Mans Unidas e Taller de Solidariedade, nas actividades do Día do Comercio Xusto

dia-mundial-CJ

 O martes 12 de maio o Mercado Municipal Quiroga Ballesteros en horario de 16 a 20 horas acolle a celebración do Día Internacional de Comercio Xusto. Trátase de achegar os produtos de comercio xusto e a realidade do comercio internacional aos lucenses, concretamente o negocio do téxtil.

Entre as actividades, haberá un obradoiro téxtil “TIRA DO FÍO”, unha demostración e degustación de doces feitos con ingredientes procedentes do comercio xusto.

Tamén hai obradoiros para os máis cativos coa proxección dunha curtametraxe sobre o comercio xusto; mesas informativas e de venda das entidades participantes e mercado de produto de comercio xusto, ecolóxico, local e artesanal.

Ademais de Mans Unidas e Taller de Solidariedade, as asociacións organizadoras son A Cova da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Axunica e Bico de Grao.

Celebración de Nosa Señora de Fátima

 Na igrexa parroquial de San Pedro (Lugo) está celebrándose a Novena a Nosa Señora de Fátima. A partir das 18:30 h  hai rezo do Santo Rosario, exercicio da Novena e celebración da Eucaristía, que está presidida por José Pena Mouriz (delegado do Apostolado Mundial de Fátima en Lugo)

O último día da Novena, o día 13 terá lugar a Misa dos enfermos ás 11h, coa administración do sacramento da Santa Unción.

Pola tarde será a Consagración a Nosa Señora de Fátima e haberá unha ofrenda de flores á Virxe por parte dos nenos de catequese e demáis nenos que queiran participar.

Estes actos están organizados por Fillas de María, Lexión de María e Apostolado de Fátima.

Colaboración entre os seminarios de Mondoñedo e Lugo

 As dioceses de Lugo e Mondoñedo-Ferrol asinaron un Convenio de colaboración para a formación dos seminaristas menores de Mondoñedo-Ferrol no Seminario de Lugo.

Seminaristas menores procedentes da Diocese de Mondoñedo son enviados polas súas famílias a formarse no Seminario de Lugo. Para que estes seminaristas sigan pertencendo á Diocese mindoniense, os Bispos de Lugo e Mondoñedo-Ferrol asinaron o Convenio polo que o Seminario Menor de Lugo comprométese a recibir e a formar aos mozos que no futuro sexan propostos polo Seminario de Mondoñedo-Ferrol, respectando sempre a súa procedencia e identidade diocesana.

Para iso o Bispo de Mondoñedo-Ferrol e o Rector do Seminario ou un delegado seu, terán encontros periódicos cos seminaristas e farán un seguimento máis próximo da súa formación, incluso participando en actividades propias da Diocese, en coordinación e corresponsabilidade co equipo formativo do Seminario de Lugo.

…E ao sétimo día, Deus descansou

día do SeñorMalia que no mundo occidental consideramos que o primeiro día da semana é o luns, en realidade éo o domingo, xa que antes de chamarse así se referían a el como o «primeiro día da semana» que é cando resucita Xesucristo. Por este motivo, o primeiro día da semana empézase a designar como o Día do Señor e de aí o nome de Domingo (señor en latín dise dominus).

O acontecemento de todo o misterio de Xesucristo marca o arranque dunha nova era da historia que coñecemos como despois de Cristo (d. C.), e con iso un novo significado para o domingo ou primeiro día da semana, sendo para os cristiáns o día da reunión da comunidade para celebrar a Eucaristía.

No ano 321, o domingo convértese nun día de descanso do traballo por decreto de Constantino. Este decreto respondía a unha cuestión de dignidade da persoa que necesita repousar do traballo e gozar da familia.

No século XXI xa ninguén dubida da necesidade dun día de descanso semanal, ata o punto de que consideramos bo ou malo un emprego en función do ritmo flexible de horas de traballo e descanso que nos permite.

Nos últimos anos as cousas foron cambiando e, case sen decatarnos, chegamos a unha situación nova na que o domingo perdeu a súa importancia. Esta situación non está provocada en principio, como poderiamos pensar, pola crecente secularización que fai que sexan menos persoas as que vaian a misa.

O afán de consumismo provoca que esixamos que os locais comerciais teñan horarios e, como consecuencia, empregados que nos permitan comprar a calquera hora e en calquera día da semana. Convértense así os grandes centros comerciais nas novas catedrais do mundo actual, ás que asistimos en masa as fins de semana, incluídos os domingos.

Cando era formador do Seminario, lembro que estabamos organizando unha viaxe a Ponferrada para visitar ‘As Idades do Home’. Para aproveitar mellor o día, preguntámoslle a un alumno que era de alí que outras cousas poderiamos visitar. O neno respondeu: «Hai un centro comercial novo».

É inevitable que sempre haxa alguén que teña que estar no seu posto de traballo a calquera hora e día: hospitais, seguridade, electricidade, transportes, etc. Pero tamén é certo que todo o mundo ten dereito a descansar e a poder estar un día coa súa familia, todos xuntos. Se o pai descansa o luns, a nai o martes e os fillos a fin de semana, non poderán estar nunca todos xuntos.

Cando o noso plan é ir de compras o domingo, estamos provocando que haxa persoas que teñan que sacrificar a vida familiar para poder atendernos, impedíndolles o mesmo que reivindicamos para nós.

Coa resurrección de Xesucristo a dignidade da persoa vese incrementada ata o infinito. Vivir o domingo co descanso e a Eucaristía é celebrar esta dignidade, e que o traballo e as cousas estean ao noso servizo e non ao revés.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán – Lugo

Celebración de San Xoán de Ávila

San Xoán de Ávila conferencia

A festa de San Xoán de Ávila celébrase o luns día 11 de maio, día no que son homenaxeados, ao cumprir as súas vodas de ouro sacerdotais:

Ángel Castro Granja

Dositeo Dabouza Fernández

Gonzalo García Vázquez

Luis González Fernández

José Ramón Vázquez Varela

Con este motivo terán lugar unha serie de actos no Seminario diocesano de Lugo:

 11.30 h Conferencia a cargo do Vigairo Xeral da Diocese de Burgos, Andrés Picón, sobre “A colexialidade do sacerdote”. (Foto superior)

 13 h Eucaristía, presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

 14 h Comida de irmandade de todos os sacerdotes diocesanos

A %d blogueros les gusta esto: