Celebración de Nosa Señora de Altagracia

A comunidade dominicana presente no barrio da Milagrosa e na cidade de Lugo celebra a festa da Nosa Señora de Altagracia, patroa da República Dominicana. 

O nome de “Altagracia” deriva do feito de levar a Virxe María a graza máis alta das outorgadas a un ser humano: ser a Nai de Xesús.

Na súa honra celebrarase unha Misa na igrexa parroquial da Milagrosa presidida polo Bispo da Diocese o domingo 21 de xaneiro as 18:30 h e posteriormente un ágape no salón parroquial arredor das 19:30 h.

Festival de Infancia Misioneira 2018

O Festival de Infancia Misioneira será o 19 de xaneiro ás 17h no salón da Parroquia do Bo Pastor. Comézase cun encontro co xogador congoleño do Breogán Hervé Kavasele. Compartirá cos asistentes a súa experiencia e faráselle entrega de material escolar para os nenos do seu país. Neste xesto misioneiro e solidario poden participar todos os nenos asistentes levando algo.

A continuación, a compañía de maxia de Juan e Ana Tamariz presentarán un espectáculo chamado “Maxia e alegría”. Con esta actuación preténdese infundir a alegría no corazón dos nenos, actitude necesaria para que poidan abrirse á misión.

 A Xornada da Infancia Misioneira (mundial e pontificia) celébrase o día 28 de xaneiro (IV domingo do Tempo Ordinario).

I Congreso para mozos de Galicia organizado polos salesianos

A asociación Centro Xuvenil Abertal, socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, organiza o I Congreso “Es o que comes” para mozos e mozas.

A xuntanza comezará a partires das 10:45 horas no Cine Salesianos (R/ Venezuela) de Vigo, onde será a acollida aos máis de 100 mozos e mozas de 15 a 19 anos de idade que se xuntarán.

Ambientado no formato dun Congreso,  haberá un relatorio inicial, a cargo da médica de familia Ana Prejigueiro (experta en nutrición). A partires das 12:00 haberá seminarios nos que se traballarán distintos aspectos relacionados coa saúde: física, psicolóxica, social e espiritual.

Ás 16:00 horas, hai unha celebración na parroquia Mª Auxiliadora na que se recolle o vivido ao longo da mañá.

O acto de clausura deste encontro realizarase ás 17:15 h no patio do centro.

O lema deste ano é “Es o que comes”. E participarán mozos e mozas que forman parte dos grupos xuvenís de tempo libre que funcionan todo o ano cun ritmo semanal e teñen momentos fortes como son o campamento de verán no mes de xullo, o Campobosco no mes de novembro, esta xuntanza no mes de xaneiro e en Semana Santa a Pascua Xuvenil. En total son preto de 500 mozos e mozas os que participan asiduamente destes grupos en toda Galicia. En Lugo, Ateibo (colexio salesiano da praza da Milagrosa).

Xubileu no Corpiño das persoas que se dedican á protección animal e da natureza

domingo 21 terá lugar o Xubileu das persoas que se dedican á protección animal e da natureza, e tamén se fará a bendición ao finalizar a Eucaristía das 12:00 horas.

O mércores 17 de xaneiro celébrase a festividade de San Antón Abade, protector dos animais. Por iso, ao finalizar a Eucaristía das 18:00 h farase a bendición dos animais.

Próximos xubileus

O domingo 28 ás 12h Xubileu dos medios de comunicación e o día 30 (Día escolar pola non violencia e a paz) será ás 11h o Xubileu da ensinanza, celebrándose unha xornada de convivencia con colexios.

Da xenofobia á “xenofilia”

Nos últimos tempos na Opinión Pública parece que non hai lugar para os migrantes, sobre todo para cooperar con eles á solución dos seus problemas dende a solidariedade. Esta é a forza dos pobres, xa que pobre + pobre +… = forza solidaria.

A Santa Sé segue convocando aos Católicos, e a toda persoa de Boa Vontade, a ter un día para os migrantes co fin de que revisemos o trato que lles dispensamos e, despois, profundizar no compromiso solidario facilitando a súa incorporación á vida social do país con tódolos seus dereitos.

Non deixa de sorprender que, a pesar de ser xa a 104 Xornada Mundial das Migracións, teña esta tan pouco arraigo na vida das comunidades cristiás e na vida social. Por outra parte a ONU tamén leva convocadas xa 18 Xornadas Mundiais das Migracións, pero faino o día 18 de decembro. Na Igrexa celébrase en xaneiro o domingo posterior ó Bautismo de Xesús, despois do día da Adoración dos Reis Magos, tempo no que temos presente a fuxida de Xesús para converterse nun refuxiado en Exipto (Mt. 2, 13-15), feito que lembra o Papa Francisco na mensaxe deste ano.

Na actualidade vemos que en Europa emerxen movementos sociais xenófobos, que non son aceptables por tres razóns:

1) Son unha negación dos Dereitos Humanos, xa que o artigo 13.2 recoñece o dereito a emigrar e volver ao país.

2) Negan a ciencia, pois o ADN mitocondrial revélanos que somos unha soa humanidade descendentes dunha única “Nai” (Eva), por tanto, somos da mesma familia.

3) Tamén van contra a esencia do cristianismo, xa que cremos nun Deus Pai-Nai común (Noso), nun único Salvador, Xesucristo, e nun único Espírito Santo que nos vivifica.

Por iso é de razón e de xustiza rexeitar a xenofobia e promover a XENOFILIA (e pedir que se inclúa a palabra no dicionario da RAE como xa o está noutros dicionarios).

Na mensaxe deste ano o Papa úrxenos aos membros da Igrexa Católica a asumir unha grave responsabilidade ante os migrantes cando escribe: “A cada ser humano que se ve obrigado a deixar a súa patria na busca dun futuro mellor, o Señor confíallo ao amor maternal da Igrexa”. A pregunta para un autodiagnóstico que debe facer cada un dos Católicos é: Temos este amor maternal para cada migrante?. Pero tamén urxe a todos a ter unha ética na vida sociopolítica, é dicir, a ser humanistas en serio cando afirma, citando a Bieito XVI (Cáritas in Veritate 47), que: “O principio da centralidade da persoa humana (…) obríganos a antepoñer sempre a seguridade persoal á nacional”. Dito doutra maneira, as persoas son o primeiro, son sempre un fin e nunca un medio.

A actual mensaxe de Francisco está redactada en torno a catro verbos, que son: ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER e INTEGRAR aos migrantes e refuxiados. Na mensaxe vai propoñendo moitas accións concretas como que poidan abrir contas bancarias, teñan dereito a ter sempre consigo os documentos de identidade, dereito de reunificación familiar (inclúe avós, irmáns e netos), a abrir corredores humanitarios, ter unha nacionalidade desde o nacemento, dereito a asistencia sanitaria, liberdade de profesar e practicar a propia fe, inserción sociolaboral…

O Papa lembra tamén o compromiso que os Estados asumiron no cumio das Nacións Unidas do 19 de setembro de 2016 para elaborar e aprobar antes do fin do ano 2018 dous pactos globais, un dedicado aos refuxiados e outro aos emigrantes.

Así que entendo que todo cidadán, se non quere ser un perigo para a convivencia social (nese caso a sociedade tería dereito a defenderse del), debe ser ético e xusto e, por tanto, ter claro que os migrantes son persoas e non forza de traballo, que a persoa migrante ten a mesma dignidade humana e os mesmos dereitos humanos cós demais, que tamén teñen dereito a emigrar e igualmente teñen dereito a permanecer no propio país, e nos dous casos poder conseguir un nivel de vida digno.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: