Miguel Ángel Álvarez: Deixemos que Deus actúe en nós

Practicamente estamos xa no Nadal. Comercialmente xa hai moitos días que comezou. As rúas están cheas de persoas e de luces, que nos animan a entrar nas tendas, e a comprar máis do que tiñamos pensado.

Pero, no medio de todo isto, a nós interésanos non esquecernos do sentido propio que deu orixe ás celebracións dos próximos días.

E para isto, tamén nos pode axudar a encíclica Lumen Fidei, concretamente o número 35: A confesión cristiá de Xesús como único salvador, sostén que toda a luz de Deus concentrouse nel, na súa «vida luminosa», na que se desvela a orixe e a consumación da historia (LF 35).

Hai outra luz, que non é artificial, que é luz en esencia. Hai outra persoa, que é o único Salvador, Xesucristo, un Deus que é luz de verdade, luz que ilumina a orixe e o destino da humanidade e do mundo. Un Deus que nos crea e que se fai home para salvarnos, para que nós participemos da súa mesma divindade. Un Deus que nace neno, que se fai pequeno, para que os que somos pequenos de verdade, sexamos un día grandes, pola súa infinita misericordia.

Neste Nadal deixémonos iluminar por Xesucristo. Non nos poñamos á sombra do noso egoísmo e autosuficiencia. Deixemos que Deus actúe en nós.

Bo nadal. Vémonos no 2014.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Gonzalo Fraga, elixido novo deán da Catedral

Nomeamento deán G Fraga

O 20 de decembro ás 12 h, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco entregou o nomeamento como novo deán da Catedral de Lugo a Gonzalo Fraga Vázquez. Na entrega do seu nomeamento estivo presente o Vicario Xeral e secretario do cabido catedralicio, Mario Vázquez.

Gonzalo Fraga fora elixido o pasado 13 de decembro polo pleno do cabido como deán da Catedral para os próximos 4 anos.

Actos de Nadal na Catedral de Lugo

Sábado, 21 de decembro

Despois da Eucaristía das 20 h, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, bendirá o Belén da Catedral e o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretará panxoliñas.

Domingo, 22 de decembro

Ás 13.30 h, no altar do Bo Xesús da Catedral, concerto do Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera.

Martes, 24 de decembro

Ás 24 h, Misa do Galo, presidida por Mons. Alfonso Carrasco.

Mércores, día 25

Eucaristía de Nadal ás 12 h, presidida polo Bispo de Lugo.

II Xornadas Penitenciarias Lucenses

Irmá Purificación Rguez Puerta

O día 20 de decembro tiveron lugar as II Xornadas Penitenciarias Lucenses. O tema central foron as experiencias de voluntariado no ámbito das prisións. Unha desas experiencias presentouna unha irmá da Sagrada Familia de Burdeos: Purificación Rodríguez Puerta (na foto). Igual que Catherine -Aimèe Nouailles, irmá do fundador da congregación da Sagrada Familia de Burdeos, que por ocuparse de persoas encarceradas era coñecida como “nai dos presos”, tamén chaman “mamá” a Purificación os presos que en situación de permiso van á Casa de Acollida que a pastoral penitenciaria ten na Diocese de Lugo.

A %d blogueros les gusta esto: