Miguel Ángel Álvarez: Con Deus por un camiño luminoso

Levamos dúas semanas facendo o camiño luminoso do Advento. E de camiño e de luz fala abundantemente a encíclica. Lumen FIdei

No número 35 dinos que “o camiño do home relixioso pasa pola confesión dun Deus que se preocupa del e que non é inaccesible”. (LF35) e que “Deus é luminoso, e déixase atopar por aqueles que o buscan con sincero corazón”. (LF 35).

Nisto, empeñamos os nosos esforzos, durante este tempo de graza e preparación, que nos ofrece a Igrexa para celebrar o Nadal.

Un camiño que facemos comunitariamente para atoparnos cun Deus luminoso que, lonxe de ser inaccesible, xa saíu ao noso encontro moito antes de que nós o busquemos.

Así é o Deus de Xesucristo, un Deus que se preocupa de nós, que non se esconde, que se revela plenamente, que non anda nas tebras, que se manifesta ás persoas, sobre todo cando o buscamos con sincero corazón.

De cada un depende o facerlle un sitio na nosa vida. No medio de tantas cousas e tantas ocupacións, facilmente esquecemos a quen, de verdade, se preocupa por nós até as últimas consecuencias…

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Conclúe o Curso de Tempo Libre organizado por Cáritas

O sábado día 14 de decembro, ás 10 h no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo, na Avenida das Américas, 93-97, terá lugar o acto oficial de entrega dos títulos de Monitor de Tempo Libre. Corresponden ao Curso de Tempo Libre organizado polo Servizo de Atención á Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo e impartido pola Escola de Tempo Libre de Cáritas Diocesana de Ourense.

Na entrega dos citados títulos estarán o Director de Cáritas Diocesana de Lugo, Ginés Fernando Plaza Fernández e a Coordinadora do Servizo de Atención á Infancia e Xuventude, Ana María Veiga González.

Este curso foi subvencionado polo Ministerio de Sanidade e Política Social e ten como obxectivo fundamental formar os futuros monitores co fin de mellorar a calidade de vida infantil e xuvenil.

Nicolás Susena Presas, novo lector e acólito

Nico Susena

O 15 de decembro ás 17:30 na Capela Maior do Seminario será instituido lector e acólito polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Nicolás naceu en Lalín en 1992. Neste municipio cursou os seus estudos de secundaria e bacharelato no Instº Ramón María Aller Ulloa. Trala selectividade, ingresa no Seminario, onde cursa 4º de Estudos Eclesiásticos. Colaborou pastoralmente na Parroquia de San Francisco Xavier e colabora, até a data, na Delegación de Pastoral Vocacional na Diocese de Lugo.

Sesións formativas organizadas pola Delegación de Apostolado Seglar

O venres 13 de decembro ás 20:30h, en Monforte de Lemos, nos locais da parroquia de S. Antonio (rúa Manuel María, s/n), hai unha reunión formativa en torno ao documento da Conferencia Episcopal Española “Los católicos en la vida pública”. Aínda que o documento non parece recente, segue sendo obxecto de estudo e actualización.

O próximo martes 17 de decembro ás 19:30, en Melide, no salón da parroquia de S. Pedro (rúa Mateo Segade, nº 2), terá lugar outra reunión formativa sobre a familia como Igrexa doméstica.

A %d blogueros les gusta esto: