Toma de posesión dun novo cóengo da Catedral de Lugo

O luns, 18 de xuño, ás 20 h na Catedral de Lugo, tomará posesión como novo cóengo o sacerdote David Varela Vázquez.
Sacerdote da Diocese de Lugo desde o ano 2006. Foi formador do Seminario Maior de Lugo e adscrito ao Equipo Sacerdotal da Parroquia de San Francisco Xavier (Lugo).
Actualmente é Director do Instituto Teolóxico Lucense, Reitor dos Seminarios Diocesanos, Director-Delegado do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Dámaso – Extensión de Lugo e Secretario do Lucense Eucharisticum Centrum.
Licenciado en Estudos Eclesiásticos polo Instituto Teolóxico Lucense e doutor en Teoloxía (Especialidade de Teoloxía Dogmática), pola Pontificia Universidade Gregoriana de Roma.

Posibilidade de titularse en Ciencias Relixiosas desde casa

Grazas á formación a distancia, é posible conseguir o título en Ciencias Relixiosas case sen saír de casa. O Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (ISCCRR), pertencente á Universidade Eclesiástica San Dámaso ofrece un método semi-presencial dos seus estudos. Estúdase desde casa seguindo un manual impreso e pódense manter entrevistas persoais co profesorado, ou contactar con eles por teléfono ou por email, para recibir a axuda precisa.

Estes estudos -que están recoñecidos pola Santa Sé e polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte- divídense en dous ciclos de tres e dous anos respectivamente, co título eclesiástico de Bacharelato (para o primeiro ciclo) e Licenciatura (para o segundo) en Ciencias Relixiosas, equivalentes aos títulos civís de Grado e Máster.

Ao longo da carreira impártense materias que estudan a figura de Cristo (Cristoloxía), de María (Marioloxía), da Igrexa (Eclesioloxía) e outras moitas, como Historia da Igrexa, Historia da Filosofía, Biblia ou Liturxia. Profúndase na vida do cristián e a súa acción no mundo, do que se ocupa a Teoloxía Moral e a Doutrina Social da Igrexa. Para coñecer mellor o noso tempo estúdanse tamén as relixións do mundo, as seitas, aspectos relacionados coa bioética e as ciencias da vida, e outras moitas cuestións.

Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA) para Secundaria

O ISCCRR na súa sección a Distancia tamén ofrece a posibilidade de obter este título é a acreditación necesaria para poder impartir clase como profesor de relixión en colexios e institutos de toda España.

O ciclo da DECA comprende cinco materias que versan sobre Pedagoxía, Didáctica da Relixión ou Métodos educativos.

Todas as materias (Grado, Máster ou DECA) estúdanse a distancia cun titor. A avaliación final de cada materia conta cun traballo desenvolvido desde casa e un exame presencial. Máis información

Encontro diocesano no remate do Curso Pastoral

O vindeiro venres 15 de xuño, o santuario do Cebreiro acollerá o Encontro diocesano para clausurar o Curso Pastoral 2017-2018.

É un encontro-convivencia para sacerdotes, relixiosos, consagrados e fieis laicos. O motivo é reunirse para dar grazas a Deus por este curso pastoral, e tamén é unha ocasión para verse, compartir experiencias, rezar e comer xuntos. Preside o encontro o Sr. Bispo.

Organízase a comida para todos e un dos autobuses que irán sairá de Praza Bretaña (Lugo) ás 9:30 h. da mañá.

O encontro desenvólvese do seguinte xeito:

  • 11:15 h: Acollida-Oración

  • 11:30 h: Reflexión: “Fraternidade, un camiño de fe”. Dirixe: D. Francisco Castro Miramontes, membro do equipo da comunidade franciscana do Cebreiro.

  • 12:30 h: Descanso

  • 13:15 h: Celebración da Santa Misa (Sacerdotes levar alba e estola)

  • 14:15 h: Comida

  • 16:30 h: Oración mariana

  • 17:00 h: Fin do encontro

É necesario apuntarse antes do 13 de xuño para a comida (15 €) e para o desprazamento en autobús (10 €) chamando ao teléfono 982 214 265.

Xubileu dos noivos e comprometidos no Corpiño

O domingo, 10 de xuño, celebrouse o último Xubileu do Ano Santo Mariano; que foi dedicado nesta ocasión aos noivos e comprometidos e que tivo gran afluencia de fieis.

Sobre as 11:45 h atopábanse na Carballeira do Santuario o Reitor e os devotos cos peregrinos que chegaban de realizar o Camiño dos pastorciños, para impartir a bendición e iniciar a procesión cara á Porta Santa. Ás 12:00 h empezaba a Santa Misa, por todos os noivos e comprometidos. Ao finalizar impartiuse a bendición a todos os presentes.

Aínda que non hai máis xubileus programados no Santuario; todo o que queira poderá gañar o xubileu ata o domingo 24 de xuño, día en que conclúe o Ano Santo e realizarase a Coronación Pontificia da Benaventurada Virxe María do Corpiño.

Para conseguilo é necesario:

– Confesar

– Comulgar

– Rezar polas intencións do sumo Pontífice

– E orar ante a imaxe da Virxe María do Corpiño

Tamén, ata o 24 de xuño, poderán obterse os certificados de peregrino.

A Ofrenda de Galicia ao Santísimo

O domingo da oitava de Corpus, a cidade de Lugo volve vestirse de gala para celebrar e renovar a Ofrenda ao Santísimo na nosa Catedral. Este ano o Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia foi o Alcalde do Excmo. Concello de Betanzos, e respondeulle o Arcebispo de Santiago de Compostela.

Dende o día primeiro de marzo de 1669 no que a Xunta do Reino de Galicia, en A Coruña, outorgou escritura favorable á petición do Ilmo. Cabido da Basílica lucense, coa finalidade de conseguir axudas para incrementar o alumeado no Altar Maior, onde está permanentemente exposto o Santísimo dende tempos inmemoriais, dende entón, nunca se interrumpiu tan significativa tradición. Nin as turbulencias político-sociais, económicas e incluso relixiosas, propias dos tempos de antes e de agora, foron capaces de acalar as solemnes celebracións eucarísticas coas invocacións dos oferentes e as respostas dos bispos respectivos. Tanto as invocacións como as respostas son hoxe unha fonte de riqueza histórica, literaria e espiritual. D. José Molejón, cóengo organista emérito da Catedral, contribuiu a esta rica memoria facendo a recompilación, ata o ano 2000, nun tomo editado polo Excmo. Concello de Lugo.

A conciencia da centralidade da Eucaristía e da presenza real de Cristo nas especies eucarísticas permanece clara na Diocese lucense e na nosa cidade. Cada ano celébrase con máis resplandor o Corpus. Recuperáronse, con gran participación, os tradicionais concursos de poesía e fotografía eucarística e patrimonial. Os concertos internacionais de órgano son a ledicia de moitos lucenses que enchen sempre o lugar da actuación. Os cursos de música contan cun alumnado fiel e desexoso de aprender a loar a Deus a través da cultura musical. O Centro Eucarístico Lucense, fundado cando comezou o episcopado do actual Bispo, estase a implantar con enteireza e contribuíndo a incrementar o estudo do apaixoante mundo eucarístico e patrimonial. Como moi ben afirma o Bispo Alfonso Carrasco, nunha recente publicación bilingüe baixo o título Fe Eucarística, pax. 45, (Lugo, 1918), “o noso orgullo foi profesar aquí con firmeza este miserio da fe, ser a Diocese e a Cidade do Sacramento”.

Poetas de Lugo fixeron e fan memoria destes acontecementos relevantes. Velaquí algúns fragmentos para unha feliz memoria histórica. O Licenciado Molina, malagueño, cóengo de Mondoñedo no século XVI, citado entre os ananos ilustres de España nun poema titulado “Descripción del Reino de Galicia” escribía: “E nesta cidade tampouco non calo estar descuberto na igrexa maior o sacramento sen máis cobertor, que noutras igrexas non podo atopalo. A causa e segredo, querendo acadalo, de estar así posto tan gran sacramento, algunhas se din, mais o meu sentimento é que o mellor é decote adoralo” (Cf. Darío Xohán Cabana, Poetas de Lugo, 43, Lugo, 2007).

Valentín Lamas Carvajal, invítanos cuns versos do poema “De riola por Galicia” a volver a Lugo e visitar ao Santísimo:

“Vamos a Lugo, vamos alá,

ala que xa!

Pobo en Galicia tan relembrado,

a Xesucristo sacramentado

decote mostra na Catedral;

iste é o recordo dunha vitoria,

cantan os cregos himnos de groria,

brilan as luces no santo altar”.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: