Nota dos bispos de Galicia ante a Ofrenda ao Santísimo en Lugo

NOTA DOS BISPOS DA PROVINCIA ECLESIÁSTICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA CON OCASIÓN DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA
AO SANTÍSIMO SACRAMENTO

A antiga tradición da Ofrenda das sete cidades do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento en Lugo foi posta en cuestión radicalmente nestes días. Xerouse un debate sobre a lexitimidade desta tradición nunha sociedade democrática en nome da “laicidade” do Estado, tal como a entenden algúns grupos ou partidos políticos.
A obxección non afecta só ao sentido deste xesto concreto tan significativo na nosa terra, senón que se refire á relación entre as nosas institucións políticas e a vida dunha sociedade libre, da que forma parte e é tamén expresión a Igrexa. Por iso, parece moi conveniente tomar en consideración con calma estes argumentos, en primeiro lugar para intentar comprender mellor o sentido deste xesto que se celebra en Lugo, e logo para evitar extraer conclusións que poderían ser erróneas.

A “laicidade” do Estado significa que este, nos seus responsables e institucións, non fai propia ningunha ideoloxía (ateísmo, por exemplo) ou relixión, nin polo tanto, as impón á sociedade; senón que, ao contrario, afirma o respecto e a promoción da liberdade e dos dereitos dos cidadáns, tanto na súa vida individual como comunitaria.
Polo tanto, a “laicidade” do Estado respecta e promove a variedade de conviccións existentes na sociedade. Esta, por definición, non será nunca “laica”; pois as persoas non poden ser neutras, carentes dalgunha forma de comprensión do mundo, de conviccións crentes, ideolóxicas ou relixiosas.
Noutros termos, as institucións do Estado, que non profesan unha fe determinada, sábense en cambio ao servizo dunha sociedade que sempre profesa algunha. Isto foi ben expresado no art.º 16 da nosa Constitución, que defende a liberdade de todos afirmando a non confesionalidade do Estado e, igualmente, comprende o valor da relación cunha parte tan significativa na nosa sociedade como é a Igrexa católica.
A “laicidade” do Estado sería destruída, non obstante, se se intentase facer das institucións políticas instrumento para a imposición da propia ideoloxía ou relixión á sociedade, ao pobo ao que se ha de servir.
O caso da Ofrenda ponnos ante unha tradición con moi profundas raíces na historia do noso pobo; máis aínda, é o único xesto público que aínda se refire ao Antigo Reino de Galicia. Responde evidentemente á nosa cultura e relixión de séculos, que hoxe segue viva en moitos galegos.
A “laicidade” do Estado non pode consistir en negar a relevancia pública deste xesto tan propio de Galicia, só polo feito da súa forma cristiá. Non corresponde ao Estado excluír aos cristiáns e ás súas celebracións do ámbito público e reducilos ao privado.
En efecto, a Ofrenda non é unha parte da actividade propia das “institucións políticas”, senón da vida pública da nosa sociedade, sen dúbida moito máis ampla que a puramente política. Por iso, esta Ofrenda podería non celebrarse, se perdese o seu humus vital na sociedade galega. Pero hoxe en día, non obstante, a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é un xesto cargado de significado; segue viva, como a tradición cristiá en Galicia.
O representante político non acode a un acto semellante como persoa privada, para expresar as súas conviccións ideolóxicas persoais, senón na súa específica función pública, precisamente a causa da “laicidade” das institucións, que recoñecen o valor dun xesto tan expresivo da vida do noso pobo.
Por outra parte, esta Ofrenda ten a peculiaridade de que se realiza en Lugo; e iso contribúe de modo moi significativo á percepción da historia da Galicia real, plural, con varios centros de referencia, que é moi necesario ter en conta hoxe.
A Ofrenda pon de manifesto o significado na historia galega das sete cidades do Antigo Reino, Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Polo que, para a cidade lucense, e en medidas diversas para as outras, a posta en cuestión da Ofrenda supón un menoscabo importante da súa identidade mesma.
Máis alá das circunstancias particulares deste ano, confiamos en que esta tradición da Ofrenda ao Santísimo seguirá estando viva, facendo palpable a identidade que expresa o escudo galego mesmo: a pluralidade das sete cruces que rodean o símbolo daquela fe coa que os nosos pais construíron Galicia durante moitas xeracións.
A “laicidade” que caracteriza o noso Estado non o impedirá, porque está destinada precisamente a garantir o respecto e a promoción da liberdade do seu pobo, e, en primeiro lugar, o respecto ás súas conviccións máis fondas, á súa fe, expresada privada ou publicamente.
Todos os galegos poden sentirse invitados a participar nesta celebración, na que se expresa a súa historia e a súa identidade, e na que cada un e cada cidade teñen un lugar propio.

+ Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago
+ Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo
+Luis Quinteiro Fiuza, Bispo de Tui-Vigo
+ Leonardo Lemos Montanet, Bispo de Ourense
+ Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago
+ José Diéguez Reboredo, Bispo Emérito de Tui-Vigo

A %d blogueros les gusta esto: