A celebración do Domingo de Corpus Christi en Lugo

O Corpus Christi, festa da Eucaristía, alcanza en Lugo unha maior dimensión pola tradición secular de devoción eucarística desta comunidade de fieis e polo privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento. O pobo de Lugo, desde os tempos do bispo mártir San Capito (século I d.C.), sempre destacou pola súa fe e a súa defensa do sacramento da Eucaristía, situándose contra a herexía priscilianista (que negaba a real presenza de Cristo nas especies consagradas) tanto en época de Santo Toribio (século V) como do rei suevo Teodomiro (século VI), data que numerosos documentos sitúan como inicio do privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento.

A festa do Corpo de Cristo foi instituída en 1264 polo Papa Urbano IV coa bula Transiturus de Hoc Mundo destacando Santo Tomé de Aquino na elaboración do Oficio da celebración; un santo representado maxistralmente polo pincel de José Terán na cúpula da capela maior (século XVIII) e polo cincel de Francisco de Moure (século XVII) no coro alto da catedral de Lugo.

A tradicional Eucaristía celebrouse onte no marco inigualable da Praza de Santa María, lugar que, grazas á man de mestres como Fernando de Casas y Novoa (capela da Virxe dos Ollos Grandes) ou Gaspar de Arce (torre das campás) e ao corazón de bispos como Cayetano Gil Taboada (palacio episcopal) ou Pedro de Ribera (nártex entrada norte), é considerado como dos máis belos de Galicia. A Eucaristía estivo presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, un prelado de cuxa erudición é testemuña a súa obra en numerosas publicacións, como Scripta Teológica ou Compostellanum, e que mostra a súa implicación neste privilexio lucense que supón a constante exposición do Santísimo Sacramento, e na Eucaristía, no Cáliz e a Sagrada Forma do seu escudo episcopal.

A procesión do Corpus Christi ten unha profunda tradición desde que en 1447 o Papa Nicolás V levase por Roma a Hostia Santa. O itinerario en Lugo foi minguando co tempo, sendo, a comezos do século XVIII, o seu inicio na porta norte da catedral e o remate, tras pasar polas rúas San Pedro ou San Marcos, na fachada do Bo Xesús; xa en 1761, en tempos do bispo Francisco Izquierdo y Tavira, que tantas obras promoveu para o beneficio da cidade, transitaba por diante dos conventos de Santo Domingo e San Francisco, terminando de novo na fachada do Bo Xesús tras pasar pola fonte da Pinguela.

Xornais da provincia de Lugo a comezos do século XX, como Las Dos Regiones, mostran a magnificencia con que os veciños preparaban a festa: “Fermoso, por máis dun concepto, foi o golpe de vista que presentaba a cidade coa profusión de colgaduras e bandeiras nacionais en todas as casas particulares e edificios públicos, ofrecendo relixioso aspecto o repique de campás e os acordes melodiosos das nutridas banda municipal e militar” (xuño 1908). A música na festa segue presente, sendo hoxe executada polo Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e a Coral Polifónica do Hospital Xeral-Calde.

Dáse un novo paso na secular tradición do Corpus Christi en Lugo, unha das festas que mellor reflicte a fe da nutrida comunidade cristiá desta cidade e onde a tradicional choiva de pétalos e música exterioriza o que moitos lucenses levan no seu propio corazón.

Marcos G. Calles

Historiador da arte

A praza de Santa María de Lugo acolleu a celebración do Corpus Christi

O domingo 18 de xuño, ás 11 h na praza de Santa María de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Centos de fieis asistiron a esta celebración, na cal a parte musical correu a cargo do Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e a coral Xeral-Calde.

Trala Eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese e fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade. Tamén asistiron nenos de Primeira Comuñón.

Durante o percorrido o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artístico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento ao longo do percorrido da procesión.

Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, recordou que “na festa do Corpus Christi profesamos solemne e publicamente a nosa fe naquel que é a pedra angular sobre a que se asenta toda a nosa vida. Nesta celebración contemplamos de modo particular quen é Xesús, o noso Señor, como é o seu amor e que fixo por nós, entregándonos real e plenamente o seu Corpo e o seu Sangue para que vivamos unidos a El e aos nosos irmáns.

“O día de Corpus recórdanos -proseguiu Mons. Carrasco- as realidades máis importantes da nosa fe. E en primeiro lugar o gran misterio da Encarnación; é dicir, que Deus queira asumir a condición humana, facerse home con todas as consecuencias, transformando a súa carne e sangue en fonte de vida”

Tivo palabras para recordar que este ano a catedral de Lugo recibiu de novo o grandísimo don da Indulxencia Plenaria cotiá e recordou que “non é posible ser voluntariamente causa de querelas e divisións, danar ao próximo ou ao irmán en nome das propias conveniencias ou permanecer no pecado. O don da Indulxencia recórdanos que o Sacramento da Eucaristía ten no máis íntimo un misterio de misericordia, un sacrificio cumprido polo Señor para o perdón dos pecados”.

Continuou a súa homilía manifestando que “a festa do Corpus Christi pídenos, como recorda reiteradamente o Papa Francisco, que non quedemos encerrados en nós mesmos, senón que saiamos e vaiamos alí onde están uns fillos de Deus e irmáns nosos que necesitan axuda, que sofren situacións inxustas”.

En referencia a que o Corpus é tamén a festa de Cáritas: “O lema de Cáritas deste ano: chamados a ser comunidade pídenos que en nós atopen acollida inmigrantes e refuxiados, por quen tamén se entregou o Noso Señor; que sexamos comunidade que contribúa a superar os obstáculos á fraternidade, persoais e sociais. Deus busca unir a toda a humanidade como a unha soa familia, na que o egoísmo non constrúa fronteiras nin afonde divisións, opostas ao Amor de Quen morreu para reunir ao pobo de Deus disperso.

“Cando miramos amorosamente e adoramos ao Santísimo Sacramento, cando nos alimentamos da Eucaristía, faise posible o milagre de realizar as tarefas da vida con caridade verdadeira, deixando atrás egoísmos e exclusións; faise posible abrir o corazón ao próximo, recibir ao que vén de lonxe, superar conflitos, tecer de novo os lazos da reconciliación e da unidade, nas familias e na sociedade.

Finalizou: “Hoxe celebramos solemnemente que El está connosco para sempre, todos os días ata o fin do mundo. Renovemos a nosa confianza no seu Amor e loemos sempre ao que pode facer de cada un de nós instrumento de paz e de ben. Feliz festa de Corpus Christi!”

Carta pastoral do señor Bispo con motivo do Corpus Christi

Queridos irmáns,

O próximo 18 de xuño celebramos un ano máis a gran Festa do Corpus Christi, na que profesamos solemne e publicamente a nosa fe Naquel que é a pedra angular sobre a que se asenta toda a nosa vida. Nesta celebración contemplamos de modo particular quen é Xesús, o noso Señor, como é o seu amor e que fixo por nós, entregándonos real e plenamente o seu Corpo e o seu Sangue para que vivamos unidos a El e aos nosos irmáns.

O día de Corpus lémbranos as realidades máis importantes da nosa fe. E en primeiro lugar o gran misterio da Encarnación; é dicir, que Deus quixese asumir a condición humana, facerse home con todas as consecuencias, transformando a súa carne e sangue en fonte de vida, como celebramos nesta festa: “o que coma deste pan, vivirá para sempre. E o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo” (Xn 6,51).

Así sabemos que nada humano, nada noso, é alleo ou estraño a Deus; que non estamos sós nos desafíos que nos toque afrontar cada día, porque Deus fíxose compañeiro de camiño; que, pola Eucaristía, El habita en nós e nós nel. E temos a alegría de saber tamén que xa non habemos de temer, nin sequera nos momentos de sufrimento ou ante a morte, que en toda circunstancia cada un de nós poderá dar froitos de amor e de xustiza, de humanidade verdadeira. Neste sentido compréndese a frase que acompaña ultimamente os carteis de Caritas: “Ama e vive a xustiza”, que nos invita a seguir a lóxica profunda de quen cre en Xesús, o Fillo de Deus, e recibe das súas mans o sacramento do Pan e o Viño consagrados.

Unha segunda dimensión esencial da nosa fe que pon de manifesto a festa de Corpus é que somos Corpo de Cristo, como nos lembra moitas veces San Paulo. Xesús é a Cabeza e nós os membros, que vivimos dun mesmo Espírito, que nos alimentamos dun mesmo Pan, que temos na Caridade un mesmo principio de acción, sendo diversas a misión e os dons de cada un. Isto proclama o lema do Día da Caridade deste ano: “chamados a ser comunidade”.

En efecto, non é posible separar a unidade dos irmáns e a caridade, porque ambos son o froito verdadeiro do sacramento da Eucaristía, que xorde do amor inmenso que move o corazón do Señor. Coidemos, por tanto, a unidade e a fraternidade entre nós, nas nosas familias e parroquias, nos nosos pobos e cidades. Esta actitude, este espírito cristián, está nos fundamentos da nosa convivencia desde fai moitas xeracións. Pero non podemos dalo por suposto, senón que habemos de pedilo sempre ao Señor Xesús, a quen adoramos este día publicamente nas nosas rúas: que non venza o noso egoísmo, senón a caridade que recibimos en Tí; que haxa paz nas nosas casas e no noso tempo.

O Espírito da caridade é o contrario ao espírito de Babel, que pretende impoñerse pola forza, que cre só no propio poder. Este ano, en que recibimos de novo o grandísimo don da Indulxencia Plenaria cotiá na nosa Catedral Basílica, lembremos que non é posible ser voluntariamente causa de querelas e divisións, danar ao próximo ou ao irmán en nome das propias conveniencias, permanecer no pecado e, ao mesmo tempo, participar dignamente da sacra comuñón ou pretender actuar como membros do Corpo de Cristo que se move pola caridade.

O don da Indulxencia lémbranos que o Sacramento da Eucaristía ten no máis íntimo un misterio de misericordia, un sacrificio cumprido polo Señor para o perdón dos pecados. E invítanos a mirar sempre con esta conciencia a Xesús Sacramentado: acercámonos a El sabendo que entramos nun misterio de unidade e de Comuñón, adquirido na Cruz ao custo do seu Corpo e do seu Sangue.

Do mesmo xeito, a festa do Corpus Christi pídenos, como recorda reiteradamente o Papa Francisco, que non quedemos encerrados en nós mesmos, senón que salgamos e vaiamos alí onde están uns fillos de Deus e irmáns nosos que necesitan axuda, que sofren situacións inxustas. Estamos chamados a ser comunidade na que atopen acollida inmigrantes e refuxiados, por quen tamén se entregou o noso Señor; que contribúa a superar os obstáculos á fraternidade, persoais e sociais. Porque a Eucaristía recórdanos que Deus busca unir a toda a humanidade como a unha soa familia, na que o egoísmo non constrúa fronteiras nin afonde divisións, opostas ao Amor de Quen morreu para reunir ao pobo de Deus disperso.

Celebremos, pois, a festa do Corpus con alegría e con esperanza. Sabemos que cando miramos amorosamente e adoramos ao Santísimo Sacramento, cando nos alimentamos da Eucaristía, faise posible o milagre de realizar as tarefas da vida con caridade verdadeira, deixando atrás egoísmos e exclusións; faise posible abrir o corazón ao próximo, recibir ao que vén de lonxe, superar conflitos, tecer de novo os lazos da reconciliación e da unidade, nas familias e na sociedade.

Que este día do Corpus sexa realmente día de festa nas nosas casas e para o noso pobo. Necesitamos ao Señor, a certeza da súa presenza connosco, o alento da súa Caridade inextinguible; pero hoxe celebramos solemnemente que El está connosco para sempre, todos os días ata o fin do mundo. Renovemos a nosa confianza no seu Amor e loemos sempre ao que pode facer de cada un de nós instrumento de paz e de ben.

¡Feliz festa de Corpus Christi!

Lugo, 29 de maio de 2017

 

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

VI Encontro Eucarístico Lucense

 O programa do VI Encontro Eucarístico Lucense é o seguinte:

Xoves 15 xuño – XOVES DO CORPUS CHRISTI

Ás 20h na Catedral: Sinatura do decreto do novo Seminario Diocesano e Misioneiro Redemptoris Mater

Xoves Eucarístico. Eucaristía e procesión

 

Venres 16 xuño

Ademais da clausura do Curso Pastoral 2016-2017 no Cebreiro, pola tarde (ás 20:45h) a Catedral acolle o primeiro concerto do IV Festival Internacional de Órgano. “Adoro te devote”, con Jacob Lorentzen (Dinamarca), órgano

 

Sábado 17 xuño

Ás 12:30h no Seminario Diocesano: entrega de premios aos gañadores do IV Concurso fotográfico e III Certame literario e inauguracion da exposición fotográfica

Ás 20h na Catedral Novena na honra do Santísimo Sacramento. Ata o domingo 25 de xuño. Predicador: D. Andrés Ramos Castro, Capelán do Colexio Maior San Pablo-CEU e Viceconsiliario Nacional da Asociación Católica de Propagandistas.

 

Domingo 18 xuño CORPUS CHRISTI

Ás 11h na Praza de Santa María Eucaristía e procesión. Actuará a Banda Filarmónica de Lugo, o Orfeón Lucense e a Coral do Hospital Xeral-Calde.

Luns 19 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basílica

20:45 Segundo concerto do IV Festival Internacional de Órgano: “Sacris solemnis”. Fabio Ciofiní (Italia), órgano do Evanxeo; Giulio Mercati (Italia), órgano da Epístola

 

Xoves 22 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basílica

Xornada de adoracion e reconciliación. Todo o día

18:30  Conferencia. “Un lugar para amar y perdonar: la Catedral”. D. Jesús R. Folgado García, profesor do Centro Diocesano de Teoloxía de Getafe

20:00 Eucaristía e procesión

LUGO. Parroquia de Santiago A Nova

21:00 Terceiro concerto do IV Festival Internacional de Órgano: ‘Panis angelicus”. Noemí Mazoy (Lugo), soprano; Lidia Basterretxea Vila (Bilbao), mezzosoprano; Eugenio María Fagiani (Italia), órgano

 

Venres 23 xuño

Ás 20:45 h na Catedral cuarto concerto do IV Festival Internacional de Órgano: ‘Pange lingua”. Coro Solo Voces (Lugo); Arturo Barba (Valencia), órgano

 

Sábado 24 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basílica. Claustro

18:30 Summa Poética. Recital poético-eucarístico

LUGO. S. I. Catedral Basílica

20:00 Vésperas Solemnes da Oitava do Corpus Christi

 

Domingo 25 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basifica

12:00 OFRENDA DE GALICIA AO SANTÍSIMO SACRAMENTO

Preside Mons. D. Luis Ángel de las Heras Berzal cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol. Presenta a Ofrenda a Sra. Alcaldesa de Mondoñedo, Dna. Elena Candia López

Proxecto educativo “Emociónate!” do Seminario Diocesano

O Seminario Diocesano de Lugo desenvolveu ao longo da terceira avaliación o proxecto educativo Emociónate!
Unha viaxe polas emocións desde as diferentes materias e na que participaron todos os alumnos do centro.
A expresión matemática das emocións mediante fórmulas e estatísticas, o estudo das hormonas e alimentos responsables das emocións, a súa expresión artística e literaria, foron algunhas das actividades levadas a cabo polos alumnos.
Como gran final, algúns integrantes da Banda Filarmónica de Lugo, ofreceron un concerto na Aula Magna do Seminario para que os alumnos descubrisen as emocións a través da música. Ao rematar, inauguraron a exposición onde están recollidos todos os traballos realizados e que se pode visitar ata o día 30 de xuño, chamando ao 982 220 100.
En Bacharelato descubriron o funcionamento do sistema nervioso e analizaron as funcións relacionadas co control das emocións. Realizaron a táboa periódica das emocións e estudaron as moléculas da felicidade: endorfina, dopamina, oxitocina e a serotonina.
Debuxaron en Educación Plástica as expresións das emocións, estudaron a morfoloxía craneal e os diferentes trazos faciais que transmiten as emocións da ira, alegría, tristeza, medo, amor, e a tolemia.
Rosalía de Castro serviu de guía para o estudo da tristeza nas clases de Literatura galega. Da man de Shakespeare escribiron poemas de amor. Coa lectura e reinterpretación do Quijote descubriron que todo sería bastante aburrido sen a tolemia. Non só leron os textos e identificaron as emocións que transmiten, senón que tamén aprenderon a expresalas.

Algúns integrantes da Banda Filarmónica de Lugo que actuou no Seminario
A %d blogueros les gusta esto: