As carmelitas descalzas cumpren 30 anos en Lugo

carmelitas descalzas Lugo

No mes de setembro de 1983 varias relixiosas trasladáronse desde Buñol (Valencia) a Lugo, fundándose así un mosteiro da orde carmelitana na Diocese lucense. Mentres remataba a construción do convento, hospedáronse nunha modesta residencia contigua ao antigo mosteiro das Salesas, na Ronda da Muralla. O convento é pois unha construción recente, situada en Bosende, Paredes, San Pedro Fiz de Muxa, preto da cidade de Lugo. Está sobre un apracible outeiro a uns 400 metros da marxe esquerda do río Miño.

A espiritualidade das carmelitas céntrase na contemplación. A súa vida transcorre no silencio, no anonimato, na penitencia e, sobre todo, na adoración.

Con motivo deses 30 anos en Lugo están a preparar un triduo que comezará o 14 de outubro e que contará coa presenza da imaxe peregrina da Virxe de Fátima.

Os seminaristas felicitan a D. Daniel García polo seu labor como reitor

Seminario Lugo

Desde este curso recentemente iniciado, o Seminario non ten como reitor a quen o foi durante os últimos sete anos: D. Daniel García. O feito de que deixe de ser reitor motivou que os seminaristas maiores fixese público un sentido escrito. Comezan dicindo que “non hai palabras nin obras que poidan pagar o agarimo de todos estes anos, a dedicación, a entrega e o amor co que nos tratou”.

Para os seminaristas, D. Daniel García “foi un auténtico pai que aconsellou, sufrindo coas intranquilidades e alegrándose e compartindo triunfos; foi un amigo co que falar e ser escoitados, rir e chorar, gozar dos pequenos momentos propios das verdadeiras amizades; foi o ombreiro no que apoiarse; foi unha réplica do corazón de Cristo no Seminario entregando cada día a súa vida por esa casa, por cada un dos seminaristas”.

Xornada de experiencias da reestruturación pastoral da Diocese

Reestruturación Diocese Lugo

O día 26 o salón de actos do Seminario acolleu unha Xornada de experiencias da reestruturación pastoral da Diocese de Lugo. Houbo un relatorio a cargo do Bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco “Fundamentación teolóxico pastoral da reestruturación das unidades pastorais e lugares de culto e educación na fe”. E a continuación houbo unha serie de comunicacións de experiencias prácticas pastorais dalgunhas comunidades cristiás da Diocese lucense.

Na foto (de esqda. a dta.), o vicario de coordinación pastoral, Luis Manuel Rodríguez; o Bispo de Mondoñedo, Sánchez Monge; o Bispo de Lugo e o director do Instº Teolóxico Lucense, David Gil. 

Os fregueses de Adai relanzan unha romaría en honra á Virxe da Saúde

O día 22 na parroquia Santa María Magdalena de Adai recupérase unha romaría que se pretende  sexa tamén con peregrinación. Ese día haberá misas cada hora desde as 10 da mañá.

A historia remóntase 65 anos atrás, cando unha familia doou a imaxe da Nosa Señora da Saúde, que agora está nun dos laterais da igrexa e que leva a inscrición: «Regalo de Elías Simón y esposa». Moitos lucenses ían en peregrinación facendo os escasos 5 quilómetros que hai até a parroquia. Hoxe en día tamén son numerosas as persoas que chegan até a zona e ás que se ofrece un motivo máis para aproximarse ao lugar. Sobre todo, o penúltimo fin de semana de setembro.

A %d blogueros les gusta esto: