Ofrenda da Alcaldesa de Mondoñedo ao Santísimo Sacramento

Elena Candia

SANTÍSIMO SEÑOR SACRAMENTADO,

Acudo hoxe ante Vós agradecida por ostentar para esta honra a representación do Antigo Reino de Galicia. Aquí estou, nesta catedral de Lugo, na miña condición de Alcaldesa da cidade de Mondoñedo, condición que ostento dende onte mesmo, sendo difícil imaxinar mellor comenzo.

Veño de Mondoñedo das Terras que inspiraron os versos do Poera Noriega Varela, as narracións do ilustre Alvaro Cunqueiro e os Cantares de Leira Pulpeiro…Veño Da Terra que puxo música o noso Himno Galego, da man de Pascual Veiga.

Veño para renovar unha tradición que as galegas e os galegos, sen exclusións, cumprimos dende 1669, coma expresión da nosa gratitude e recoñecemento pola protección que nos tedes brindado dende a orixe dos tempos, e como constatación da devoción e do profundo respeto que vos profesamos.

Esta ofrenda que hoxe presento ten 346 anos de historia ininterrompida. Estamos, pois, ante unha tradición arraigada na nosa alma, na nosa conciencia e no noso corazón de comunidade, de pobo, de reino histórico. Unha parte indiscutible dese conxunto inmenso de vivenzas, experiencias e crenzas que foron constituíndo ao longo dos séculos a nosa condición e o noso orgullo de ser o que somos, galegas e galegos. Fuxir desta tradición é fuxir de nós mesmos, é pensar nunha sociedade pechada en lugar de aberta, excluinte en lugar de común.

Esta ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Vós, Santísimo Señor, pasou pois, por infinidade de épocas e de estados sociais, políticos e económicos, mellores e peores, e a todos sobreviviu como o que é, como un dos cimentos que nos manteñen unidos, que nos fan sentir membros do pobo que somos; membros dunha sociedade aberta.

Non foron os últimos anos os mellores da nosa historia. Todos pasamos por máis ou menos dificultades derivadas dunha época convulsa, cunha economía ameazada a nivel global, e cun poder político que non sempre permaneceu no seu papel vixiante do ben común, un poder político que se viu ensuciado pola mala praxe, pola corrupción dalgúns que pagaron ou acabarán pagando polo dano feito.

Todos coñecemos alguén no noso entorno ao que non lle foron ou non lle van ben as cousas. Todos sabemos de galegas e galegos que perderon o traballo, ou que teñen dificultade para manter o seu fogar, ou que tiveron que mudar radicalmente de estilo de vida. Todos sabemos que algúns de nós tiveron que buscar a oportunidade de realizar proxectos vitais distintos dos que pensaban no inicio, mesmo fóra dos nosos lindes xeográficos, que non anímicos, porque se algo nos caracterizou sempre como pobo foi a nosa conciencia de que somos iso, un pobo cun sentimento común, sen importar onde estean algúns dos nosos membros.

Pero non foron estes os únicos tempos difíciles polos que pasou o Antigo Reino de Galicia, e aí estivestes sempre Vós, Santísimo Señor, iluminando o noso camiño cunha luz que ás veces viamos enriba de nós, e outras, coma nos últimos anos, á fronte, ao final dun túnel que chegamos a percibir interminable, pero que termina. Porque nunca choveu que non escampara, e iso ben que o sabemos os habitantes deste Antigo Reino de Galicia. É hora de mirar para adiante con determinación.

 O home necesita, como quen bebe auga, beber soños”, escribiu o mindoniense Álvaro Cunqueiro. 

E esa luz que Vós, Santísimo Señor, nos proporcionades, semella que a vemos xa cada vez máis grande ou, como dirían os máis escépticos, menos pequena. E se foi a nosa unión e a forza que Vós nos trasmitistes a que nos permitiu non perder a luz de vista cando peor ían as cousas, semellaria unha deslealdade a Vos, como guía, e a nós, como pobo, renunciar a unha tradición que non entende de distincións porque se foi construíndo ao longo dos séculos coas achegas de todos, con independencia de cal fora a súa conciencia, condición, bagaxe ou pensamento.

Só hai que botar man da memoria colectiva. Eran outros tempos e outras inquedanzas pero o sentir é transversal e xa o dicía Castelao.

A concordia nascía, seguramente, porque aituábamos en presencia das realidades galegas, en carne viva diante dos nosos ollos, , i esquecíamos diferencias ideolóxicas para xuntarnos nun anceio idéntico de liberación e melloramento da vida galega. Queríamos todos chegar á síntesis vital. Esta cordialidade era o anuncio de días felices para o noso país. Deprendemos a coñecernos os que vivíamos arredados por prexuicios persoaes ou de partido”. (Castelao, Sempre en Galiza.)

Só así se explica que dende 1669 non deixaramos de amosarvos o noso máximo respecto nin unha soa vez. Estamos aquí rendéndovos homenaxe a Vós, Santísimo Señor Sacramentado, pero tamén a nós mesmos como pobo, e iso é algo que, penso, non debemos esquecer ou confundir. Porque o pobo que foxe das súas tradicións e da súa conciencia renuncia á súa identidade e á súa alma. Pode seguir correndo para adiante, si, pero coma o fai a galiña ferida de morte que queda coa cabeza no chan, separada do corpo.

E iso é algo que quen está nesa cabeza que guía o corpo non debe esquecer, porque as galegas e os galegos que elixiron esa cabeza, puideron facelo para seguir outro camiño, si, pero sen deixar de ser un único corpo. Porque igual que todos sabemos e defendemos que non hai un único camiño, que todos respectamos esa pluralidade de opcións válidas, tamén esiximos que respecten a nosa vontade de seguir sendo un pobo unido como única opción de sobrevivir.

Non nos corresponde ás institucións excluír a ninguén,

Un pobo unido na lexitimidade do seu pasado e na forza do seu futuro é unha marea de forza imparable.

É así que, no nome de todos os que conformamos o Antigo Reino de Galicia, ofrézoche de novo o noso inmenso agradecemento e respecto, e pídoche humildemente que nos sigas axudando para seguir no camiño que nos permita:

  1. Seguir vixilantes na tolerancia coa infinidade de crenzas e valores que arrastra a cultura do noso pobo, sendo conscientes de que seria moi difícil explicalo sen as nosas raíces cristiás, tal e como reflicte, por exemplo, o escudo do noso país.

  2. Ter presente máis ca nunca que o noso papel de políticos nos esixe servir aos demais e nada máis que aos demais, deixando de lado calquera interese persoal espúreo.

  3. Ser fortes e inflexibles con aqueles que sigan a facer unha política corrupta que non queremos en Galicia, e que, se os houbera, teremos que erradicar da esfera pública.

  4. Ser constantes para non cesar no empeño de recuperar unha acción política que permita aos máis desfavorecidos de nós sumarse ao benestar económico, social e persoal. Que todos os galegos e galegas teñamos un traballo e as condicións que nos permitan medrar e realizarnos como seres humanos.

  5. Acertar no camiño que nos permita que esa luz cada vez máis grande nos guíe definitivamente á saída dese túnel económico que foi demasiado longo xa.

  6. Potenciar aínda máis os valores do amor, a unión e a familia, como entidade básica de cohesión social, respectando sempre as lóxicas evolucións que os tempos van impoñendo.

  7. Para seguir traballando a prol dos nosos maiores, para devolverlles en xustiza todo o que nos deron, ás veces de máis precisamente nestes tempos, e tamén a prol da nosa xente moza, para intentar darlles un futuro prometedor que eles convertan nunha realidade esplendorosa.

  8. E para que se fagan realidade todas as peticións xustas e de boa fe que poidan ter todos os aquí presentes, e todas as galegas e galegos, e que non citara expresamente.

Ogallá que así sexa,

Elena Candia

Alcaldesa de Mondoñedo

Hoc hic Misterium…

Carolina Casal
Carolina Casal

Pois si, é todo un misterio para moitos galegos e galegas, como se amosou estes días, o feito da Ofrenda do Reino da Galiza. Non mentirei, incluso para min unha muller que leva á Galiza da cabeza, no corazón e o que é máis importante, que a “ceiva” pola lingua, foi toda unha sorpresa cando recen chegada a Lugo me atopei de fronte cuns símbolos, os das armas desta terra asociados xa á memoria colectiva deste país, e cun acto tan singular de afirmación nacional e, tamén, de afirmación eucarística.

O certo é que eu non son unha experta no tema, quen me coñece sabe que eu investigo sobre o código do símbolo, sobre a imaxe e o que hai detrás dela nos “colosos” e nas pequenas igrexas esquecidas do Románico galego; mais, o feito diferencial atopado na Catedral de Lugo, a memoria colectiva deste meu pobo e a singular Ofrenda identitaria, leváronme por curiosidade e por realidade afondar nunha parte da nosa historia.

O feito en si, a Ofrenda ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo, comeza en 1669 nun momento no que a Catedral achábase na miseria económica, cousa que foi o leave motive na historia desta casa. Chamada a ofrenda dos “1.500 ducados”, esta imitaba a que por parte do Estado se levaba a cabo aos pes da imaxe de Santiago en Compostela, e ámbalas dúas supuñan unha axuda ao culto dos altares maiores destas catedrais. Mais en Lugo fundamentouse coma un acto de identidade propia.

Escudo LugoO cáliz, símbolo do banquete eucarístico e fonte de vida e saber, aparece por primeira vez como emblema das armas do Reino no manuscrito inglés de Segar’s Roll, copilado cara 1282. Para uns derivado das antigas lendas e para outros pura invención ou ocasión, ao coincidir fonéticamente GalyceCalice e presentarse como un símbolo dun reino sen armas, para min –unha medievalista- é canto máis que unha casualidade a elección de dito símbolo nun momento no que o Espírito Xacobeo chegaba aos confíns da Europa medieval. Dita elección, feita por un inglés, ben puido deberse ao ambiente que se respiraba na Europa do século XIII, no que a Presenza Real de Cristo na Eucaristía, sentir continuado da seo lucense e simbolizado no copo, estaba a ser negada por cátaros e valdenses.

Así é como o símbolo da “Magna celebratione divinitatis ibidem divinitus inspirata”, expresión empregada pola raiña Urraca en 1107, e sobre o que “… nocturnis ac diurnis temporibus ministeria celebrant divina” en Lugo, como indican en 1130 os condes Gutierre e Toda, convértese non só no emblema do Cabido lucense, tamén das armas da cidade e no brasón da Galiza. En realidade, e coma indica Pardo de Guevara, os emblemas heráldicos –as armas- no primeiro momento non foron máis que signos persoais de carácter fundamentalmente ornamental, é a historia a que lles fixo adquirir o valor de signos da individualidade persoal ou colectiva, como neste caso.

Completado posteriormente con sete cruces correspondentes ás sete antigas provincias desta terra e representadas na Ofrenda ao Santísimo polos seus alcaldes e alcaldesas, a heráldica cobra vida en Lugo e o pobo reafirma a súa identidade.

Carolina Casal Chico

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento 2015

Altar concelebrantes

Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio:

“O misterio eucarístico sitúa ao cristián no corazón mesmo da historia e comprométeo a asumir a responsabilidade de construír un mundo novo a través da civilización do amor que nos esixe xustiza e conciencia solidaria a favor dos que sofren carencias materiais e espirituais. ”

Ás 12 da mañá do 14 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que se vén celebrando desde 1669, acto que pon fin ás celebracións do Corpus na nosa cidade.

O Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio presidiu a Eucaristía na que concelebraron:

O Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet;

O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro;

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco;

O Bispo auxiliar de Santiago, Mons. Jesús Fernández González;

O Bispo de Astorga, Mons. Camilo Lorenzo;

O Administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol, Rvdo. Sr. D. Antonio Basanta,

así como membros do cabido de Lugo.

Acompañaron á delegada rexia, alcaldesa de Mondoñedo, os representantes dalgunha das cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na contestación á Ofrenda, o arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio comezou a súa homilía lembrando que hoxe en Lugo estamos “Seguindo unha tradición secular, profundamente arraigada no sentir relixioso e espiritual da comunidade galega” (…)  “Contemplamos nesta solemnidade a marabilla da presenza real e verdadeira de Cristo na Eucaristía, recordando como esta forma parte das raíces da nosa comunidade e da nosa vida; e pedindo que se vaia consolidando o proxecto de Deus na nosa historia”.

Continuou a súa intervención dicindo que “Compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade respectando a lei santa de Deus reflectida na lei natural e na recta razón, que mostra ao home o camiño a seguir para obrar o ben e alcanzar o seu fin”. E recordou que “a indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza con que se cuestiona a súa existencia, a despreocupación polas cuestións fundamentais sobre a orixe e destino transcendente do ser humano non deixan de ter influencia no talante persoal e no comportamento moral e social do individuo… Certamente o home pode organizar a terra sen Deus, pero á fin e ao cabo, sen Deus non pode menos que organizala contra o home”.

Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo.

Carroza ultima cea ante a Catedral

[Ver texto da Ofrenda e texto da homilía]

 

Campaña en Lugo de Misioneiros Segrares Vicencianos para montar unha emisora de radio en Honduras

Ana misioneira vicentina laica en Honduras
Ana López

Misioneiros Segrares Vicencianos teñen o proxecto de montar unha pequena emisora de radio na comunidade de Barra Patuca (en Honduras). Ana López é a misioneira laica que se vai encargar deste proxecto. É natural de Lugo, cidade na que está estes días e pode contactarse con ela a través da Delegación de Misións (praza de Santa María, Lugo)

A comunidade de Barra Patuca, pola súa situación xeográfica vive nun illamento case total e de gran pobreza, o que acentúa os problemas de saúde, educación etc. Por iso crear unha pequena emisora de radio será un importante instrumento para o desenvolvemento desa comunidade. Coa creación dunha radio, lograráse un importante espazo de lecer e educativo, mellorando así a calidade de vida dos seus habitantes.

Solicítase axuda tanto económica como a doazón de equipos de son ou calquera material que se lles poida facilitar.

[Ver proxecto]

Actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

Os actos que se levarán a cabo con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento son os seguintes:

Sábado, 13 de xuño

Solemnes Vésperas na Catedral de Lugo ás 20 h con asistencia da Corporación Municipal lucense, Cabido catedralicio e Delegado Rexio.

Domingo, 14 de xuño

Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo ás 12 h

Solemne Concelebración Eucarística presidida polo arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, que recibirá a Ofrenda, e a delegada oferente será a alcaldesa da cidade de Mondoñedo, Elena Candia.

Desenvolvemento da Ofrenda:

As autoridades civís situaranse no lugar reservado na Catedral (o coro) ocupando o primeiro lugar o delegado rexio, e á beira o resto dos alcaldes- ou os seus representantes- das restantes cidades que configuraban o Antigo Reino de Galicia.

Iniciada a celebración e tralo credo litúrxico ten lugar o acto da Ofrenda, no que a delegado rexia (alcaldesa de Mondoñedo) acompañada de dous clérigos e ante os restantes alcaldes, diríxese ao altar e pronuncia solemnemente os votos.

O Bispo da Diocese da cidade que presenta a Ofrenda (o Arcebispo de Santiago) dará resposta ao voto pronunciado polo delegado.

Tralo acto da Ofrenda a celebración eucarística continuará do xeito habitual.

A %d blogueros les gusta esto: