O Camiño da túa vida

Fai dous anos a Unesco declaraba Patrimonio da Humanidade aos camiños de Santiago Norte e Primitivo. Trátase dunha extensión do ben cultural en serie denominado “Camiño de Santiago de Compostela”, que se inscribiu na Lista do Patrimonio Mundial en 1993.

Esta declaración non fai máis que constatar unha realidade, pois peregrinos a Santiago hóuboos desde o momento en que se atoparon os restos do Apóstolo e as persoas sentiron a necesidade de peregrinar ata o seu sepulcro por moi diversas motivacións.

Nos últimos 40-50 anos o fenómeno das peregrinacións adquiriu unha gran magnitude. Non me refiro só a Santiago, senón a outros moitos santuarios de todo o mundo: Fátima, Lourdes, Medjugorje, ou os mesmos santuarios diocesanos, especialmente O Corpiño, O Faro e O Cebreiro.

O verán é o momento álxido das peregrinacións a Santiago. Pola Fonsagrada, por contarlles a miña experiencia, están pasando estes días unha media de 100 peregrinos. Para un pobo como este, e para o que estabamos afeitos, é moito. Xa os anos anteriores foi así. Para a zona é unha riqueza, non só pola achega económica, senón sobre todo espiritual, pois moitos deles pasan pola parroquia e outro grupiño adoita acudir á Eucaristía e posterior bendición dos peregrinos. Por certo, que máis dunha vez vexo como os peregrinos emociónanse durante a bendición cando rezamos: “Que de día os protexa a Túa sombra e de noite alúmeos a luz da túa mirada”.

O Camiño da Vida” é tamén o subtítulo dunha película-documental, Footprints, que vin fai uns días. Interesábame porque é un audiovisual sobre o Camiño de Santiago e sabía que as cámaras e os seus protagonistas estiveran na Fonsagrada. O que non sabía é que aparecía unha escena da bendición dos peregrinos na nosa parroquia, na que se pode ver e escoitar a D. Ramón, cura que foi desta parroquia, recentemente falecido, e que fixo o primeiro albergue de peregrinos no Camiño Primitivo. Recoméndolles que vexan a película. Axudaralles, aínda que nunca vivisen a experiencia de facer o Camiño.

O Camiño” é un dos símbolos máis completos para representar moitos aspectos da existencia do ser humano. Xesús dinos que el é “o camiño”. Machado, que “se fai camiño ao andar”. Cotelo, director da película que mencionei antes, fálanos do “camiño da vida”. Poderiamos seguir poñendo exemplos e citas, pero todos coñecemos perfectamente que significa o camiño e facer camiño, unhas veces costa arriba e outras abaixo. Tamén todos experimentamos moitas veces as durezas do camiño e a alegría que sentimos cando chegamos á meta.

Para os cristiáns, o camiño e a peregrinación tamén teñen moita importancia. Nalgún momento da nosa vida escoitamos falar de Xesús e comezamos así nosa peregrinación para atoparnos con El. A nosa é unha peregrinación de altas metas, tan altas que se atopan no ceo, pois a donde vai Cristo tamén queremos ir nós. Outra cousa son as pedras que atopamos no camiño, pero ata para iso temos sorte, pois o mesmo Cristo vai facendo o camiño diante de nós; e ao mesmo tempo, tamén vai ao noso carón para erguernos cando caemos ou para axudarnos cando cansamos.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Cura da Fonsagrada

Os Mestres do XVIII no Museo Diocesano – Catedralicio

Desde xuño os estudosos da arte e o público en xeral estamos de noraboa pola reapertura do Museo Diocesano – Catedralicio de Lugo; ademais de pola súa coidada museografía e a espectacularidade das pezas seleccionadas este museo destaca pola contorna onde se enmarca. O comezo da visita preséntanos a sala capitular, obra de Domingo de Andrade de finais do século XVII e remodelada por Miguel Ferro Caaveiro no XVIII. Moi próximo a esa sala atópase o arquivo catedralicio (século XVIII) lugar frecuentado por personaxes ilustres como Inocencio Portabales, Amador López ou Francisco Vázquez Saco.

Gran parte do museo atópase na construción da fachada que se levou a cabo a partir de 1770 e onde traballaron grandes mestres do XVIII como Julián Sánchez Bort (planos), José de Elejalde, Alberto Ricoy ou Miguel Ferro Caaveiro; difícil elixir entre os tesouros da exposición, pequenas mostras de todos os puntos da Diocese, pero a importancia do brazo relicario que contén a tibia de San Froilán, pola que tanto loitaron bispos como Pedro de Nero y Castro ou Alonso López Gallo, lévase o meu recoñecemento. O impresionante triforio convértese de novo no escaparate de obras de artistas como Cornielles de Holanda, aclamado escultor do século XVI dos retablos das catedrais de Ourense e Lugo, e onde aquí temos as súas esculturas ao alcance da man. No fondo do triforio do lado do Evanxeo agarda uns de momentos máis especiais, a visión da cúpula de Carlos Lemaur coas pinturas de José de Terán (1766-1768) desde unha proximidade e perspectiva ata agora non vista polo público desde a súa restauración en 2011.

A apertura do museo dá a posibilidade de percorrer a parte superior da fachada do Bo Xesús; pola soa oportunidade de pasear entre as colosais esculturas dos catro evanxelistas que en 1785 realizaba o escultor Santiago Quatrigas Baamonde merece pagarse a entrada, xa que desde aí conséguense as mellores fotografías de Lugo e, mirando ao horizonte, pódese ver o percorrido do Camiño Primitivo e o territorio de parte da Diocese de Lugo (moi ao fondo as históricas terras de Abeancos); unhas vistas espectaculares. Ademais da fachada tamén se permite a subida ás torres que no último terzo do XIX Nemesio Cobreros Cuevillas realizaba baixo os planos orixinais de Julián Sánchez Bort.

Como nos bos menús deixei para o final unha boa sobremesa: a visita ao claustro barroco, unha obra cun valor artístico incalculable e non menor valor histórico: en febreiro de 1708 un novísimo aparellador de Santiago, de nome Fernando, chegaba á catedral para traballar ás ordes de Frei Gabriel de las Casas (mestre de San Martín Pinario); pouco despois, en outubro de 1709 informaba ao cabido da morte deste e preguntaba humildemente se querían buscar un novo mestre ou seguía el coa obra. Será aí onde o cabildo de Lugo cambiará a historia da arte en Galicia confiando o traballo a este aparellador que todos coñecemos agora como o gran Fernando de Casas y Novoa, que, tras terminar o claustro, realizará a maxestuosa Capela da Virxe dos Ollos Grandes (1726-1736) e será eternamente lembrado pola construción máis icónica do Camiño de Santiago: a Fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago de Compostela.

Marcos G. Calles Lombao

Doutorando en Historia da Arte na U.S.C.

A %d blogueros les gusta esto: