Acto conxunto de ortodoxos, evanxélicos e católicos

Por 4º ano consecutivo, ortodoxos, evanxélicos e católicos da cidade de Lugo fan unha celebración ecuménica. Algo inédito na cidade ata fai poucos anos e que ten unha moi boa acollida entre as comunidades cristiás. Esta celebración prodúcese con motivo da Semana Internacional de Oración pola Unidade dos Cristiáns e baixo o lema: RECONCILIACIÓN. O amor de Cristo aprémanos (2 Cor. 5, 14-20)
Este ano celébrase o 500 aniversario da Reforma Luterana, que marcou a historia da Igrexa occidental. Agora queren superarse as divisións e poñer a énfase en Xesucristo e na súa obra reconciliadora como centro da fe cristiá, e así, tras séculos de mutuas condenas e vilipendios, católicos e luteranos en 2017 lembran por primeira vez de maneira conxunta o comezo da Reforma.
A celebración virará en torno á reconciliación tanto das comunidades cristiás como dos ambientes cotiáns. Recordarase a importancia de ser axentes de reconciliación onde se vaia, misión impulsada por Xesús de Nazaret e que é necesario no noso mundo actual, que necesita ser sanado nalgunhas facetas. Isto ademais non é algo que se traballe nin difunda en case ningún sitio, pero que é fundamental para o desenvolvemento harmónico da nosa sociedade e o noso crecemento como seres humanos.
A celebración, á que se invita a todos cantos esta noticia lles mova un pouco o corazón, ou aos que simplemente sintan curiosidade, será na Parroquia de Santiago a Nova o domingo 29 ás 17:30 hs. Seguidamente, a comunidade evanxélica invita a un chocolate nas súas instalacións da R/ Emilia Pardo Bazán, en San Roque.

[Máis información]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: