A familia, base da convivencia humana (I)

Din que a familia está en crise. Din que a sociedade está a sufrir un cambio de valores e que tal cambio non é positivo nin construtivo.

Din tamén que esta deterioración de valores afunde as súas raíces no seo da familia, porque é aí onde se vive a experiencia máis profunda no que respecta á educación en valores, e é aí onde se sementan as sementes dunha fe que, co tempo, debería dar o seu froito.

Para atallar de raíz esta situación, imponse atender coidadosamente à familia como fonte e cultivo dos valores humanos e cristiáns máis prezados. De feito, calquera análise sensata da realidade indícanos que o fogar familiar é a referencia máis axeitada para vivir e crecer como persoas e crentes.

Se falla a familia, fallan tamén as persoas, os valores e a fe.Na familia está a raíz, para erradicar o mal e potenciar o ben.

Por todo iso, velar pola familia debe ser preocupación prioritaria dos pais, dos educadores, dos gobernantes, da Igrexa e de toda a sociedade en xeral.

Porque as familias en parte nacen e en parte fanse. A materia prima aachégana os esposos coas súas relacións conxugais, pero esta materia prima necesita ser enriquecida cos valores humanos e as virtudes cristiás necesarias para unha convivencia fraterna e responsable.

E para que este enriquecemento se leve a cabo, requírese que os pais fagan valer o dereito que teñen a que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións. Afortunadamente, este dereito está recoñecido pola Constitución Española. En consecuencia, o Estado está obrigado a garantir que tal dereito se cumpra en todos os seus termos. As leis básicas que regulan estes dereitos foron referendadas nos Acordos de carácter internacional, asinados entre o Estado Español e a Santa Sé para a relixión católica.

Semellantes convenios foron asinados tamén entre o Estado e os responsables doutras confesións. Consecuentemente, respectar os convenios e os acordos é unha obrigación moral da Igrexa e do Estado pero tamén de todos os cidadáns xa que estamos obrigados por lei a cumprir cos nosos deberes para o ben da sociedade e o exercicio necesario da xustiza.

En tempos convulsos para a familia e a sociedade, é bo rebaixar as tensións, evitar os insultos e desprezos de quen non pensan coma nós, xerar paz e fraternidade nos fogares, axudar aos nosos nenos a crer en Deus e a practicar o mandamento do amor fraterno e, sobre todo, desde o punto de vista do ensino, reconstruír vínculos nun pacto educativo global máis aló das ideoloxías e caprichos dos nosos políticos. O desafío que nos corresponde hoxe é como responder a unha sociedade plural que non pode nin debe excluír ao relixioso nun contexto de liberdades fundamentais.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: