O verán tempo para Deus, tempo para o silencio e tempo para o encontro

  O verán é ese espazo do ano onde desconectamos de todo o que nos angustia. O verán é tempo de Deus e para Deus. Tempo para buscalo, para deixarnos buscar e deixarnos tocar pola súa Presenza. Tempo de atardeceres preciosos na beira do mar, tempo para subir á montaña e deixarse empapar da natureza e contemplar a historia persoal e comunitaria desde a Historia da salvación do Creador. Un solpor ou un amencer desde o corazón sereno, sen présas, sen agobios, só El e ti.

Espazo e tempo de Deus e para Deus; contemplar, loar, orar a vida desde o descanso é unha bendición de Deus que moi poucos saben gozar e aproveitar; empaparse e penetrar no propio mar existencial ou na montaña frondosa da nosa existencia.

O verán é tempo para o silencio: pero, que é o silencio?, que tipos de silencio hai?. Silencio externo e interno, ese tempo que se nos regala para calar, ese tempo para oír, ese tempo para escoitar, ese tempo que nos leva máis aló da simple aparencia e fainos entrar en sintonía con nós mesmos, que nos axuda a sincronizar a nosa existencia con Aquel ao que lle confiamos o noso corazón: Xesús de Nazaret.

No verán temos que descubrir que Deus está no silencio, no silencio dun sorriso, no silencio das ondas do mar, no silencio das árbores, arbustos, flores, follas.., no silencio sufrinte de tantos anciáns/as sós nos pobos da montaña ou no silencio dunha residencia, no silencio está o Pai bo, no silencio dos nenos/as que sofren a guerra, no silencio das nais, no silencio Deus escoita e fala.

O verán é tempo para o encontro, encontro familiar, encontro de amigos/as, de veciños/as; en definitiva, encontro cun mesmo, con Deus, encontro.

O verán é o que o resto do ano non pode ser, oxalá aproveitemos este agasallo e gocémolo e non sexamos tan egoístas e fagámosllo gozar aos demais.

O verán é tempo de encontro con Deus por medio da lectura da Biblia, tempo para penetrar nese libro que tan esquecido adoitamos ter e o cal axuda moito na vida persoal e comunitaria. Na Biblia podemos descubrir o encontro de Deus co seu pobo, con Abraham, con Moisés, cos profetas, e toda unha serie de encontros no Antigo Testamento. Se penetramos no Novo Testamento descubriremos o encontro de Deus con María por medio de Gabriel, o encontro de Isabel e María, o encontro de Xesús con Pedro, con Andrés, cos enfermos e un longo etc.

O verán é tempo de encontro de cada de nós co noso Deus que é Pai e revélase no seu fillo e cólmanos co seu Espírito Santo para que sexamos capaces de saír ao seu Encontro.

Feliz tempo de Deus, de silencio e de encontro. Feliz verán.

Manuel Areán Fernández

Non é unha pantasma

E eu que cría que iso das pantasmas era algo relativamente recente, de hai pouco máis de medio século e creado pola ciencia ficción… Pois vai ser que non! Nos evanxeos coméntasenos algunha vez que confundiron a Xesucristo cunha pantasma. Pódenos parecer estraño, pero así é. Lede o evanxeo do próximo domingo e comprobarédelo.

Non é estraño que a nosa infinita imaxinación lévenos a unha comprensión das cousas de Deus dunha forma estraña e imposible. Con moita frecuencia canto máis «rara» é unha manifestación, que alguén di que é de Deus, crémola máis doadamente. O misterio ás veces prodúcenos demasiado morbo, e cremos antes nun Deus pantasma e raro que nun Deus revelado plenamente en Xesucristo e que fala a mesma linguaxe ca nós.

Que verían aqueles pobres homes no medio do lago para pensar desta forma tan confusa? Seguramente viron algo tan extraordinario que creron estar fóra do mundo, pois aquí non poden pasar estas cousas.

E é que Deus fai cousas extraordinarias. Se fixese o mesmo que nós non tería ningún interese. Pero o importante non é que camiñe sobre as augas. Iso é só algo espectacular.

O importante de verdade é o que di e o que nos fai sentir: «Ánimo, son eu, non teñades medo!». A fe non permite que nos afundamos nas escuridades e tempestades da nosa vida. A fe fainos valentes cando nos envolven os medos. Sabernos nas mans de Deus, que o pode todo, fai que vivamos con moita tranquilidade aínda que o ambiente estea, ás veces, demasiado revolto.

Lembro agora un canto que entonamos moitas veces na parroquia ao final dos funerais, cando iniciamos o camiño de levar o féretro ao cemiterio: En los brazos de Dios te dejamos (pinchar para escoitar). Son os mellores brazos, sobre todo, cando os nosos xa non poden facer nada por nós nin polos demais.

Para rematar, tamén unha lectura eclesial deste Evanxeo. «A barca de Pedro» é a Igrexa, ás veces axitada pola brisa tempestuosa deste mundo e os ventos que corren. Tamén a Igrexa terá que virarse a miúdo cara a aquel que a salva de todos os seus medos, e que é Espírito vivo e presente que a asiste.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Conmemoración dos 25 anos da Xornada Mundial da Xuventude de Santiago

Acto académico conmemoración 25 anos XMX

Os días 5 e 6 de Agosto organízanse en Compostela actos conmemorativos dos 25 anos pasados desde que se celebrou en Santiago a Xornada Mundial da Xuventude (XMX).

5 de Agosto:

19:30 – A XMX Santiago 1989: Acto académico (foto esquerda) con intervención dunha coral e de:

  • Salvador Domato, coordinador XMX 1989

  • Prof. Aldo Geranzani, diocese de Milán

  • Mons. Julian Barrio, Arcebispo de Santiago

  • Don Victor Cortizo, coordinador do voluntariado

  • Sr. Cardeal Rouco Varela, Arcebispo de Madrid e naquel momento de Santiago

6 de Agosto:

10:00 – Monte do Gozo: oración e peregrinación cara á Catedral (foto dereita)

13:30 – Misa do Peregrino, Catedral

21:30 – Vixilia de Oración en San Martiño Pinario

A %d blogueros les gusta esto: