fillos, moitos noivos preparando na súa voda para o verán, incluso moitos nenos que naceron no inverno e primavera tamén van ser bautizados nos próximos meses.

Estes sacramentos, igual que os outros, son ocasións especiais de crecemento na fe. Pero, chegados a este momento, é triste oír como o único que preocupa, á hora de preparar a celebración, é o que vai durar, ou como se teñen que colocar os noivos ou quen debe  ter en brazos ao neno durante o bautizo.

Pois está claro, a celebración durará o que teña que durar, ata que termine, aos noivos xa os coloca o fotógrafo, e ao neno, o normal, é que o sosteña a persoa máis forte…

As cousas da fe, evidentemente, van por outro camiño. É necesario “pensar” a Deus, é  necesario que as cousas, como dicimos en Galicia, “teñan xeito”, e desde aí ir descubrindo e amando a Xesucristo ata poñelo como centro da nosa vida.

A %d blogueros les gusta esto: