Campamento urbano organizado por Cáritas

 

Copia de campamento_urbano Caritas

Durante as dúas semanas centrais de xullo está levándose a cabo o Campamento urbano Caritalia, no que participan 70 nenos guiados por 18 monitores con actividades innovadoras, educativas e de relación estreita coas familias.

Os monitores colaboran desinteresadamente para organizar estos Campamentos implicándose na elaboración da programación, trasladando material, encargándose da montaxe de escearios e vídeos, realizando actividades e avaliando

O Servizo de Atención á Infancia e Xuventude de Cáritas agradece especialmente á Directora e Comunidade do Colexio María Auxiliadora que permite telo como lugar de base do Campamento, ao Concello de Lugo pola cesión das instalacións deportivas e ao Colexio Público Cabo da Area en Laxe, onde os nenos pasarán a fin de semana.

O equipo do Servizo de Atención á Infancia e Xuventude é un grupo consolidado, multidisciplinar, con vocación educativa e de servizo comunitario que prioriza a atención personalizada de cada neno e de apoio á conciliación familiar.

Destino humano… ser residuo tóxico?

enciclicas

O pasado 18 de xuño presentábase en Roma unha encíclica do Papa Francisco que renova o debate arredor do tema ecolóxico e tamén o comportamento humano coa natureza, pero é prematuro concluír que vaia supoñer moitos cambios nas reflexións e comportamentos nas persoas e grupos sociais, pois non convén confundir os desexos coa realidade.

A mediados da primeira década deste século un grupo apostólico organizou un curso de fin de semana sobre o tema ecolóxico. Indo o curso bastante adiantado preguntóuselle ao profesor porque non facía referencia ás ensinanzas da Igrexa Católica neste tema, tendo en conta que a maioría dos cidadáns españois se declaran católicos.

Este descoñecía que nas encíclicas Sollicitudo rei socialis, de 1987, e Centesimus annus, de 1991, se tocaba o tema da ecoloxía. Tampouco coñecía a mensaxe ecoloxista para o Día da Paz, 1 de xaneiro de 1990, titulada `Paz con Deus creador, paz con toda a creación’, de San Xoán Paulo II. Para un ecoloxista comprometido realmente co tema, ignorar estas ensinanzas é especialmente grave… Pois aquí tiña un apoio para a causa e cando algún católico non fose receptivo á preocupación ecolóxica podía dicirlle que estaba contra as ensinanzas da súa Igrexa. Mesmo San Francisco de Asís é o patrón dos ecoloxistas.

Pouco despois o Papa Bieito XVI publicaba tamén unha mensaxe ecoloxista para o Día da Paz de 2010 co seguinte título: Se queres promover a paz, protexe a creación.

No remate da primeira década do século XXI o mesmo grupo apostólico organizou outro curso de ecoloxía. Nel, tendo en conta as preguntas clásicas, quen son?, de onde veño? e a onde vou?, preguntóúselle ao relator qué pasaba coa vida humana despois da morte. A resposta foi a seguinte: «O que pasa é que só queda un residuo tóxico».

Dende esa visión antropolóxica é moi difícil comprometer a alguén coa ecoloxía e o destino do planeta, pois se só vou ser un residuo tóxico, por que vou sacrificarme pola ecoloxía tanto con privacións coma con traballos? O máis normal é vivir dende a comodidade e o pracer ou a depresión. Se a resposta ao que pasa coa vida humana despois da morte é vivir onda o Creador, o coidado da natureza e colaborar co Creador nesta vida convértese nunha esixencia directa.

Despois da publicación desta encíclica e a súa presenza nos medios de comunicación é de esperar que tódólos ecoloxistas a lean, subliñen, estuden, etc. En caso contrario haberá que concluír que son pouco ecoloxistas ou que ignoran a realidade dun país que ‘se declara moi maioritariamente católico e que no mundo hai sobre 1.200 millóns de católicos. Dito doutra maneira, que un ecoloxista non coñeza o suficiente a encíclica Laudato si’ manifesta unha grande miopía ou un gran sectarismo, mesmo poden darse as dúas cousas conxuntamente. Como dicían os clásicos: a verdade é a verdade, o que está ben está ben, dígao Agamenón ou dígao o seu porqueiro.

Para rematar lembramos o que dixo a escritora canadense Naomi Klein: «Podo dicir, como unha feminista secular xudía, que tamén me fala a min» e… «Lede enteira a encíclica sen quedarvos en resumes».

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Actos con motivo da declaración como Patrimonio Mundial do Camiño Primitivo e a Catedral

Bispo Lugo intervención ante a Catedral

O día 8 autoridades civís e relixiosas, diante da Catedral, fixeron saber a súa satisfacción polo recoñecemento como Patrimonio Mundial do Camiño Primitivo e do Norte, ademais das catedrais sitas nas devanditas rutas xacobeas.

O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, subliña que “o Camiño e a Catedral son realidades vivas, que teñen dentro a savia que as fixo nacer”, polo que tamén lembra a necesidade de “coidar dese patrimonio no que ten de vivo”, porque “unha casa que ten xente dentro consérvase ben”.

Xoves Eucarístico 9 xullo

O xoves, día 9 de xullo, a Catedral celebra este recoñecemento coa celebración solemne do Xoves Eucarístico e posterior procesión (20 h).

Ao finalizar os actos litúrxicos, na praza de Santa María haberá unha serie de actos musicais e lúdicos aos que se invita a que participen todos os lucenses: proxección de imaxes sobre a fachada da Catedral, actuación de corais, gaiteiros “Os Xílgaros”, charanga Madialeva….

 

Galileo versus Semmelweis

Semmelweis

Hai tres anos un amigo meu tiña a lección inaugural do curso da súa Universidade e enviouma con antelación. Nela facía unha referencia ó caso Calileo e dicía: «É paradigmático a este respecto ocaso de Galileo, acusado e condenado inxustamente pola inquisición da Igrexa Católica. Tamén é paradigmática a frase atribuída propio Galileo, cumprindo este imperativo deontolóxico do escepticismo organizado: `Eppur si muove’ (e sen embargo móvese). A Igrexa Católica pediu publicamente perdón por este erro histórico e esta infracción do imperativo deontolóxico do escepticismo organizado da ciencia».

Eu comentáballe que era unha moi boa lección inaugural, pero que coma o caso de Galileo hai centos na historia da universidade e, por exemplo, lembráballe a Ignaz Semmelweis, do que non se falaba nada porque a represora non fora a Igrexa Católica.

Semmelweis era un médico húngaro, doutor en obstetricia, que traballaba na Matemidade do Hospital Xeral de Viena. Ali descobre que as parturentas asistidas principalmente polos médicos e estudantes de medicina tiñan unha taxa de mortalidade moito máis alta cás que estaban ó coidado das tradicionais matronas. El abre a porta á esterilización obrigando a lavarse as mans e a limpar e lavar o instrumental médico tras cada intervención. O seu superior, o doutor Klein, no deu crédito á súa teoría e expulsouno da ensinanza e do hospital, pero a historia está de parte de Semmelweis.

Non trato de facer un paralelismo entre ambos innovadores, pero si salientar dous pequenos matices:

1. Galileo vive nos séculos XVI-XVII (15G4-1G42), e Semmelweis no XIX (1818-1865) co que hai máis de 200 anos de diferenza, polo que se entendemos que a humanidade progresa co paso do tempo a situación represiva é máis grave no século XIX ca no XVI-XVII. Por outra parte o coengo Copérnico (1473-1543), soterrado na catedral de Frombork (Polonia), xa sostivo que era a Terra a que xiraba arredor do Sol case 100 anos antes de Galileo (de aí vén o do «xiro copernicano»).

2. Galileo morre ós 78 anos na cama da súa casa e Semmelweis ós 47 (21 anos máis novo) nun hospicio rodeado de ignonimia e burlas. O seu bo nome só será restituído décadas despois grazas ós traballos de Pasteur e do cirurxián Joseph Lister, pai da cirurxía moderna.

Casos coma os de Galileo-Semmelweis non só existiron no pasado, senón que existen no presente e seguirán existindo como ben demostra a tese doutoral de Thomas Kuhn que publicou o F.C.E. como libro con este título, Estrutura das Revolucións Científicas, que narra as dificultades para que se implante un novo paradigma científico.

As dificultades para que se impoña un novo descubrimento científico descríbeas en prosa poética un libriño de A. Saint-Exupery, cando escribe:

«…O planeta de onde viña o PRINCIPIÑO é o asteroide B 612. Este asteroide non foi visto máis que unha vez.., por un astrónomo turco, no ano 1909.

O dito astrónomo fixera entón unha gran demostración do seu descubrimento nun Congreso Internacional de Astronomía. Pero ninguén lle creu por culpa do seu vestido…

Felizmente para o asteroide B 612, un dictador turco impuxo ó seu pobo, baixo pena de morte, a obrigación de se vestir á europea. O astrónomo informou de novo sobre o seu descubrimento, no ano 1920. Ía vestido dun xeito moi elegante e todo o mundo aceptou a súa demostración… »

Para rematar e volvendo a Galileo só quero sinalar que hoxe non procede afirmar que o Sol é o centro do Universo… nin sequera que é o centro da Vía Láctea.

Antón Negro

Delegado episcopal de Cáritas

Lourdes, un lugar onde atoparse con Xesucristo a través da súa Nai

Misa internacional en Lourdes

O 29 de xuño de 2015 partiron desde Lugo con dirección ao Santuario de Nosa Señora de Lourdes 12 autobuses para participar na 29ª peregrinación da Hospitalidade Diocesana de Lourdes da Diocese de Lugo.

Ata o 3 de xullo, máis de 600 persoas de todos os recunchos da Diocese de Lugo, teremos ocasión de atoparnos coa Virxe María nun ambiente de convivencia fraterna e oración.

Peregrinar a Lourdes é moito máis que unha viaxe cultural ou de pracer. Peregrinar, neste caso, é buscar un lugar e un tempo para atoparnos con Xesucristo a través da súa Nai.

Peregrinar é cultivar a nosa vida espiritual e en Lourdes pódese facer dun modo especial. Aquí, en Lourdes, todo fala de Deus e lévanos a El: o Viacrucis, a Adoración Eucarística, a Misa Internacional (imaxe superior) e na gruta, a Celebración Penitencial, o Santo Rosario, os cantos, a convivencia e o compartir cos irmáns.

Pódese orar desde calquera lugar. De feito o 99% da veces facémolo desde onde estamos habitualmente e rodeados do ambiente no que nos puxo o Señor. Iso é moi bo. Pero de cando en vez tamén convén saír para unha “posta a punto” máis profunda. Isto é o que busco nesta peregrinación.

Na páxina web do Santuario de Nosa Señora de Lourdes pódense ver en directo as distintas celebracións picando onde di “TV Lourdes – TV en directo”. Ademais, nesta páxina pódese ver toda a historia do Santuario e unha ampla selección de fotos e vídeos que vos achegarán desde a distancia a este lugar mariano.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: