Peregrinación a Lourdes

Como vén facendo desde hai 33 anos ininterrompidamente, a Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo organizou unha peregrinación diocesana ao santuario francés desde o pasado luns día 1 ao venres día 5 de xullo. Nela participaron un total de 542 peregrinos, acompañados de 26 sacerdotes, 2 diáconos, 5 seminaristas maiores e unha gran parte dos compoñentes da xunta directiva da Hospitalidade, que viaxaron en dez autobuses. Os peregrinos participantes son: enfermos, persoal sanitario, hospitalarios e peregrinos, todos eles socios da Hospitalidade diocesana.

A peregrinación estivo presidida polo Vigairo Xeral da Diocese, José Mario Vázquez Carballo.

Houbo unha nutrida representación xuvenil: 39 nenos e mozos de distintos puntos da Diocese. O día 3 de xullo, os peregrinos da Hospitalidade de Lugo foron os encargados de acompañar o paso coa imaxe da Virxe de Lourdes.

Aprendizaxes sociopolíticas cun edificio

Nunha excursión a un monumento un dos mozos dixo ao chegar: “Viñemos aquí total para ver un montón de pedras”. A resposta xurdiu espontánea: “Se non ves aquí máis ca un montón de pedras, a verdade é que non che mereceu a pena vir

O edificio da foto que encabeza esta entrada é galego e está na raia con Portugal. É coñecido como o Forno Románico Comunitario da parroquia da Xironda (Cualedro, Ourense). Xusto ao outro lado da raia está outro forno xemelgo na localidade portuguesa de Santo André. O forno certamente está ben construído para permanecer longo tempo.

Destes edificios comunitarios fálase pouco porque non encaixan ben nas ideoloxías dominantes da actualidade. Segundo elas podemos dicir que non é de propiedade privada, ben sexa propiedade privada individual, sociedade limitada ou sociedade anónima. Tampouco é de propiedade estatal, tanto do Estado, coma da Autonomía, Deputación Provincial ou Municipal. Dito doutra maneira non pertence a ningún dos dous poderes económicos e políticos dominantes.

Esta propiedade e o seu uso comunitario polos veciños móstranos ensinanzas moi importantes se apostamos pola promoción e liberación dos pobos e dos pobres, buscando que o poder estea socializado e, por tanto, resida nos pobres. Algunhas ensinanzas son:

– Sae moito máis barato. Se cada veciño fixera un forno individual gastaría máis tanto en materiais coma en horas de traballo empregados na súa edificación. A calidade da obra no forno comunitario é moi superior e o custo moi inferior en comparanza cos individuais. Por outra parte, tampouco se pode esquecer que deste xeito seguen quedando bastantes máis recursos dispoñibles no presente e no futuro para os comuneiros.

– Se ademais o custo o distribuímos ao longo de toda a vida útil do forno a inversión anual é insignificante para unha obra tan consistente que perdura centos de anos. A eficiencia económica dun investimento non se pode reducir a ter só a perspectiva dun ano ou unha década. A eficiencia económica deste investimento salta á vista de calquera que queira pensar.

– Esta obra tamén é profundamente ecoloxista dado que se empregan moitos menos recursos naturais na súa construción que facendo fornos individuais. No forno, ao cocer tódolos días, e varias veces ao día, gástase menos leña, consúmese menos enerxía para quentalo para cocer o pan, co que temos unha maior sustentabilidade ecolóxica. Dende os nosos prexuízos poderíamos dicir que eran ecoloxistas sen sabelo, pero a verdade é que eles sabían moi ben que estaban coidando dos bens comúns para eles e as xeracións futuras; estaban coidando da sustentabilidade do planeta.

Este tipo de edificios fomenta a asociación, a unión entre os veciños, feito que lles dá poder e capacidade para levar adiante os seus proxectos. Non esquezamos que nas loitas obreiras de primeiros de xullo de 1855 en Barcelona con folgas, paros… reprimidas polo Capitán Xeneral de Cataluña a manifestación ía presidida por unha pancarta co lema de “Asociación o Muerte”. Penso que case todos sabemos que as ditaduras impiden por lei ou limitan fortemente o dereito de asociación, pero as democracias liberais fomentan unha cultura individualista e educan nela, tanto na ensinanza coma nos medios de comunicación e formas de vida.

Unirse, asociarse, dálles aos empobrecidos capacidade para protagonizar a vida social e económica. Dálles poder aos pobres e, como consecuencia, rebáixallo aos poderes económicos e políticos. Cando na campaña electoral se nos prometía que nos ían facer… ían facer… dalgunha maneira lle dicían ao pobo: “Vós non valedes, non podedes, sodes un tanto inútiles”. E polo tanto, “nós, si valemos e podemos, e está ben que teñamos máis poder”. Pero o exercicio da dignidade persoal non nos permite dimitir do protagonismo solidario na vida social, económica e política. Así se entende que este forno nos mostre a capacidade política, o poder político dos veciños, dos cidadáns.

Para terminar esta reflexión penso que ante esta obra comunitaria hai unhas preguntas de non difícil resposta como poden ser: De onde sacaron as ideas e coñecementos para facer este tipo de obras? Que persoas alentaron a creación dunha conciencia comunitaria? Como se alimenta unha cultura de índole comunitaria? Pero hai outra pregunta quizais de non tan doada resposta: Por que os poderes culturais e universitarios falan tan pouco destes edificios?

Antón Negro

II Noite Coral Lucense

O sábado 6 de xullo entre as 21 h e as 23.30 h. terá lugar o circuíto nocturno de concertos polas igrexas da cidade, concluíndo cun concerto final na Catedral de Lugo (claustro ou capela do Bo Xesús).

CONCERTO I: Capela de San Roque, 21.00-21.20 h

Grupo Vocal Solo Voces.

CONCIERTO II: Igrexa Parroquial de Santiago a Nova, 21.30-21.50 h.

Coral do Hospital Xeral Calde.

CONCIERTO III: Igrexa Parroquial de San Froilán, 22.00-22.20 h.

Gruppo Vocale San Bernardo (Saronno, Italia) & Mascoulisse Quartet.

CONCIERTO IV: Igrexa Parroquial de San Pedro, 22.30-22.50 h.

Orfeón Lucense.

CONCERTO FINAL: Catedral de Lugo, 23.00-23.30 h. Participan todos os grupos anteriores e ademais, Mattia Marelli (órgano).

 A Noite Coral Lucense é unha actividade complementaria do Curso de música litúrxica lucense, que organiza o Centro Eucarístico Lucense.

O verán tamén é para o Señor

Pois, como quen non quere a cousa xa estamos en xullo. Recoñezo que me sorprendeu a chegada deste mes. Supoño que se debe á data da Pascua deste ano, que fixo que tivésemos todo o mes de xuño ocupado con celebracións especiais, como a do Corpus, que, en moitas parroquias pon fin ao curso pastoral coas primeiras comuñóns.

A vida da parroquia rural cambia un pouco durante os meses de verán. Non hai catequese, pero chegan máis peregrinos e tamén se nota a presenza dos veciños que están fóra e que durante o verán pasan uns días de vacacións no seu lugar de nacemento.

Actividades e experiencias distintas, pero un mesmo Señor, ao que seguimos celebrando diariamente na Eucaristía e adorando os xoves na custodia, porque non podemos deixar de alimentarnos, por suposto, tampouco no verán. Só faltaría.

Quen teñades ocasión de pasar uns días de vacacións fóra do lugar de residencia habitual, sodes moi afortunados, pois ese tempo tamén é unha graza do Señor, pois, ás veces, só é necesario saír para atoparse con Deus doutro xeito.

O tempo de verán tamén ofrece moitas oportunidades para a oración, a reflexión e a lectura espiritual. Por certo, Mons. Munilla ofrécenos, como cada verán, algunhas recomendacións de lecturas.

Quizais haxa quen aproveite estes días para facer exercicios espirituais ou unha peregrinación. Isto xa sería unha auténtica «lotaría».

Haberá quen non teña vacacións e estea ocupado nas mesmas cousas de todo o ano. Pero tamén nestas circunstancias podemos vivir a fe cun estilo distinto, quizais cunha lectura especial ou redescubrir o valor do domingo e a Eucaristía. Deus non permanece oculto e tampouco colle vacacións, polo que seguro que tamén podemos atoparnos con El.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Imaxe: cathopic

[Artículo original en castellano]

Actividades de Cáritas Lugo con nenos e adolescentes

O Programa de Infancia e Mocidade de Caritas Diocesana de Lugo organiza as seguintes actividades no verán:

Campamento Multiaventura Adolescentes: Do 4 ao 7 de xullo en Naturmaz, Mazaricos, (A Coruña).

Dirixido a mozos de idades comprendidas entre 14 e 17 anos.

Centro de Interese: “Os superheroes”

En Naturmaz poderán practicar actividades multiaventura: kaiak, tirolina, paintball, tiro con arco, parque aéreo, escalada, etc

Ademais fanse actividades relacionadas co centro de Interese, co fin de fomentar valores propios dos superheroes: a valentía, o traballo en equipo, a fortaleza, a xenerosidade.

Campamento Urbano XXV. Do 15 a 26 de xullo en Lugo no Colexio Rosalía de Castro.

Dirixido a nenos/as de 8 a 13 anos.

Centro de Interese: O cinema

Durante o Campamento Urbano, da man dun guionista os nenos participantes percorrerán a historia do cinema, desde o cinema mudo, pasando polo cinema fantástico, de aventuras, musicais, comedia, drama.

A %d blogueros les gusta esto: