Inauguración do Curso Pastoral

curso-pastoral-copiar

 A inauguración do Curso Pastoral é o luns 3 de outubro ás 20 h cunha Eucaristía presidida polo señor Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco na S. I. Catedral.

 Para este Curso, proponse de novo insistente e conscientemente a fe como un camiño de vida. E préstase unha particular atención ao matrimonio, pois nel maniféstase de xeito principal o significado da fe para a vida. Por outra parte, durante este Curso outros lugares da Diocese sumaránse ao camiño xa proposto de dar forma a lugares ou centros de referencia -interparroquiais- máis centrais ou axeitados para que os fieis poidan acudir á Santa Misa co seu sacerdote todos os domingos.

[Ver texto completo das Líneas de acción pastoral para el curso 2016-17]

Pobre San Froilán!

oracion-a-san-froilan

 Antes de nada dicir que con este título non me estou referindo ás festas de san Froilán, senón ao noso santo lucense máis coñecido ou, polo menos, máis nomeado, aínda que hai outros.

 Molesteime en ler o programa enteiro das festas que organiza o Concello de Lugo. Máis de 200 actividades. Malia ser a festa dun santo, só hai unha actividade dedicada propiamente a el, e non creo que vaia a ser a máis concorrida: a ofrenda a san Froilán na Catedral o día 5 ás 12. Xa nin se usan as palabras “misa” ou “eucaristía”, non vaia a ser que alguén se moleste porque o considere un atentado contra o laicismo, como xa pasou nalgún sitio por dedicarlle un “viva” ao santo nas súas festas patronais. Pobre san Froilán!

 A novena na parroquia da que é titular e a Misa solemne do propio día parece que non reúnen as condicións para compartir un pequeno espazo nun tan grande programa de actos. Pero nós estamos celebrando con toda a solemnidade da que somos capaces ao noso santo paisano e protector. Ademais, na nosa parroquia, a de San Froilán, rezamos todos os días a súa oración. Nela pedímoslle ao Señor, por intercesión de san Froilán, que se lembre dos nenos, os mozos, os maiores e de todos os fogares.

 Cada vez vivimos nun mundo máis incoherente. Laicismo por unha banda, pero por outro aproveitámonos do tirón dos santos, aínda que só sexa para facer deles unha marca comercial que encabece un cartel dunhas festas e veña o maior número posible de persoas que deixen uns euros na nosa cidade. Pobre san Froilán!

Se preguntamos ao que o sabe todo, a Google, por san Froilán, diranos que en máis de 230.000 sitios fálase del. Se no mesmo buscador queremos ver imaxes,atopámonos cunha gran cantidade e variedade, pero só unha (si, só unha) da Misa do patrono na Catedral. Pobre san Froilán!

 Supoño que moitos ao oír nomear a san Froilán a imaxe que se lles vén á cabeza é a do polbo. Menos mal que se puideron arranxar as cousas a última hora, porque moitos xa pensaron que, se non había polbo este ano, xa non se podería celebrar ao santo. Pobre san Froilán!

 Falar de san Froilán é falar dun lucense que intentou vivir ao estilo de Xesucristo dun modo radical. Para iso deixa a súa casa paterna para vivir como ermitán nas montañas do Cebreiro e o Bierzo. Máis tarde, séntese impulsado por Deus a abandonar o seu retiro para dedicarse de maneira total á predicación do Evanxeo nas comarcas de Galicia e León, que será cando se produza o lendario episodio do lobo.

 Falar de san Froilán na época actual é unha chamada a repensar o noso estilo de vida e decatarnos de que hoxe a chamada á santidade é tan actual como no tempo de san Froilán. Non é unha vergonza nin un exceso de orgullo querer ser santos. Para ser santos, máis ben, necesítase unha gran dose de humildade para recoñecer que estamos necesitados da misericordia de Deus.

 Termino coas palabras do Prefacio I da Misa dos santos. Creo que resume ben cal é a misión dos santos e como debemos achegarnos a eles:

“En verdade é xusto darche grazas / e deber o noso glorificarte, / Pai Santo, / porque manifestas a túa gloria / na asemblea dos santos, / e, ao coroar os seus méritos, / coroas a túa propia obra. / Ti ofrécesnos o exemplo da súa vida / a axuda da súa intercesión / e a participación no seu destino, / para que, animados pola súa presenza alentadora, / loitemos sen desfalecer na carreira / e alcancemos, como eles, / a coroa de gloria que non murcha, / por Cristo, Señor noso”.

Viva san Froilán!

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: