Caridade e Eucaristía

EucaristíaAsomámonos ao mundo da política e o tema que máis se debate desde fai 4 anos é o das medidas sociais en favor dos desfavorecidos e afectados pola crise. Os partidos políticos da nova era teñen moi claro o de “Stop Desafiuzamentos” e todo o que iso implica.

Na rúa, é moi probable que sempre haxa algunha ONG que che ofreza información sobre os seus proxectos sociais á vez que che pide colaboración económica.

É indiscutible, xa que logo, a sensibilidade que provoca nunha parte da sociedade a outra parte que non ten abondo recursos para vivir nunhas condicións dignas.

Pero coñecemos a verdadeira orixe destes sentimentos de bondade? Pódese explicar todo o mundo da caridade desde a mera filantropía? Se fose así, como se entenden, entón, as guerras con armas entre algúns países, as guerras a base de insultos dos políticos, os ataques terroristas e calquera outro tipo de agresión contra as persoas que enchen as páxinas dos xornais todos os días?

O verdadeiro sentido e orixe da caridade só o atoparemos no que é caridade (amor) absoluto: Deus, que, para ser tal, ten que posuír en grao infinito todas as cousas boas, incluída a capacidade de amar. A nosa capacidade de amar e de facer caridade, xa que logo, é limitada. A de Deus non se esgota nunca. Por iso, se queremos facer caridade auténtica temos que beber da fonte inesgotable de amor que é Deus, que ao crearnos fíxonos tamén participes dela.

Recomendo volver ler a encíclica Deus caritas est de Benedicto XVI.

Damos un paso máis. A orixe da nosa capacidade de amar e compadecernos xa está un pouco máis clara. Pero a finalidade, está clara? Facemos o ben só por un mero sentimento humanitario e porque así nos sentimos mellor? Se un día ninguén no mundo tivese necesidade de material, xa non sería necesario amar-facer caridade?

O Reino de Deus que nos veu a anunciar Xesucristo é un reino de paz e xustiza infinitas, onde ninguén vai pasar ningún tipo de necesidade, porque alí todo será absolutamente perfecto. O cristián, do mesmo xeito que calquera persoa de mundo, desexa vivir nun mundo destas características, por iso trata de adiantar a este momento o que despois será a realidade da vida escatolóxica. A garantía de eternidade que nos ofrece Xesucristo lévanos a vivir xa desde agora nesa clave de caridade permanente, aínda que a nosa condición egoísta, froito do pecado orixinal, lévenos a desviarnos con frecuencia deste camiño de solidariedade.

Xesucristo, o Fillo de Deus, entrégase por amor. E isto é o que celebramos na Eucaristía que alimenta a vida da humanidade. Cando imos a Misa non estamos contemplando unha escenificación dun feito pasado. Celebrar a Eucaristía é enchernos da Palabra e o Corpo de Cristo para que a nosa vida sexa unha vida entregada por amor como a de Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez

Cadea de oración pola vida consagrada en Monforte

O mércores 10 de xuño ás 19h no convento das Clarisas de Monforte de Lemos terá lugar a Cadea de oración pola vida consagrada.

O mosteiro da Inmaculada Concepcion de Monforte de Lemos foi fundado en 1622 por don Pedro Fernández de Castro e Andrade, sétimo conde de Lemos e a súa esposa Dona Catalina de la Cerda y Sandoval.

Actualmente, a comunidade está formada por 11 irmás que desexan vivir o ideal transmitido e xenerosamente vivido por Clara de Asís: a regra, escrita por ela mesma, expresión de como ela viviu e entendeu o Evanxeo baixo a inspiración do Espírito Santo. A vida das clarisas de Monforte é integralmente contemplativa, que conleva unha misteriosa fecundidade apostólica. A comunidade vive do traballo, como signo de pobreza.

Actos de final de curso de Vida Ascendente

Vida AscendenteO día 9 de xuño o movemento Vida Ascendente celebra o Encontro Rexional de Galicia na igrexa de Nosa Señora dos Desamparados de Piñeros (Narón). Haberá celebración dunha Eucaristía presidida polo administrador da Diocese mindoniense. Despois participarase nunha comida de confraternidade de todos os membros do movemento nas cinco dioceses de Galicia.

E o día 18 de xuño hai unha peregrinación de todos os grupos de Vida Ascendente da Diocese de Lugo ao santuario de Vieiro (Viveiro) como final de curso.

Presentación do libro Gracias, hijo. Diario de una adopción

Inmaculada

O martes día 9 ás oito da tarde no salón de actos do Instituto Lucus Augusti de Lugo preséntase o libro Gracias, hijo. Diario de una adopción, de Inmaculada Vázquez. É unha obra sobre a experiencia de maternidade: acollida, tenrura, entrega, xenerosidade.

Os motivos que levaron a escribir o libro son: manter a través da escritura as lembranzas, as vivencias, os sentimentos máis fortes e marabillosos da vida.

Un dos obxectivos da obra é axudar, desde a humildade do corazón, a todas aquelas persoas que están ou pensan entrar nun proceso de adopción.

E outra finalidade da publicación é colaborar economicamente con orfanatos de Filipinas

Lugo é especial!

David Varela

Non o digo «por dicir» ou por afecto á propia cidade e Diocese. En Lugo temos que recoñecer que a festa do Corpus Christi é algo «especial». Non é o xeito de celebralo, o tipo de procesión ou os costumes propios, que son variados e fermosos en moitos lugares. Lugo é especial cando celebra o Corpus porque niso vaille a súa vida, a súa historia e a súa identidade máis profunda.
A festa do Corpus expresa o que o cristianismo é na súa raíz máis fonda. Cremos nunha Persoa viva, Xesucristo, non en ideas ou recordos máis ou menos felices dun lonxano pasado. No pasado, si, sucedeu algo incomparable: Deus fíxose home en Xesús. E xa nunca se foi. Unha vez resucitado, quedouse para sempre na súa igrexa e nas súas sacramentos, onde temos, non un símbolo, senón moi especialmente na Eucaristía a súa mesma Persoa. E así o pasado chega ata o presente. E xa que se trata dunha Persoa, e non do seu recordo, celebrámolo: segue entre nós vivo hoxe. Xa San Agostiño advertira do perigo de esquecer este núcleo central da fe: «Este é o horrible e oculto veleno do voso erro, que pretendedes facer consistir a graza de Cristo no seu exemplo, e non no don da súa Persoa».
O Corpus Christi naceu na Idade Media co desexo de afirmar o realismo da Presenza de Xesús na Eucaristía e, deste xeito, defender a fe na súa divinidade. Foi así para toda a Igrexa, pero o foi seguramente de modo moi singular, e ata anterior, en Lugo. Pérdese na noite dos tempos o inicio dun culto especial á Eucaristía na nosa terra e na nosa Catedral. A Igrexa lucense confesaba deste xeito a súa fe na Persoa e na Presenza de Xesucristo, Aquel no que Deus mesmo visitounos, amounos e deu a vida para que todos poidamos tela en plenitude.
Por iso, se é importante para todos, máis o é para Lugo celebrar esta festa, porque é volver sobre o corazón da fe, sobre as propias raíces e sobre as formas nas que xeración tras xeración viviuse o cristianismo na Diocese e Cidade do Sacramento. Pero no Corpus non celebramos sen máis as nosas raíces ou tradicións. Non eliximos nós esta manifestación relixiosa entre outras moitas. Celebramos o que recibimos: a compañía sacramental dun Deus-con-nós. Facemos festa co mellor que temos e somos para dicir que na Eucaristía que adoramos e procesionamos está o máis precioso da nosa vida. Está todo.
Fagamos caso a Santa Teresa: «Non vos pido máis que o miredes». Miremos así o Corpus e celebrémolo en Lugo con esta especial conciencia. Todo cambiará, e tamén nós farémonos «especiais». Porque non é o mesmo vivir de recordos que vivir de algo que está sucedendo agora. Por iso da Eucaristía mana como unha fonte todo o ben e toda a caridade da Igrexa. Axoenllados ante a súa Persoa aprendemos a estar de pé no medio do mundo. Contemplando a súa Presenza facémonos nós testemuñas dun amor sen fronteiras como o que Deus nos manifestou no seu Fillo.
David Varela Vázquez
Reitor do Seminario de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: