A miña memoria persoal de Benedito XVI

Nos observatorios e centros de interpretación dos que teño a sorte de poder gozar na cidade e a diocese de Lugo, quero deixar constancia do meu persoal testemuño sobre Benedito XVI, antes de que transcorra demasiado tempo, tras o seu falecemento no amencer do 31 de decembro.

Chamoume a atención, (e escribín sobre iso en Lvcensia, nº 34), a súa sinxela carta de presentación en abril de 2005 desde a loxia central da Basílica de San Pedro, cando saudaba e bendicía por primeira vez ao orbe católico e comunicaba ao mundo a noticia da súa elección como sucesor de Pedro: Queridos irmáns e irmás, os señores cardeais elixíronme a min, un simple e humilde traballador na viña do Señor. Deixaba sentir o peso da responsabilidade que asumía xa que lle correspondeu calzarse as sandalias de pescador e porse as botas de viticultor. As metáforas sinxelas aluden a unha personalidade que marcaría o seu pontificado: humildade e espiritualidade, serenidade e luz; a súa claridade intelectual e a preocupación dunha intelixencia sobresaínte por situar a Cristo no corazón do mundo e no centro da vida cristiá.

Dous meses antes de ser elixido Papa tiven o privilexio de conversar tranquilamente con el polos corredores da Congregación para a Doutrina da Fe. Quería aclarar algunhas cuestións conflitivas da miña tese de doutoramento relativas á controversia epistemolóxica coa Teoloxía da Liberación, e máis concretamente, sobre as súas cartas con Leonardo Boff. Ao futuro Papa preocupábanlle cuestións relacionadas directamente cos fundamentos da verdade e dos criterios teolóxicos que afectaban á hermenéutica bíblica, ao racionalismo e a unha relectura esencialmente política e reductora da Escritura. Recordo o seu entrañable sorriso, a súa altura intelectual e a súa proximidade e sinxeleza humana. Coa mesma sinxeleza e claridade, o 13 de febreiro de 2013, nunha linguaxe transparente, comunicaba unha convicción madurada na súa interioridade, examinada ante Deus na súa conciencia e asumida con gran liberdade: ingravescente aetate, faltábanlle forzas para seguir remando na barca da Igrexa e cultivando na viña do Señor. Pero a pesar de todo, aí están os froitos: abundante pesca e saborosos viños en forma de horizontes culturais e eclesiais que levaron a fe ao espazo público, desenmascararon os grandes paradoxos da modernidade que nos queren facer crer que apartar a Deus do mundo contribúe á liberación do ser humano e reconstruíron diques profundos coa ditadura do relativismo.

Descanse en paz o Papa sabio, gran teólogo e excelente mestre de Homilética.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral e Deán

[Artículo en castellano]

Oración. Persoas con discapacidade

O domingo 22 de xaneiro ás 17 h na Catedral, Patricia Rodríguez López organizou a liturxia de oración ante o Santísimo. Ao coincidir co Domingo da Palabra, no inicio do acto entre as ofrendas estaba a Biblia, ademais dunha rosa branca e unha caixa representando un regalo. Relatouse unha historia sobre uns zapatos ortopédicos, houbo oración, cánticos á Virxe, lectura dunha pasaxe evanxélica e o seu comentario polo cóengo Luis Varela Castiñeira. Ao final da celebración, na que colaboraron as Misioneiras Eucarísticas de Nazaret, entregouse aos asistentes un agasallo.

[Album de fotos]

Presentada a 4ª edición da Biblia en galego

O 17 de xaneiro ás 18 h no salón de actos do Seminario presentouse a 4ª edición da Biblia.

O primeiro en intervir foi o vicepresidente de SEPT e responsable da edición Silvestre Gómez Xurxo, que valorou o traballo de Xosé Antonio Salgado Agromartín: “Fixo a tradución do libro de Daniel, que ten as súas dificultades por cuestións de uso das linguas. Desde o punto de vista literario, podo dicir que fixo unha tradución fermosísima e unha introdución tremendamente aclaratoria. Teño un pero que poñer ao labor de Xosé Antón Salgado: a min a pena que me dá é que non tivese traducido máis libros. Dígoo de corazón e congratúlame dicilo publicamente”.

O biblista e tradutor Xosé Antonio Salgado Agromartín comentou as dificultades da tradución: “O libro de Daniel é un libro antiquísimo, pois foi escrito alá polo ano 165 a. C. e cun xénero literario -apocalipse- a base de símbolos, que eran coñecidos polos lectores inmediatos, non así para nosoutros, que temos unha cultura moi distinta”.

Xosé Antonio Salgado refrescou os seus coñecementos das tres linguas bíblicas: grego, hebreo e arameo; repasou os datos históricos que rodean ao libro de Daniel.  

Tamén falou da necesidade de promover a lectura da Biblia.

O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta Valentín García Gómez, anunciou que dende o Goberno galego vai abrirse unha serie de publicacións de textos litúrxicos en contido dixital para que estean a disposición de todas as persoas que queiran acceder á Palabra de Deus ou que polo seu labor como cregos, catequistas… necesiten acceder aos textos precisos para poder oficiar, axudar aos catequizandos… en calquera parte do mundo no noso idioma. Neste ano 2023 publicarase o Misal galego en aberto en internet.

Clausurou o acto Mons. Alfonso Carrasco, que entre outras cuestións, referiuse ao significado que ten a Biblia para Galicia: “Acompaña a histora deste pobo, que chegou ao ano 1965 con forza suficiente para dicir: vamos a dar este paso culturalmente tan grande, tan relevante, como é a tradución ao galego porque vemos a importancia do galego e da Biblia e facemos un traballo enorme para facer esta tradución. Este pobo está acompañado pola Biblia desde que ten memoria, dende que se escribe en latín nas terras de Galicia, e ata agora, aquela realidade inicial e ao longo da historia, aquela realidade de pobos que foi a que constituíu a historia do que hoxe chamamos Galicia, estivo sempre acompañada pola Biblia.”

Xincana de Infancia Misioneira

A Delegación Diocesana de Misións de Lugo organiza unha Gran Xincana de Infancia Misioneira o venres 20 de xaneiro entre ás 17 h e as 19 h no pavillón deportivo do Colexio María Auxiliadora. Está destinada a nenos de 6 – 12 anos, que deberán realizar diversas probas misioneiras en grupo. A actividade desenvólvese baixo o lema “Un para todos e todos para El”.

Presentación do libro “Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos”

O martes, 17 de xaneiro, preséntase un libro-homenaxe ao sacerdote Xesús Mato. É unha publicación de Brandán Comunicación que está coordinada por Antonio Giz e Xulio Xiz. O título é Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos. O acto de presentación faise en dous lugares: na Casa do Concello de Paradela ás 12.00 horas e na Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal) ás 20.00 horas.

Ademais do homenaxeado, intervirán Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; a escritora Marisol Bravos, Xulio Xiz (un dos coordinadores do libro) e Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela). Xesús Mato, que tamén é fillo predilecto de Paradela, cumpriu 90 anos hai un par de meses e estivo, hai 50 anos, no intre en que se creou o grupo musical Fuxan os Ventos.

Nas 166 páxinas da obra trátanse diversos aspectos da vida de Xesús Mato: a infancia, o Seminario, o sacerdocio, a guerra, a lingua, a cultura, a primeira parroquia, a música, Auxilia… E sobre esas facetas escriben Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.

A %d blogueros les gusta esto: