Encontro de antigas alumnas do Colexio Santísimo Sacramento

Onde agora está o convento das salesas, á beira da Casa Diocesana, houbo o Colexio Menor Feminino Santísimo Sacramento, casa de formación cristiá e promoción da muller estudante, creada polo Bispo Don Antonio Ona de Echave. Hai 50 anos a provincia de Lugo só contaba con tres centros de ensinanza secundaria (Lugo, Ribadeo, Vilalba).

O 14 de maio na capela do Mosteiro da Visitación haberá unha Eucaristía coa que comezan o seu encontro as alumnas do curso 1966-1967, que ese día estarán en Lugo procedentes de varios lugares de España. A continuación haberá unha comida de confraternización.

Concerto solidario organizado por Mans Unidas

O domingo 14 de maio ás 20h no Círculo das Artes de Lugo terá lugar o Concerto solidario que xa vén sendo tradicional nos últimos anos. Da Escola Municipal de Música de Lugo, actuarán:

  • o Grupo de pandeiretas (dirixe Mercedes Autram),
  • o Coro Moderno (dirixe: Noelia González) e
  • a Big Band (dirixe: Adrián Lage).

Tamén intervirá o Orfeón Lucense (dirixe: Marcos Fernández Mosquera).

As entradas (5 euros) poden recollerse anticipadamente na sede da Delegación (r/ Cruz, 1 B de 11 a 13h) ou no mercado solidario da rúa San Pedro, que amplía o seu prazo de apertura: agora estará aberto ata o día 19 de maio. 

Actos en Lugo no día de San Xoán de Ávila

O 10 de maio celébrase a festividade do patrono do clero español, San Xoán de Ávila. Houbo unha conferencia do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco titulada “A indulxencia plenaria na Catedral de Lugo”, da que se extractan a continuación unhas liñas: 

“A concesión do privilexio da indulxencia plenaria, cotiá e perpetua á nosa Catedral de Lugo tivo lugar nos últimos días do Ano Xubilar da Misericordia.

“Esta indulxencia será sempre para nós, en primeiro lugar, unha obra de misericordia, na que resoan dalgún modo as obras corporais e espirituais da tradición católica: visitar ao enfermo, dar para comer ao famento, vestir ao espido -que analogamente se fai con quen busca indulxencia-, ou, igualmente, perdoar ao que nos ofende, consolar ao triste, soportar con paciencia os defectos do próximo, rezar a Deus polos vivos e os defuntos, etc. A indulxencia plenaria é, en si mesma, misericordia; e achegarnos a posibilidade de acceder a ela na proximidade das nosas casas, en Lugo e en Galicia, en condicións adecuadas ás nosas forzas, calquera día e todos os días, é tamén unha misericordia grande.

“En todo iso, no don desta “gran perdonanza” que se nos ofrece, brilla de modo singular e en especial a gratuidade profunda do amor. Non so porque nada ñxemos que merecese esta indulxencia, senón ante todo porque se trata dun compartir -totalmente libre- o persoal, o máis vivo e próximo ao corazón, aquilo en que Deus mesmo descobre a beleza, o ben e a verdade da vida dos seus, ao que quere recoñecer verdadeiro merecemento mesmo ante El.

“Neste compartir desinteresado móstrase a alma verdadeira do irmán e, por suposto, en primeiro lugar, de Cristo o noso Señor, que coa entrega de si mesmo, do seu Corpo e do seu Sangue, fixo xurdir esta “comuñón” de Deus e os homes, que atravesa os séculos e que chega hoxe a nos nesta indulxencia “lucense”.

 Trala conferencia, celebrouse a Eucaristía e a continuación un xantar. Na imaxe inferior, os sacerdotes que cumpren as vodas de ouro, co señor Bispo.

Celebración de San Xoán de Ávila

O 10 de maio celébrase a festividade do patrono do clero español, San Xoán de Ávila. Con ese motivo no Seminario hai un programa de actos que inclúe os seguintes:

  • 11:30 Oración, seguida dunha conferencia do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco titulada “A indulxencia plenaria na Catedral de Lugo”

  • 13h Eucaristía

  • 14h Xantar

Este ano cumpren 50 anos de sacerdocio:

  • Roberto Cea Veiga, cura de Gondollín

  • Adolfo García Vázquez, xubilado

  • David Gil Mato, cura de Láncara

  • Manuel González Vázquez, cura de Cabanela

  • José Antonio López Pérez, xubilado

  • Antonio López Valcárcel, cura de Guldriz

  • Jesús Pérez García, cura de Pidre

  • José Piñeiro García, cura de Martín

  • Manuel Vázquez Arrojo, cura das Gándaras

Exposición intercultural “Raíces” no Colexio salesiano “Divina Pastora”

O Colexio Salesiano “Divina Pastora” de Lugo acolle no salón de actos unha exposición intercultural aberta ao público desde o 8 ata o 12 de maio en horario de 17.30 a 19.00 horas.

A Exposición chámase RAÍCES e conta con numerosas pezas que recollen elementos do labor de centos de persoas que desde fai máis de 135 anos desvívense para que ningunha persoa no mundo, sen importar raza, sexo ou relixión, sufra as desigualdades sociais.

O visitante da exposición pode achegarse aos cinco continentes en que existe presenza da ONG “Jóvenes y Desarrollo” e as Misións Salesianas a través de obxectos significativos de cada un deles. O visitante sairá máis convencido de que co esforzo de cada un de nós outro mundo é posible.

Na mostra hai utensilios do día a día doutras culturas, pezas de artesanía realizadas nas Misións, unha cabeza humana reducida pola tribo shuar, instrumentos musicais de diferentes continentes ou máscaras das tribos máis recónditas do planeta.

A %d blogueros les gusta esto: