Recital concerto en torno a Santa Teresa de Xesús

Paloma G borrero na capela do Bo Xesus

O xoves 12 de novembro na Capela do Bo Xesús da Catedral houbo un recital – concerto con motivo do recentemente clausurado V centenario do nacemento de Santa Teresa de Xesús. Paloma Gómez Borrero relatou aspectos da súa vida e a continuación tamén interviñeron un barítono e un pianista. O barítono Luis Santana e o pianista Antonio López Serrano, que basearon a súa actuación en varios textos poéticos da santa de Ávila.

Conclusións do Sínodo da Familia

Entresacamos 10 parágrafos das conclusións do Sínodo da Familia:

1. “A indisolubilidade do matrimonio corresponde ao desexo profundo de amor recíproco e duradeiro que o Creador puxo no corazón.humano, e é un don que a Igrexa mesma fai a cada parella”.

2. “No caso en que se consuma un doloroso final da relación, a Igrexa sente o deber de acompañar este momento de sufrimento, de modo que polo menos non haxa conflitos penosos entre os cónxuxes. Particular atención debe ser prestada sobre todo aos fillos”.

3. “A presenza das familias numerosas na Igrexa é unha bendición para a comunidade cristiá e para a sociedade, porque a apertura á vida é unha esixencia intrínseca do amor conxugal”.

4. “En moitos países un crecente número de parellas conviven, sen ningún matrimonio. Isto ha de ser afrontado de xeito constructivo, buscando transformar tal situación en oportunidade de camiño de conversión cara á plenitude do matrimonio e da familia á luz do Evanxeo”.

Ler máis

Proxección da película Terra de María

pelicula Terra de Maria

O mércores 11 de novembro ás 18h hai unha sesión de cine parroquia de San Froilán, Lugo. Proxectarase a película Tierra de María que tivo moito éxito en todo o mundo. A este acto engádeselle un fin solidario: recadar fondos para que algúns mozos da parroquia poidan asistir á Xornada Mundial da Mocidade de Cracovia 2016.

Sinopse:

Érase unha vez, Deus. E colorín colorado, este conto acabouse. Adeus, Pai Noso. Ata nunca, seres celestiais. Se non vos vemos, non vos cremos. Decidimos vivir coma se non existísedes.

Pero… millóns de persoas seguen falando con Xesucristo, a quen chaman “Irmán”. E coa Virxe María, a quen chaman “Nai”. Cren que todos somos fillos de Deus e por iso chámanlle “Pai”.

O Avogado do Diaño recibe unha nova misión: investigar, sen medo, a quen aínda confían nas receitas do Ceo. Son uns estafadores? Uns estafados? Se descobre que as súas crenzas son falsas, seguiremos como ata agora. Pero… e se non fose un conto de fadas?

Encontro de laicos para compartir experiencias de fe e vida

Apostolado segrar 2015 2Con motivo do 50 aniversario do documento do Vaticano II Apostolicam Actuositatem (Decreto sobre o apostolado dos seglares), a Delegación de Apostolado Segrar de Lugo organizou a nivel diocesano un Encontro de Laicos o sábado 7 de novembro de 2015 no Seminario diocesano de Lugo.

O pasado sábado 7 de novembro, tivo lugar un Encontro de Laicos no Seminario diocesano de Lugo. Logo da oración inicial e unha breve presentación do Decreto sobre apostolado dos laicos, varias decenas de segrares participaron activamente dun traballo por grupos. Tras unha pausa-café, procedeuse a unha posta en común do realizado por seis grupos. As súas conclusións foron as seguintes:

A unión con Cristo reflíctese na alegría de vivir a fe que transparentamos. Aínda que intelectualmente sabémolo, ás veces nas nosas vidas non se mostra. O laico evanxeliza en lugares como as empresas e o traballo, onde a xerarquía non chega. De María aprendemos a aceptar a vontade de Deus, no servizo e disponibilidade.

En canto á restauración da orde temporal, a acción dos segrares diríxese á familia e a acción catequética, así como á axuda a familias necesitadas e adoptar un espírito evanxélico loitando contra o ambiente consumista.

A pertenenza á Igrexa diocesana exprésase na participación en actos comúns organizados desde a Diocese e na posibilidade de propoñer iniciativas eclesiais. Obsérvase a necesidade de promover o sentido comunitario desde grupos parroquiais. Ademais, interpela aos laicos o que non facemos ben e a escasa formación.

Os segrares non escondemos a fe nin o noso modo de vida, aínda que hai situacións en que nos atopamos perdidos para facilitar argumentos, en parte pola educación doctrinal dun Deus castigador, que contrasta cun Deus que agora nos dirixe cara á misión.

Constatamos unha crise asociativa, vinculada ao individualismo que afecta por igual na sociedade e na Igrexa. As asociacións eclesiais en xeral están moi envorcadas cara a dentro, ata se pensa que o movemento ou grupo ao que se pertence é o mellor, e obsérvase que deben cambiar algunhas actividades. Recoñecen que teñen escasa incidencia nos medios de comunicación e o ámbito cultural lucense, e o reto está no compromiso social, en abrirse a outros grupos e saír de actos repetitivos. Como suxestión proponse efectuar actividades noutros lugares da Diocese.

Existe un descoñecemento das funcións do consello diocesano e os consellos parroquiais, botándose en falta reunións de todos os grupos parroquiais.

Proponse fomentar a formación dos laicos colaborando en celebracións da palabra, sobre todo no ámbito rural. Así mesmo, na vida dos movementos e asociacións bótase en falta tanto o acompañamento dos pastores como o fortalecemento das relacións con sacerdotes e bispos (AA 25).

Encontro de laicos 7 novembro 2015Resaltamos a necesidade de formación dos laicos, pero proxectada ao exterior, existindo unha preocupación polos inmigrantes e refuxiados. Para rematar, valores como o diálogo, a formación e a cooperación son vistos con fe, alegría e esperanza.

A Delegación de Apostolado Segrar pon a disposición de sacerdotes, catequistas, profesores, movementos e asociacións, no Bispado, uns folletos impresos do Decreto sobre apostolado dos laicos (Apostolicam Actuositatem), enriquecido con textos do maxisterio da Igrexa e con cuestións para o seu estudo persoal e/ou traballo en grupo.

«Cada un fala da feira segundo como lle vai nela»

pensamiento-unico

Hoxe comezo con este refrán: «Cada un fala da feira segundo como lle vai nela», aínda que tamén podería telo feito con estoutro: «nada é verdade nin mentira, todo é segundo a cor do cristal con que se mira». Ata hai pouco ninguén dubidaba da sabedoría contida no refraneiro popular español. Pero permítanme desconfiar. Agora xa non é así, polo menos nestes dous refráns que se me viñeron á cabeza cando estiven reflexionando sobre algo que observo na sociedade occidental que se di tan tolerante e que presume de acoller e respectar todas as formas de pensamento e relixión.

É mentira, porque non todos podemos falar libremente de como nos vai na feira. Tampouco podemos falar esperando que se respecte a nosa opinión, que é froito da cor coa que miramos a realidade do mundo. Hoxe estes dous refráns substituíronse polo que se coñece como “políticamente correcto”. Un xa pode crer, pensar, experimentar, saber, ver o que sexa, que como non se enmarque dentro do “políticamente correcto”, o mellor que pode facer é estar caladiño, se non quere gañarse os apelativos de franquista, tridentino, cavernícola, homófobo, inquisidor, etc. Ou sexa, que vaia como che vaia na feira, mellor é que non fales. Non me imaxino como serían as cousas se non existise o artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos!

E así, con medo, chegamos a este momento, onde todo o mundo ten claro o que pensa e o seu punto de vista das cousas, pero só uns cantos atrévense a falar, os mesmos que se che botan enriba con toda a súa bile se non dis o mesmo que eles.

A Igrexa tamén ten unha palabra sobre a realidade. Non é unha palabra inventada onte pola tarde ou sacada da manga da camisa. É unha palabra cunha tradición de 2000 anos e enraizada na Palabra de Xesucristo, o Fillo de Deus. Non se trata dun capricho duns homes célibes aos que se lles encomendou a misión de axudarnos a estar máis preto de Deus.

Aínda por riba, esta palabra da Igrexa séguese alimentando co testemuño e a experiencia de bastantes persoas coa vida esnaquizada -moitas veces polas consecuencias duns actos políticamente correctos- que tamén hoxe acoden a ela como a unha nai buscando consolo, acollida e axuda.

Se queren ver a feira desde outro ángulo invítolles a pasar algunhas tardes por calquera igrexa da cidade ou a mirar as entradas dos despachos das Cáritas Parroquiais. O problema principal non é a pobreza económica da que tanto se fala e coa que estamos tan sensibilizados.

Se fan este experimento (que moitos poden facer tamén nas súas propias familias, por desgraza) atoparanse con persoas ás que lles venderon a idea de que podían facer o que lles dese a gana sen dar conta de nada a ninguén; que podían ser como deuses. Sóalles isto, verdade? Do que ninguén lles falou foi das consecuencias. Persoas que perderon todo: familia, dignidade, ganas de vivir, traballo e diñeiro. Persoas ás que lles custa moito vivir porque agora vense “espidos”.

Insisto. Cando a Igrexa fala non o fai por capricho ou por molestar. Fala coa autoridade coa que xa o facía Xesucristo (Mc 1, 22) e coa experiencia dos seus fillos máis desamparados, dos que moitas veces descoñece onde e como están.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: