Instituído o ministerio laical de catequista

Desde esta semana queda instituído o ministerio laical de catequista a través da carta apostólica en forma de “motu proprio” Antiquum ministerium do Papa Francisco, cuxo esquema é o seguinte:

1. “O ministerio de catequista atópase xa nos escritos do Novo Testamento”

2. “Recoñécese este servizo como unha expresión concreta do carisma persoal”

3. “Homes e mulleres animados por unha gran fe e auténticas testemuñas de santidade que, nalgúns casos, foron ademais fundadores de Igrexas e chegaron mesmo a dar a súa vida”

4. “O rico ensino do Concilio Vaticano II impulsa unha notable renovación da catequese”

5. “Fidelidade ao pasado e responsabilidade polo presente son as condicións indispensables para que a Igrexa poida levar a cabo a súa misión no mundo”

6. “O catequista é ao mesmo tempo testemuña da fe, mestre e mistagogo, acompañante e pedagogo que ensina en nome da Igrexa”

7. “O ministerio laical de catequista dá maior énfase ao compromiso misioneiro, sen caer en ningunha expresión de clericalización”

8. “Requírese que estean dispostos a exercer o ministerio onde sexa necesario, e animados por un verdadeiro entusiasmo apostólico”

[Ler carta apostólica do Papa]

Xornada Mundial da Educación Católica

O 13 de maio celébrase a Xornada Mundial da Educación Católica, promovida por institucións educativas católicas. Foi instituída no Congreso da OIEC – Office International de l’Enseignement Catholique (Brasília, 2002), para chamar a atención sobre a contribución que as institucións educativas poden ofrecer ao desenvolvemento global e á promoción dunha cultura de paz e fraternidade.

No contexto do Pacto global para a educación promovido polo Papa, a OIEC, relanza esta Xornada en colaboración con outras organizacións educativas.

O obxectivo da Xornada Mundial da Educación Católica é facer presente a educación católica na pregaria, agradecendo o compromiso dos educadores e buscando facer coñecer mellor a tarefa educativa tan importante que desenvolven as institucións católicas no mundo. Trátase de reflexionar, recoñecer e celebrar a educación católica como signo de esperanza.

Celebración de San Juan de Ávila

Clero lucense que cumpre as vodas de ouro e prata sacerdotais

O luns 10 de maio, festa do patrono do clero San Juan de Ávila, celebráronse varios actos. No Salón Rexio do Círculo das Artes ás 11h houbo unha charla informativa sobre o novo Colexio Diocesano San Lorenzo a cargo do reitor do Seminario David Varela. E a continuación na Catedral celebrouse unha Eucaristía, que presidíu o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

Neste ano 2021 celebran as súas vodas de ouro sacerdotais:

D. Ángel Eiriz Mouriz,

D. Mauro Negro Fernández,

D. Manuel Fernández Fernández,

D. Juan Peña González e

D. José Gómez Vázquez.

Celebra as súas vodas de prata sacerdotais D. Ramón Álvarez Varela.

O reitor do Seminario David Varela explica a implantación do Colexio Diocesano San Lorenzo

Nais, supremo valor creado

O Creador foi moi xeneroso connosco e colmounos de múltiples favores aos humanos.

Eses favores son realidades que cotizan pola súa utilidade e pola nosa compracencia. Elas enriquécennos e capacítannos para realizarnos como persoas, á vez que nos predispoñen para vivir en sociedade, compartindo días de sol e de choiva cos nosos semellantes.

No ambiente dos valores existen dúas categorías: un valor absoluto e múltiples valores relativos. Na orde do increado só hai un valor absoluto: Deus cos seus atributos. E no mundo das criaturas, os valores son múltiples e relativos: valórase máis ao sabio que ao ignorante; ao virtuoso que ao irresponsable. Vistas así as criaturas, ás nais habería que cualificalas como o “supremo valor creado”. Nelas, a bondade non ten límites; a súa xenerosidade é inconmensurable; e a súa entrega é abismal.

Un día preguntáronlle a Víctor Hugo: “sabes o que é unha nai?” E el respondeu: “Nai é unha muller”. Pero ao instante corrixiu e dixo: “Non: Nai é un Anxo que che ensina a falar, que che ensina a ler, que che ensina a rezar. Nai é un ser que quenta os teus dedos entre as súas mans e a túa alma no seu corazón. Nai é unha muller que che dá o seu leite cando es pequeno, que che dá o seu pan cando es maior; que che dá a súa vida en todo momento”.

E Monseñor Jara, bispo chileno, descríbea así nunha das súas pastorais: Hai unha muller que ten algo de Deus pola inmensidade do seu amor, e moito de Anxo pola incansable solicitude dos seus coidados.

Unha muller que sendo moza, ten reflexión dunha anciá, e na vellez, traballa co vigor da mocidade.

Unha muller que sendo pobre, satisfaise coa felicidade dos que ama, e sendo rica, daría o seu tesouro por non sufrir no seu corazón a ferida da ingratitude.

Unha muller que mentres vive, non a sabemos estimar, porque ao seu carón esquécense todas as dores, pero, despois de morta, dariamos todo o que somos e todo o que temos por mirala de novo un só instante, e por recibir dela un só abrazo.

Desa muller non me esixades o seu nome, se non queredes que empape de bágoas as vosas fazulas e as miñas.

Cando crezan os vosos fillos, lédelles esta páxina, e eles, cubrindo de bicos a vosa fronte, diranvos que un humilde ancián deixou para vós e para eles, un bosquexo do retrato da súa nai e da vosa.

Efectivamente, así son as vosas nais que aínda tedes, e así foron as nosas, que xa nos deixaron. Que precioso agasallo nos fixo o Señor, dándonos a nai que nos deu!. Valorémola; imitémola; aprendamos dela, e non esquezamos o que nos ensinou. Mentres está connosco, fagámola feliz e correspondamos ás súas delicadezas. E os que xa a perdemos, comprazámola, levando á práctica o que dela aprendemos. Se así o facemos, un mundo mellor enriquecerá a nosa historia.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Texto en castellano]

Pascua do Enfermo

Baixo o lema “Coidémonos mutuamente” a Igrexa en España celebra o 9 de maio a Pascua do Enfermo.

En liña coa mensaxe do Papa Francisco, os bispos españois destacan a importancia deste momento para brindar unha atención especial ás persoas enfermas e a quen coidan delas, tanto nos lugares destinados á súa asistencia como no seo das familias e as comunidades. En particular ás persoas que sofren en todo o mundo a pandemia do coronavirus, así como aos máis pobres e marxinados.

A %d blogueros les gusta esto: