Todos somos migrantes

O terceiro domingo de xaneiro celebra a Igrexa Católica o día das migracións e faino chamando a abordalas desde a xustiza. Hai máis de 230 millóns de emigrantes internacionais e deles 60 millóns son refuxiados.

Un dos estereotipos que circulan por aí é que a Igrexa sempre chega tarde ante os diversos problemas sociais. Os estereotipos non son verdades. Este ano a Igrexa celebra a Xornada Mundial das Migracións nº 102 e na ONU celébrase o Día das Migracións (18 decembro) desde o ano 2000 (resolución do 4 de decembro). Se a Igrexa afronta tarde esta temática ¡que dicir da ONU que leva case 90 anos de demora en relación coa Igrexa Católica!

Ante as migracións o primeiro que hai que constatar é que todos somos migrantes ou descendentes de migrantes. O ADN mitocondrial ensínanos que tódalas persoas da humanidade somos descendentes dunha única Eva, que viviu no Centro Leste de África e, desde aí, foise estendendo a tódolos continentes. Asumir que todos descendemos dunha única muller esixe considerar que só hai unha ÚNICA FAMILIA HUMANA. Así sobran os valados de separación, os fosos… pois van contra a nosa orixe. A xenofobia é unha traizón á nosa historia.

Convén lembrar, por iso, que desde 1827 a 1921 arredor de 1 millón de persoas abandonou cada ano Europa na emigración transoceánica. A emigración en España foi unha constante en case todo o século XX e reaparece na actual crise.

Para dar unhas orientacións neste tema a Santa Sé publicou no 2004 o documento “Erga Migrantes Cáritas Christi”, que os bispos españois adaptaron á nosa realidade no 2007 baixo o título “A Igrexa en España e os Inmigrantes”. Tódolos anos o Papa e os bispos publican mensaxes para este día.

Na actualidade case tódalas dioceses de España comparten algún dos seus templos con cristiáns doutras igrexas. Fai máis de tres anos comentáballe ó alcalde de Monforte (do BNG): “o feito mais importante a nivel político, social, cultural e relixioso acontecido na cidade nos últimos seis meses tivo lugar na parroquia da Régoa coa Misa que tiveron os ortodoxos, presidida por un cura de Ucraína”. O seu comentario foi que non sabía nada, pero eu estou convencido que o feito é relevante e dicíallo para que soubera que iso acontecía e acontece.

Nos escritos do Maxisterio dísenos que para a Igrexa “ninguén é estranxeiro”, que “o inmigrante é unha persoa coa mesma dignidade e dereitos fundamentais cós demais, é un fillo de Deus”. Igualmente “a Igrexa defende o dereito a emigrar… e o dereito a non ter que emigrar…”. Tamén denuncia que o Mediterráneo sexa un cemiterio e úrxenos a combater a trata de persoas.
Non vou lembrar máis ensinanzas básicas da Doutrina Social da Igrexa, pero dada a dificultade de integración dos musulmáns quixera traer aquí o documento sinalado da Santa Sé que no nº 66, despois de enumerar o que se comparte con eles, engade:
“Xunto a estas converxencias, preséntanse tamén diverxencias, algunhas das cales están relacionadas cos logros lexítimos da modernidade. Tendo en conta especialmente os Dereitos Humanos, aspiramos, por tanto, a que se produza nos nosos irmáns e irmás musulmáns unha crecente toma de conciencia sobre o carácter imprescindible do exercicio das liberdades fundamentais, dos dereitos inviolables da persoa, da igual dignidade da muller e do home, do principio democrático no goberno da sociedade e da correcta laicidade do Estado. Haberá, así mesmo, que chegar a unha harmonía entre a visión de Fe e a xusta autonomía da Creación”.

A tarefa é grande e necesítase a corresponsabilidade de todos.”

Antón Negro

Homenaxe a D. Carlos Méndez Vázquez

O domingo 17 de xaneiro, a parroquia de Monterroso homenaxea a D. Carlos Méndez que foi cura párroco da mesma dende o ano 1961 ata setembro do 2015. Nesa mesma data encargouse tamén da parroquia de Santiago de Bidouredo, anos máis tarde de S. Martiño de Fente e últimamente tamén de Santa María de Pedraza, todas elas do concello de Monterroso.

Os actos do día 17 son: ás 12:30 h Eucaristía presidida polo Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco e cantada polo coro parroquial e pola coral Ecos do Ulla, e ás 14:00 h comida de confraternidade na Cúpula, situada na praza da localidade.

Seminario de clausura do Curso de Formación en Matrimonio e Familia

Seminario final Curso FMF

O 15 de xaneiro iníciase na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago de Compostela este seminario baixo o título “A família: lugar da Nova Evanxelización”. O mencionado día ás 19h será a primeira das 4 conferencias que impartirá José Noriega Bastos, DCJM. As outras tres conferencias repatiránse ao longo do día 16.

Temas: interpretar a experiencia amorosa da xuventude, o desafío de xerar a castidade, a caridade conxugal, a magnanimidade da paternidade.

O acto é aberto, polo que calquera pode participar, aínda que non sexa alumno do Curso de Formación en Matrimonio e Familia.

[Máis información]

Entrega de premios do Concurso de Tarxetas de Nadal de La Voz de la Verdad

Gañadores concurso tarxetas de Nadal

O día 12 de xaneiro foi a entrega de premios aos gañadores do VII Concurso de Tarxetas de Nadal que convocara a libraría La Voz de la Verdad. Houbo 2000 obras realizadas por alumnos de 15 colexios de ámbito provincial: Poeta Díaz Castro de Guitiriz, La Merced de Sarria, Colexio Público do Páramo, Colexio Público do Corgo, Veleiro Docampo de O Castro, Divino Maestro de Lugo, María Auxiliadora de Lugo, Illa Verde de Lugo, Rosalía de Castro de Lugo, Colexio de Casás de Lugo, Nosa Sra. da Asunción de Sarria, Padres Franciscanos de Lugo, Colexio Público de Antas de Ulla, Seminario Diocesano de Lugo e Divina Pastora Salesianos de Lugo.

[Relación de premiados]

Conferencia de Carmen Villora sobre o carisma salesiano

O xoves 14 de xaneiro ás 17:30h no Colexio María Auxiliadora de Lugo Carmen Víllora Sánchez pronunciará a conferencia titulada “A fermosa tarefa de educar: o carisma salesiano”.

Carmen Villora é doutora en Filosofía e licenciada en Filosofía e Letras, en Pastoral Xuvenil e Catequética. Durante 3 décadas dedicouse á educación de adolescentes e xoves. Ten coñecementos nos temas de valores, transcendencia e relixiosidade. Na súa experiencia como educadora potenciou o acompañamento educativo para o crecemento integral da persoa.

Carmen VilloraCarmen Villora é profesora de Filosofía da Educación no Centro de Ensino Superior en Humanidades e Ciencias de Educación Don Bosco.

Ademais do seu libro El pensamiento religioso de María Zambrano, publicou en varias revistas especializadas: Estudios Filosóficos, Analogía filosófica: revista de filosofía, investigación e difusión; Revista Digital de Educación…

Este acto enmárcase dentro das celebracións organizadas con motivo dos 25 anos de presenza en Lugo das Fillas de María Auxiliadora, salesianas.

A %d blogueros les gusta esto: