24 horas para o Señor

24-horas na Catedral de Lugo

A Diocese de Lugo acolle con solicitude esta iniciativa do Papa e, aínda que xa ten o privilexio e compromiso da Adoración perpetua na Catedral, invítase a incorporarse a estas 24 horas co Señor ao maior número de comunidades, persoas de vida consagrada, movementos, delegacións… co fin de celebrar unha gran xornada de oración e penitencia neste Ano da Misericordia.

Será unha oportunidade de gañar a indulxencia xubilar, entrando en peregrinación pola Porta da Misericordia, adorando no Santísimo Sacramento a presenza real de Cristo e pedindo a intercesión da Virxe dos Ollos Grandes.

PROCEDEMENTO E HORARIOS ESPECIAIS

1. Invítase a todos os fieis que así o desexen a ir á Catedral, na que o Santísimo permanece exposto perpetuamente, como todos os días. Poderase entrar a calquera hora pola porta que dá á sancristía, onde haberá persoas realizando o servizo de acollida. Tamén haberá confesores o venres 4 desde as 17h. (e durante a noite) e o sábado de 10h. a 13h. Ás 18:30h do sábado haberá unha celebración penitencial. Ás 20h. clausúrase a Xornada coa Santa Misa presidida polo Sr. Bispo.

2. Nas comunidades que non poidan ir á Catedral, e sexa posible, organizaranse as 24 horas. Nas que non sexa posible, haberá algunha hora de adoración ao Señor con exposición do Santísimo e facilitarase aos fieis a posibilidade de participar no Sacramento da Penitencia e ser escoitados en confesión.

3. Ás comunidades da cidade de Lugo propónselles que se unan á Catedral ou ben que se organice unha adoración prolongada na Parroquia e despois invítese aos fieis a continuar na Catedral.

9 Días de Xavier

Copia de 9 días de Xavier 2

Do 4 de marzo, ata o día 12, é a novena da Graza na parroquia de San Francisco Xavier. Está predicada polo misioneiro xaveriano, Juan Carlos Díez de la Calle.

Horarios da Novena: ás 7:30h Rosario e procesión; ás 8, 12, 18:30 e 20h Novena e Eucaristía. O domingo, ás 10, 11:30, 12:30 e 18:30h

A c t o s     e s p e c i a i s

  • Sábado, día 5: Dedicado á Virxe, procesión de fachos trala Eucaristía das 8 h.

  • Domingo, día 6: Procesión desde o Barrio de Montirón ás 9.30 h.

  • Martes, día 8: Unción de enfermos ás 16.30 h

  • Venres, día 11: Celebración comunitaria do perdón ás 19 h.

  • Último día da novena, sábado 12: Veneración da reliquia do Santo nas eucaristías

A Novena retransmítese pola cadea de emisoras de radio, COPE.

IV Domingo de Coresma, “Laetare”

LaetareIncipitAlégrate Xerusalén”. Con estas palabras comeza a antífona de entrada da misa do IV Domingo de Coresma, tamén coñecido como “Domingo Laetare”, pola palabra latina.

Pasamos máis da metade do tempo de Coresma e a liturxia invítanos a alegrarnos pola proximidade da Pascua. Tamén no Advento temos o “Domingo Gaudete” cun significado semellante.

Digo moitas veces que a fe en Xesucristo non nos pode angustiar nin escravizar. Xesucristo tráenos a liberdade e xa que logo a alegría. As palabras do raposo ao Principiño resume moi ben o que quero dicir:

Sería mellor que volveses á mesma hora. Se vés, por exemplo, ás catro da tarde, desde as tres comezarei a ser feliz. E canto máis avance a hora, máis feliz estarei. Ás catro xa estarei inquedo e preocupado; e así, cando chegues, descubrirei o prezo da felicidade!”

A celebración e actualización litúrxica do acontecemento máis transcendental de toda a historia da humanidade e do universo está cerca: a resurrección de Xesucristo, o Fillo de Deus feito home.

Di o Papa Benedicto coas palabras de San Paulo que “na esperanza fomos salvados” (Spe salvi 1).

Soemos vivir o tempo de Coresma como un momento demasiado escuro que nos impide prepararnos con optimismo para a gran festa dos cristiáns.

Cristo resucitado, do que di o apóstolo Pedro que ten palabras de vida eterna, é o único que pode alimentar a nosa esperanza dun xeito desbordante e definitivo.

resurrección

Cantaremos na Pascua: “Alegría, alegría, irmáns, que se hoxe nos queremos, é que resucitou”. Esta alegría non a improvisaremos. Necesitamos, xa que logo, vivir este tempo de preparación cunha alegría contida, porque o que esperamos é certo: Cristo resucitou e falta pouco para celebralo.

Miguel Ángel Álvarez

P. Juan Carlos Díez de la Calle, predicador da Novena da Graza en San Francisco Xavier

No último número da revista Misioneros Javerianos figura o testemuño do P. Juan Carlos Díez de la Calle, que será o encargado de predicar a Novena da Graza en San Francisco Xavier, Lugo (4-12 de marzo). Reproducimos a entrevista.

O P. Juan Carlos Díez de la Calle traballou 6 anos en tarefas de animación, tras ser ordenado en 1992. Estivo en Camerún e nestes últimos anos no Chad. Desde o pasado setembro incorporouse ao traballo de animación misioneira e vocacional na comunidade xavierana de Murcia.

– Podes describirnos as grandes liñas da presenza dos misioneiros xaverianos no Chad?

– Desde o inicio do noso servizo misioneiro na diocese de Pa participamos activamente. Un novísimo misioneiro oblato, recentemente ordenado Bispo, Jean Claude Bouchard, xunto co seu equipo pastoral de misioneiros e misioneiras puxera en marcha un plan pastoral de evanxelización inculturado tras anos de reflexión e de preparación. Foron anos entusiastas de moito traballo nunha misión bastante nova (de apenas vinte anos trascurridos desde a chegada dos primeiros misioneiros). Comezamos con dúas comunidades de tres misioneiros cada unha, asentadas en dous territorios de misión bastante amplos: un na zona dos massas e a outra na zona dos mousseys, dous grupos étnicos importantes na Diocese. Na actualidade son tres as comunidades xaverianas na Diocese contando coa presenza dunha decena de misioneiros. O traballo foi desde o principio fundamentalmente pastoral. Consiste na creación e acompañamento de novas comunidades cristiás xurdidas dun paciente traballo de catecumenado de adultos. Do mesmo xeito preocupámonos e empeñamos moito en canto é promoción humana e desenvolvemento. A primeira tarefa que o misioneiro leva a cabo é inserirse nunha realidade nova e moi distinta da súa de orixe.

– Como é a vosa inserción na cultura ou culturas locais? Que esforzo supón? Que dificultades?

– Damos moitísima importancia a este aspecto de inserción que chamamos máis precisamente de aculturación. Practicamente os primeiros anos de presenza están orientados a facilitar a aculturación que pasa necesariamente pola aprendizaxe e coñecemento da lingua local, dos costumes e do sentido relixioso destes pobos. A aprendizaxe das linguas locais ocúpanos boa parte do noso período de inserción naquela realidade. O esforzo é considerable, dificultado pola escaseza de medios didácticos para a aprendizaxe de linguas complexas.

Outra dificultade, quizais a máis importante, é chegar a comprender a maneira de ver a vida destas xentes, os seus valores, as súas prioridades… en definitiva, o que fai tan particulares e singulares a estas culturas africanas tan distintas ás nosas.

– No voso traballo de primeiro anuncio dades unha gran importancia ao catecumenado de adultos. Podes falarnos diso?

– Na pastoral que levamos adiante o catecumenado atópase no centro. É verdade que o número de cristiáns aumentou e que a atención ás comunidades cristiás pídenos especial atención, pero seguimos sendo unha Igrexa onde o primeiro anuncio é a súa misión máis relevante. O catecumenado ten unha duración de cinco anos. Baseado na Palabra de Deus escoitada, reflexionada e interiorizada, búscase suscitar unha autentica conversión de mentalidade e de vida. Nun inicio os catecúmenos eran todos persoas adultas capaces de comprender a Palabra de Deus e de deixarse modelar por ela. É moi importante o traballo persoal de inculturación da fe que pide unha madurez e un coñecemento da propia cultura e das súas tradicións. Na actualidade, cada vez máis se van incorporando catecúmenos máis novas. Neste sentido foi moi importante o traballo de inculturación levado a cabo neste trinta últimos anos. O esforzo por traducir a Palabra de Deus ás súas linguas locais foi moi importante. Buscouse que a Palabra de Deus penetre no corazón destas culturas resaltando canto xa está presente nas mesmas e canto está ausente, é unha novidade e convida a un cambio. Algúns dos nosos misioneiros implicáronse con entusiasmo en achegar a riqueza da Palabra a estas xentes en palabras e conceptos que eles entenden como propios das súas culturas.

Ler máis

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

empleo 2

O próximo día 2 de marzo, Cáritas Diocesana de Lugo organiza unhas novas xornadas denominadas Por que non?. Están orientadas a motivar e incentivar o espírito emprendedor entre as persoas desempregadas que poidan ser obxecto da intervención (desempregados con dificultades de incorporación ao mercado laboral como asalariados: mulleres, inmigrantes, desempregados de longa duración…).

Cóntase coa participación de Ugacota (Unión galega de cooperativas de traballo asociativo, Fundación Confederación de Empresarios de Lugo, Centro de empresas e innovación Nodus).

Colaboran no panel de experiencias: Bico de grao, Vinissi, Kekotucos, Centro de día Esmorga, Nudos e Miramar Cruises)

Realízase esta xornada no marco do proxecto “Emprégate II” que é unha acción posta en marcha no ano 2013 por Cáritas Diocesana de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: