Curso Rexional de Pastoral da Saúde de Galicia

O sábado 17 de abril entre as 10:00h e as 13:00h, terá lugar o XLII Curso Rexional de Pastoral da Saúde de Galicia, que este ano organiza a delegación diocesana de Santiago en colaboración co Secretariado Interdiocesano. Este curso enmárcase dentro da Campaña do Enfermo 2021 que ten por lema “Coidémonos mutuamente”.

Ante a situación de pandemia, convén compartir experiencias desde a fe, desde a esperanza e desde a caridade: como afectan, como son interpretadas e, sobre todo, se pode resultar de todas estas situacións algo positivo a nivel individual e como Igrexa.

Este curso está especialmente dirixido aos voluntarios de pastoral da saúde, profesionais do mundo sanitario e sociosanitario, relixiosas, relixiosos, sacerdotes e a todas aquelas persoas interesadas no mundo sanitario. Pode seguirse a través da canle de YouTube do Instituto Teolóxico Compostelán e non é necesario inscribirse.

As persoas que sigan o evento poderán formular preguntas ao final de cada relatorio a través do chat de YouTube.

Ás 10:15 h haberá un primeiro relatorio a cargo do enfermeiro Álvaro Lobo Arranz S.J: “Se nos había olvidado sufrir: claves ignacianas para acercarse a la crisis del Covid-19”

E tras unha mesa redonda sobre experiencias de coidado (11 h), un segundo relatorio da doutora en Psicoloxía Cristina Noriega García, que ás 12 h falará de “Fortalezas y estrategias de afrontamiento ante la pandemia por el Covid-19”.

Encontro de pais

Centro de Orientación Familiar Diocesano e o Instituto da Familia organizan un Encontro de pais en liña a partir do 19 de abril. Unha primeira parte dedícase ás novas tecnoloxías e as dificultades para a súa educación e a segunda parte á resolución de conflitos en familia.

Modo de acceso

Os pais e nais inscribiranse na web do Encontro e recibirán as claves de acceso á Plataforma onde están os contidos.

Que atoparán na plataforma educativa

En cada curso os pais acceden a vídeos explicativos, exercicios para realizar cos fillos ou eles mesmos (con fichas que se poden descargar independentemente) e test sinxelos de autoavaliación. Nun foro de debate poderase intervir libremente cantas veces se queira e nel poderán contarse experiencias, facer preguntas (que serán contestadas por un especialista do Instituto da Familia), facer suxestións, solicitar información complementaria, etc.

I. Novas tecnoloxías e educación.

Contidos

a. Saturación do virtual e nostalxia do real

b. Saltaron todas as alarmas

c. Como afectan a: coñecemento, comportamento, hábitos de lectura, aprendizaxe

d. Mal uso, abuso e adicción ás novas tecnoloxías

e. Como educar e protexer: claves

II. Ferramentas e estratexias educativas eficaces para pais (2 meses)

Contidos:

a. Analicemos a situación: regra de ouro, afrontar conflitos

b. Que podemos facer? Estratexias básicas nos conflitos

c. Ferramentas para afrontar conflitos

Pascua, misterio de dor ou de gozo?

A Pascua cristiá é dor e é gozo. A espiritualidade cristiá puxo alternativamente o acento unhas veces na cruz, e outras na resurrección.

A Igrexa latina acentuou preferentemente o misterio da cruz, sobre o misterio da resurrección. Neste comportamento influíu moito San Anselmo, quen, ao presentar a redención realizada por Cristo, abunda na súa paixón e morte, e prescinde da resurrección. Segundo el, coa morte de Xesús, terminaba a redención e, por conseguinte, a misión do Fillo de Deus na terra.

Moitas ordes relixiosas inspiráronse para a súa espiritualidade, na cruz e na paixón do Señor: (Pasionistas, a Sociedade do Preciosísimo Sangue, Os Estigmáticos…) E moi poucos inspiráronse na Resurrección. Por contra, na época inmediatamente anterior e posterior ao Concilio Vaticano II, fíxose resaltar case exclusivamente a resurrección, a alegría e festa pascual. Ambas as posturas acusan un certo desequilibrio, xa que o Misterio Pascual intégrase de morte e de resurrección. Entraña, dor e gozo. E así temos que contemplalo nós: como misterio de dor e de gozo, e tamén de responsabilidade.

Misterio de dor, porque o Señor na paixón sufriu moito no seu corpo e no seu espírito: os azoutes que flaxelaron as súas costas; as espiñas nas súas tempas; as labazadas dos soldados; as caídas no camiño do calvario; os cravos que horadaron as súas mans e os seus pés… Foi moito o que Xesús padeceu no seu corpo durante a paixón; pero aínda foi máis atroz o que tivo que padecer na alma. Lembremos a traizón de Xudas, a agonía de Xetsemaní, o proceso ao que foi sometido: calumniado; proposto Barrabás; rexeitado polo pobo; abandonado do Eterno Pai: «Deus meu, Deus meu por que me abandonaches?», e todo isto sufríndoo e ofrecéndoo ao Señor por min. Así de inmensa foi a dor que lle custou a Xesús a miña redención.

Pero a Pascua tamén é gozo, é triunfo, é vitoria total, porque a vida de Xesús non terminou nun sepulcro cheo, senón nunha tumba baleira. Dese sepulcro baleiro sae unha voz que grita: Cristo resucitou! Aleluia! Que alegría para a súa Nai! Que gozo para María Madalena! Que satisfacción para Xoán, para os de Emaús e tamén para Tomé! Pero, sobre todo, que triunfo e que gozo para o propio Xesucristo!

Onde queda a pobreza de Belén? O odio de Herodes, o desterro de Exipto, o traballo de Nazaret, o rancor satánico de escribas e fariseos?

Xesús, o noso Mestre, o noso entrañable amigo, triunfou plenamente dos seus inimigos e da morte.

Con Xesús resucitaron as súas palabras: «Eu son o camiño, a verdade e a vida», «Vós sodes os meus amigos» «Os que permanezan comigo na loita, terán parte comigo no premio» Resucitaron as súas promesas, Cristo resucitou! Gocémonos con El; pero, sobre todo, Resucitemos con El, porque a Pascua é dor, é gozo e tamén é compromiso!

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Convenio de colaboración entre o Centro de Orientación Familiar Diocesano e Cáritas

O 9 de abril tivo lugar, nas instalacións de Cáritas Diocesana de Lugo, a firma dun convenio de colaboración entre Cáritas e o Centro de Orientación Familiar ( COF) Diocesano de Lugo. O convenio foi asinado polo director do COF Nicolás Susena Presas, párroco de Castroverde e profesor, e por Ginés F. Plaza, director de Cáritas Diocesana de Lugo.

Ante a situación que atravesan moitas familias da Diocese de Lugo, as dúas entidades teñen a vontade de cooperar e colaborar en proxectos conxuntos a fin de promover unhas mellores condicións de vida a través da intervención e acompañamento dos colectivos máis desfavorecidos da comunidade.

Fonte: Cáritas

Institución do seminarista Ignacio Felpeto como lector e acólito

O domingo 11 de abril, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, instituirá como lector e acólito ao seminarista Ignacio Felpeto Criado. A cerimonia terá lugar na Capela Maior do Seminario de Lugo, ás 17 h.

Ignacio Felpeto Criado naceu en Lugo o 17 de novembro de 1998. Cursou os seus estudos de primaria e secundaria no colexio Maristas “A Inmaculada”, e o bacharelato no Colexio Fingoi e no Seminario Menor. Aos 17 anos foi admitido no Seminario Maior, onde cursou tres anos de estudos eclesiásticos. Desde o ano 2019 reside no Seminario Internacional Bidasoa de Pamplona, realizando estudos de filosofía e teoloxía na Universidade de Navarra.

O lectorado e acolitado son ministerios laicais, é dicir, non os reciben exclusivamente os candidatos ao sacerdocio. Recíbense ambos mediante unha oración e bendición do Bispo.

A %d blogueros les gusta esto: