Concerto de música góspel

O 7 de maio ás 18h na igrexa de Santiago A Nova hai un concerto de góspel a cargo do grupo Aba Taano, conformado por unha mezzosoprano, un barítono e tres baixos. Estes cantantes cantarán en zulú, swahili, luganda ou runyancore e tamén interpretarán góspel tradicional en inglés e pop á vez que bailan coreografías preparadas por eles mesmos. Os concertos de Aba Taano están sempre impregnados de pureza, forza e entusiasmo e as súas voces son excepcións e emocionan a todo tipo de audiencia.

Cos seus concertos axudan a financiar o proxecto humanitario de Música Para Salvar Vidas, cuxo labor é axudar a que nenos orfos procedentes de Uganda poidan labrar o seu futuro por medio da música e a danza. O concerto deste domingo é de entrada libre e ao final pode deixarse unha colaboración económica.

Os músicos do grupo Aba Taano percorreron moitos auditorios de España co coro Uganda Natumayini, logo co Omutima Gwa Afrika e actualmente coa actual formación (Aba Taano).

Congreso de Educadores Católicos

O Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo acolle o 6 de maio o Congreso de Educadores Católicos, que ten como programa o seguinte:

  • 9:30 Recollida de documentación

  • 9:45 Oración

  • 10:00 Conferencia: Xesús: O Mestre, por D. Francisco Serrano, Profesor titular de San Pablo CEU (Madrid)

  • 11:30 Pausa café

  • 12:00 Conferencia: Educación con efecto bolboreta, por Dna. María Ángeles López Romero, Directora da editorial San Pablo

  • 14:00 Xantar

  • 16:00 Conferencia: Diálogo cultura-fe. Claves, por D. Francisco Serrano

  • 17:30 Pausa-café

  • 17:45 Homenaxe aos nosos centros. Colexio Divina Pastora Lugo. A Educación nunha escola salesiana, por Dna. Marta Trashorras Gayoso, Mestra e psicopedagoga

  • 19:15 Avaliación

  • 20:00 Clausura do congreso

    Mons. Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo

Anticlericalismos de onte e de hoxe (e II)

Vai, logo esta segunda parte do tema do anticlericalismo. Pode que decepcione ós que  a esperaban con expectativas desmesuradas e ademais, por algo se di “que nunca segundas partes foron boas.”

No campo da fama de peseteiros e ricos prometera volver sobre outro complemento que teñen algúns curas á nómina ou á pensión: o dos enterros e cabodanos. Van sendo moitos os casos en que por necesidade ou por principio vanse facendo cun cura só, mentres o haxa. E, por outro lado, xa non se mide a importancia que a familia lle quere dar ó morto polo número de curas, senón máis ben polo prezo da caixa, o número de ramos e coroas, o tamaño da esquela no xornal, ou o número de radiacións. Onde se conserva o piadoso costume de “chamar ós curas de tabla”, tamén segue parecendo moito que un cura cobre 40 euros, -coma un ramo pequeno de margaridas-, aínda que teña que dedicar unhas dúas horas para poder non aparcar lonxe nin esperar a que lle abra paso o último que se vaia, e na cerimonia, presentar ben, saír moi aseado, cantar con forza, rezar con devoción e, se ten que predicar, non ser longo, centrar a atención case tan ben coma os de Podemos no Parlamento e, sobre todo, falar do ben que fora coidado ou coidada o corpo presente. Algunha vez teño pensado en canto sairía un funeral oficiado, poñamos por caso, por tres veterinarios, dereitos do Colexio á parte.

Polo xeral, non temos gastos coma se tivésemos fillos nin muller que manter, aínda que, se escoito ó pobo, só podo falar por min, porque aínda hai pouco que unha muller de Friol escribiu nas redes públicas que todos os curas, menos o “seu”, temos unha pilísima enorme de fillos ciscados polo mundo. Parece ser que a asociación feminista “Haz el bien y no mires con quién” vaille dar un premio á señora, e o Instituto Central de Bioloxía Xenética, outro polos seus descubrimentos da desconcertante fertilidade de “célibes, menopáusicos y prostáticos”. Manter fillos non, pero o utilitario usado por necesidade a diario vén comendo case tanto coma un repoludo cebote.

Saíu antes o nome de Friol e penso que o seu conflito pode pasar á historia como prototipo e paradigma do anticlericalismo dos tempos modernos ou do cambio que, valéndose dos medios de comunicación e das redes sociais, e usando o populismo para estimular instintos e anular raciocinios, difunde verdades a medias, crea realidades mendaces e maquilla ó seu gusto a realidade verdadeira. E ademais, apunta por riba do clero baixo, a bispos e membros da curia que saben que non se defenderán coa mesma linguaxe utilizada contra eles.

Sirva como exemplo a autochamada Plataforma veciñal formada por 3 persoas en representación de 14 parroquias, que se autoconstituíu en defensa do “seu” cura e que  inaugura algo do máis  orixinal: Valorando moitísimo a un só cura, en nome do que falan e suplantan como se o tivesen secuestrado, deixa mal a tódolos outros, incluído, por suposto, o Bispo, Vicarios, Consello de Consultores e permanente do Consello Presbiteral.

Algo vai cambiando na Igrexa cos tempos, aínda que moitos anticlericais de sempre digan que é unha institución inmobilista. Non é novidoso que un alcalde cristián, por servir ó pobo, queira declarar persoa non grata a un Bispo e consecuentemente ós curas nomeados por el? Non é unha gran noticia que uns laicos comprometidos inviten a rezar un “nosopai” composto para a ocasión, nunha praza mollada de Lugo, “in facie episcopi”, megáfono en man, e o fagan con esta monición inicial: “Todo dios de rodillas”!, e denuncien ó Bispo da súa diocese ante a Conferencia Episcopal e a Nunciatura e pidan protección ó Embaixador ante a Santa Sé e, saltando a seguridade, lle queiran meter polos ollos ó Papa cando veña a Fátima: “Papa Francisco, su Obispo de Lugo no escucha”. Só falta que Francisco, tan campechano el, apee do papamóbil e entre ó diálogo: –“Ma, ¿de che Lugo mi parla; di Lugo di Vicenza in Italia, Lugo di Nazza in Francia?”.-“En Friole de Galiza, Santidade. Ou sexa: en Friol de Lugo”.-¡Ah, bene! In Argentina suona molto nabo di Lugo”. Agora que se o pillan co paso cambiado pode despachalos cun: “¿E poi, Lugo non ha otorinolaringoiatri per lavare le orecchie del Vescovo? Tutto è cominciato e continua come una incredíbile carnevale farsa per screditare la Chiesa. Pertanto, la piattaforma non è in comunione ecclesiale”.

Xosé Manuel Carballo

A %d blogueros les gusta esto: