Hoxe é Xoves Santo

Que celebramos o Xoves Santo? O Xoves Santo conclúe a Coresma e iníciase, nas últimas horas deste día, o santo Triduo pascual. Celebramos a misa vespertina da Cea do Señor (que inclúe tamén o rito do lavatorio dos pés) e que, a semellanza das primeiras Vésperas das solemnidades, constitúe como o pórtico ao Triduo pascual. O carácter propio deste día é, pois, o dunha introdución aos días santos do Triduo. Pero sempre baixo o prisma do Sacramento da Eucaristía que rememora e fai presente o Misterio pascual da morte e resurrección de Cristo, misterios que se celebrarán con solemnidade especial nos días do Triduo pascual. Sublíñanse nesta celebración do Xoves Santo, con gran tradición e devoción na Cidade do Sacramento, “a institución da Eucaristía, a institución do Sacramento da Orde sacerdotal e do mandato do Señor Xesús sobre a caridade fraterna”. Agora ben, se é verdade que o Xoves Santo celébranse a institución da Eucaristía e do sacerdocio, e tamén o día do amor fraterno, o gran día da Eucaristía, o día en que debe celebrarse coa maior solemnidade e expresividade, é a Noite santa de Pascua e o domingo (Día do Señor), xornadas nas que se dá grazas polo triunfo xa realizado de Cristo e pola súa vitoria sobre a morte. Neste sentido, o Xoves Santo é porta e profecía do que será a Pascua de Resurrección. Feliz Triduo pascual a todos.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese

Hoxe é Mércores Santo

Misa Crismal celebrada no ano 2022

Que celebramos na nosa Diocese o día do Mércores Santo?

O noso bispo, D. Alfonso Carrasco, preside e concelebra hoxe co presbiterio diocesano a Santa Misa Crismal ás 11.00 na Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo. Pola tarde, ás 20.30 h terá lugar a procesión do Santo Cristo do Perdón e da Nosa Señora da Piedade e un Viacrucis Penitencial organizado pola citada confraría.

A celebración da Santa Misa Crismal, ten un marcado carácter sacerdotal xa que son convidados a participar nela todos os sacerdotes do presbiterio diocesano. Ese día renovan as promesas da súa ordenación, reavívase a graza recibida na consagración, bendinse os Santos Óleos dos enfermos e catecúmenos e conságrase o Santo Crisma. Os arciprestes levan as crismeiras cos santos óleos aos respectivos arciprestados diocesanos. Como curiosidade, o aceite consagrado na Catedral procedeu durante algúns anos de Quiroga, ultimamente obséquiannos co prezado líquido elemento amigos da cidade irmá da diocese de Lugo, situada na parte centro-norte da comarca da campiña xienense (Xaén).

Aos sacerdotes lémbraselles que son chamados a ser pastores humildes e sinxelos no medio das súas comunidades e pescadores convidados por Cristo á misión. Pídeselle a Deus que renove neles o espírito de Santidade con que foron unxidos.

Aos fieis convídaselles tamén a participar nesta Eucaristía e a acompañar aos sacerdotes coa presenza, o afecto e a oración para que sempre sexan pastores segundo o corazón de Deus.

Ao concluír a Santa Misa, todos os sacerdotes participan co Bispo nunha comida de fraternidade no Seminario Diocesano.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese

Semana Santa

Xesús, o Señor, ensinounos como “partir” o Pan da Mesa para ser “compartido”.

Non nos furtou o seu propio Venres Santo, acompañando e fortalecendo así o sufrimento humano, e iluminándoo co resplandor da súa Resurrección. Non nos priva da “noite escura”, de tantas noites escuras, e si nos acompaña nela e nelas.

Como todas, tamén esta inminente Semana Santa ofrécenos a graza de poder contemplar a Cristo en tantos xestos que nos deixou como sinal da súa vida e da súa entrega, da súa Redención.

Estamos nun percorrido por un camiño de transfiguración persoal e eclesial mediante a escoita daquel que nos fala; de austeridade, sabendo renunciar ao superfluo e utilizando ben os bens necesarios; de compartir o mellor de nós mesmos e xaxuando de todo aquilo que nos distancia e enfronta.

Celebremos esta Semana Grande da nosa fe participando nos oficios propios da Semana Santa, e vivenciando unha vez máis o gozo do Resucitado na celebración da Vixilia Pascual e do Domingo de Resurrección.

Parroquia do Bo Pastor, Lugo

Palabra de Deus

O home é un ser social. O medio principal de vivir a súa sociabilidade é a palabra. Dela sérvese principalmente para relacionarse con Deus, cos demais concidadáns e, en certo sentido, tamén co cosmos. A Igrexa dános normas de comportamento para regular as nosas relacións, servíndose dos documentos conciliares do Vaticano ll. Estes documentos conciliares son as constitucións, os decretos e as declaracións conciliares. Así o fai a Igrexa, partindo do feito de que Deus falou aos homes a través das tres divinas persoas: falou o Pai, valéndose dos profetas no Antigo Testamento; falou o Fillo facéndose home e habitando entre nós no Novo Testamento. Así nolo lembra San Xoán no prólogo do seu Evanxeo: “A Palabra fíxose home e habitou entre nós “, e fálanos agora polo ministerio da Igrexa, continuadora da misión do propio Xesucristo, por medio do cal, a revelación chegou ao seu cume, e continúa agora pola acción do Espírito Santo.

A Palabra de Deus ten unha dimensión trinitaria e ao mesmo tempo, dialogal: quere ser escoitada e correspondida. Deus sempre mantivo un diálogo de amor co home. Deus sempre tivo unha relación de correspondencia e de compracencia, á vez que de benevolencia co home. Deus non necesitaba nada de nós, pero comprácese cos homes. O home ten unha gran dignidade para Deus, tanto no humano como no sobrenatural, e comprácese en nós facéndose o noso xeneroso benevolente. Toda a súa benevolencia está saturada de amor. Todo o que fai Deus, faino por amor e con xeneroso amor, demostrando así a súa inmensa benevolencia connosco. A este comportamento chamámoslle Xesucristo, o “Logo de Deus “, non só pola súa palabra, senón tamén pola súa vida e a súa obra. Xesucristo é a palabra de Deus. Desde a Encarnación de Xesús, Deus xa non ten nada novo que dicirnos. El é a palabra definitiva do Pai. Con todo, a vontade de Deus hoxe chéganos polo ministerio da Igrexa. O que ensina a Igrexa en materia de fe e costumes, son materia indiscutible para os cristiáns. Non aceptalas é un fallo no campo doctrinal. Neste sentido hai que dicir que a palabra de Deus lévanos tamén por medio dos homes: os profetas e a Igrexa, co seu ministerio, son unha mediación descendente, da que Deus se vale para comunicarnos os seus divinos designios aquí e agora.

Está claro que a Palabra de Deus é un acontecemento trinitario e é tamén un acontecemento antropolóxico. Chéganos a través de Xesucristo, Deus e home, e a través da Igrexa para que os homes cheguemos a coñecer a vontade de Deus e cumpríndoa, cheguemos a ser felices. Nós podemos quitar moitas cousas da nosa vida, pero nunca poderemos deixar de lado a divina vontade. Deus creounos para ser felices, e canto máis rica e íntima sexa a nosa relación con Deus, máis intenso será o noso acceso á felicidade e á vida comunitaria cos nosos irmáns.

Necesitamos ser testemuñas da palabra de Deus ante as nosas comunidades. Non abonda falar de Deus dunha maneira memorística, senón testemuñal. Necesitamos da escoita da palabra de Deus. Necesitamos o estudo meditativo da palabra de Deus. Hoxe só se nos cre o que dicimos, se vivimos o que predicamos. Hoxe a evanxelización non é teoría bíblica, senón testemuño evanxélico.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

A %d blogueros les gusta esto: