Xornadas de Delegados Diocesanos e Presidentes Nacionais de Apostolado Segrar

Xornadas Apostolado segrar

O 14 de febreiro de 2015 tiveron lugar en Madrid as Xornadas de Delegados Diocesanos e Presidentes Nacionais de Apostolado Segrar. Estiveron representadas 18 dioceses, e presidentes e representantes de 21 asociacións e movementos.

Unha das ideas expostas é que as asociacións e delegacións non serán meras estruturas ou organizacións, senón testemuñas e responsables da misión encomendada.

Houbo traballo por grupos, onde delegacións e asociacións reflexionaron sobre a comuñón eclesial entre Asociacións e Delegacións de Apostolado Segrar e sobre actividades concretas para unha coordinación efectiva no compromiso misioneiro e evanxelizador. E despois dese traballo en grupos, foi a posta en común (foto superior)

[Ver crónica completa]

Máis alá dos disfraces

En Lugo temos moita sorte porque podemos disfrazarnos ou caracterizarnos varias veces ao ano: Samaín, Entroido, Arde Lucus…

O asunto é que, un ano máis, temos a ocasión de celebrar a Coresma e a Pascua e, aínda que lles pese a moitos, o Entroido. Unha festa un pouco estraña: a data da súa celebración márcase en función da Pascua e, por conseguinte, do mesmo Deus, do que se fará burla estes días con total impunidade.

Resulta rechamante a afección que temos os humanos a disfrazarnos para parecer o que non somos e a organizarnos en desfiles cun gran parecido ás procesións relixiosas. Non desperdiciamos ningunha ocasión para facelo. Calquera motivo sérvenos para poñer encima do noso corpo algo que tape o que somos habitualmente, para ‘ser outra cousa’, por suposto, sen sentido. Tanto é así, que ata ás vodas os invitados e os noivos parece que van disfrazados.

E unha vez máis, o esencial pasa a ser unha mera escusa e o seu lugar é ocupado por ‘cousas’ que, miradas cunha certa calma, son totalmente absurdas e carentes de sentido. Cousas que na maioría dos casos, non son capaces de provocar en nós nin un simple sorriso gracioso.

Máis aló de disfraces está o mesmo Deus, que existe desde sempre e para sempre; independentemente da nosa temporalidade e das nosas tonterías. Precisamente por isto, pola tontería dunha falsa comprensión que temos da liberdade que nos leva ao pecado, á imperfección, Xesucristo tivo que entregar a súa vida na cruz e resucitar por nós ao terceiro día. Isto é o que celebramos todas as semanas na Eucaristía dominical, e que agora imos facer dunha forma máis solemne na Pascual Anual, para a que temos corenta días de preparación (a Coresma). Non precisamente con disfraces, senón con todo o contrario: tirar ao lixo todos os nosos trapos e caretas (pecados), mostrarnos ao Señor tal como somos (aínda que sexamos uns miserables) e deixar que El nos salve coa súa infinita misericordia.

Non están os tempos para desperdiciar as oportunidades. Non é porque Deus canse ou esgote as súas capacidades. Somos nós os que nos acabamos, en moitas ocasións de súpeto. Así que non está de máis chegar a ese día co billete no peto. E máis aínda, vivir os días deste mundo coa confianza de sabernos queridos e salvados polo Señor. Non tanto pola nosa propia felicidade senón pola dos demais, xa que se beneficiarían da nosa humilde caridade que ten a súa fonte no mesmo Deus. El fai auténtica a nosa caridade para que non sexa só un acto máis ou menos `guai’ do que nos podamos cansar en calquera momento.

Máis aló dos disfraces e das nosas tonterías está Deus. Renovemos a nosa confianza nel. Non convertamos a Semana Santa nunha ocasión máis para disfrazarnos.

Miguel Ángel Alvarez

Canto ben se podería facer cos medios de comunicación!

 Gústanme os medios de comunicación. Sigo as noticias da Igrexa e do mundo a través das redes sociais e dalgúns dixitais que considero de confianza. Sei que para para ter unha idea o máis obxectiva posible dun feito hai que analizalo desde dous ou tres puntos de vista diferentes e despois sacar a media.
Aprendín a non emocionarme e a non emitir xuízos ante titulares espectaculares, rechamantes ou escandalosos, pois ao final as cousas nunca son como parecen nunha primeira edición da noticia.
Todo isto, porque o outro día lía con estupor o seguinte titular: “Piden non difundir noticias falsas sobre igrexas destruídas e asasinatos de cristiáns en Oriente Medio”. No interior da noticia poñíanse varios exemplos de noticias falsas sobre persecucións a cristiáns nesta parte de mundo.
Quedei cunha sensación estraña e sen entender nada. Que interese pode haber en difundir unhas noticias falsas como estas?
Canto ben se podería facer cos medios de comunicación utilizados para unirnos, coñecernos, axudarnos e estar preto dos que temos lonxe!

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A vida consagrada ao servizo do mandamento do amor, publicación de Mons. Alfonso Carrasco

O señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco saca á luz unha publicación titulada A vida consagrada ao servizo do mandamento do amor. O índice de contidos é o seguinte:

I. O contexto histórico

I.1. Novos desafíos históricos

I.2. Nova reflexión sobre a Igrexa

I.3. Nova situación da vida consagrada

II. No horizonte eclesiolóxico aberto polo Vaticano II

2.1. Unha perspectiva tradicional

2.2. Chamada universal á santidade e consellos evanxélicos

2.3. A vida consagrada ao servizo do fiel cristián

2.4. Bautismo e especial consagración

III. Testemuñas na Igrexa e no mundo

3.1. Chamados a ser e a amar con radicalidade

3.2. Ao servizo da experiencia cristiá como tal

3.3. A vida contemplativa como exemplo

Conclusión. Eclesialidade intrínseca

[Ver texto]

“Quero: queda limpo”

Os anuncios de deterxentes nunca pasaron de moda. Seguen presentes nas horas de máxima audiencia en todas as cadeas de televisión. Fai 25 anos xa nos dicían que xa a roupa non podía quedar máis branca. Paradoxalmente fóronse descubrindo máis tons de branco, pois os deterxentes seguen lavando cada ano un pouco máis branco que o anterior.

Lembrei isto ao ler o Evanxeo do próximo domingo. Un leproso acode a Xesús para suplicarlle que o limpe. Xesús, unha vez máis, vendo a fe de quen acode a el, fai o milagre de limpar a pel e a vida aquel leproso.

Nos tempos bíblicos a lepra ten unha consideración especial que a distinguía das demais enfermidades, xa que se trata dunha dolencia que se ve afectada por leis de pureza ritual e de comprensión teolóxica. Ademais, a lepra a miúdo era interpretada como un castigo polo pecado, de maneira que a curación era un acto de Deus.

O leproso do Evanxeo acode a Xesucristo porque recoñece nel ao mesmo Deus, ao único que pode curar todos os males que conleva a súa enfermidade, de forma particular a súa condición de pecador, como diciamos antes.

Xesucristo, cando cura aos enfermos, fai moito máis que un simple médico que nos cura cando acerta co diagnóstico e o tratamento. A curación que vén das súas mans e as súas palabras é unha sanación integral, por iso outras veces tamén dirá: “os teus pecados quedan perdoados” ou “en diante non peques máis”. Xesús é especialista en curar o mal do pecado que pode arruinar totalmente nosa vida.

Quizais hoxe non nos é necesario pedir que sexamos purificados da lepra, pois non ten as connotacións da antigüidade e da súa curación ocúpase con total éxito a medicina. Pero seguramente temos moitas outras cousas das que debemos e queremos ser purificados.

Preocupámonos, con bo criterio, de asearnos e levar a roupa limpa. Preocupámonos menos do de “dentro” (do corazón e a conciencia) , quizais porque cremos que non se ve, aínda que se nota moito máis do que imaxinamos, o mesmo que “cando un membro sofre, o resto do corpo tamén sofre”, como di San Paulo.

Non nego a importancia do exterior, do que se ve. O fermoso é sempre bo, tanto o de dentro como o de fóra, o visible e invisible. Ademais, cando todo vai compasado, o belo adquire unha bondade especial.

É inevitable que nos vaiamos manchando. Para limpar o de fóra xa están os modernos produtos químicos, aos que lle debemos as mellores condicións de vida que temos agora grazas á mellor hixiene.

Limpar o de “dentro” é outra historia. É imposible para os homes, pero non para Deus. Cristo pódeo e faino cando acudimos a El coa mesma humildade có leproso do Evanxeo, que recoñecendo a súa situación de pecador, acode a quen limpa de verdade.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: