Xornadas sobre o Ensino Relixioso Escolar

Os días 17 e 18 de outubro o Seminario Diocesano de Lugo acolle unhas Xornadas sobre o Ensino Relixioso Escolar, unha proposta de humanización: estratexias didácticas.

Programa

Día 17 de outubro

18,00 Acollida dos asistentes e presentación das xornadas

18,15 Relatorio: Ser cristián en Europa: Fe-cultura e nova evanxelización

20,15 Relatorio: Evangelii Gaudium: o reto da nova evanxelización. Implicacións no mundo escolar. Tanto este relatorio como o anterior, a cargo de Ramón Piñeiro

Día 18 de outubro

Pola mañá hai 2 relatorios, por Mario Vázquez: Cristianía e cidadanía: unha interacción necesaria, e Implicacións pedagóxico-didácticas dos principios de humanización cristiá

E pola tarde hai 2 experiencias didácticas: unha a cargo de Inmaculada Vázquez Fernández –A acción caritativo-social da Igrexa– e a outra con Elvira Cerdeira Gil: Mellorando os comportamentos cristiáns ante as persoas con minusvalías.

“Unha soa familia humana, alimentos para todos”

O 17 de Outubro, declarado pola O.N.U. Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, é sen dúbida unha ocasión para concienciarnos toda a sociedade da situación actual desta terrible lacra e as consecuencias que conleva para a poboación mundial.

CARITAS e MANS UNIDAS da Diocese de Lugo, desde o seu compromiso a favor dos máis desfavorecidos, queren ser hoxe a súa voz e denunciar que no mundo aínda hai 1400 millóns de persoas que sofren pobreza extrema, con especial incidencia en mulleres e nenos.

A miseria e a explotación deshumanizan a todos, vai contra o que debemos ser: unha soa familia humana, aínda que uns son as vítimas e outros os que causan a inxustiza e a deshumanización.

Temos que ser conscientes de que todos estamos chamados e urxidos a solucionar os problemas da sociedade e, especialmente, dos que peor o están pasando, os máis empobrecidos. Se non asumimos tamén como propia esta responsabilidade, estariamos caendo niso que se chama “Delito de Denegación de Auxilio”. Ante a persoa que non quere colaborar a solucionar os máis graves problemas sociais, a sociedade tería dereito de lexítima defensa.

Debemos saber que erradicar a pobreza non é unha utopía senón unha posibilidade se as institucións políticas, económicas, sociais… garanten os dereitos humanos e unhas políticas fiscais xustas e redistributivas en detrimento dunha economía especulativa. Para este cometido non só as institucións senón toda a sociedade civil debemos esforzarnos para que as nosas decisións persoais, sociais e institucionais estean comprometidas na urxente tarefa de ser unha soa familia humana con alimentos para todos.

 

Saír da burbulla

Un dos días das festas de San Froilán convidáronme a ir a un concerto que había na Praza Horta do Seminario. Saín da miña burbulla e fun.

Para os que non son de Lugo, direilles que os concertos que hai nesta praza adoitan ser os máis estridentes e ruidosos.

Pois iso… que saín da burbulla e alá fun. O que vin non é mellor que o que teño dentro da miña burbulla nin tampouco me fixo máis feliz. Non, non se asusten, non fixen nada do que me teña que confesar ou arrepentir.

O concerto era de Les Tambours du Bronx. Despois decateime de que eran moi famosos. En Youtube hai moitos vídeos. A música que fan consiste en aporrear con moito ritmo uns bidóns metálicos de 250 litros, dos que se usan para o aceite das grandes máquinas. Fórmano un grupo duns 17 homes. Pareceume interesante e orixinal. Por iso, e para sentir de preto como “respira” parte do mundo, aceptei a invitación.

Recoñezo o mérito que teñen polo esforzo, case sobrehumano, que supón estar a golpear aqueles bidóns cun ritmo tan sincronizado e con tal potencia durante hora e media. E até aquí non hai nada que obxectar. Só un volume moi alto, pero todo ben.

O que non entendo é que facer todo iso tivese que ser a base de xestos que transmitían moita violencia. Desde as caras dos propios “artistas” até a forma de tratar os instrumentos (bidóns), o escenario e o resto de material que tiñan.

Supoño que isto é o propio en calquera concerto deste tipo de música. Nun destes xestos violentos, por dúas veces uno dos bidóns foi lanzado con tal ímpeto que saíu rodando do escenario e caeu sobre os ombreiros duns dos mozos de seguridade. E xa non me estendo en explicar o do cuspe que lanzou un dos “artistas”, co que “duchou” aos que estaban en primeira liña.

Sei que un só concerto deste tipo non converte a sociedade en violenta. Pero, do mesmo xeito, creo que todo contribúe para que a humanidade sexa cada vez un pouco máis violenta, onde os prexudicados somos nós mesmos: a violencia do home contra o home, pois os “bidóns” non senten os golpes.

En honra á verdade, direi que me sorprendeu a delicadeza e atención con que despois tratou un dos músicos aos nenos que se achegaron a el para pedirlle autógrafos e facerse fotos, precisamente aquel que peor pinta tiña, e que uns minutos antes lanzara o monumental cuspe. En fin…

O que acabo de dicir foi sobre este concerto, pero poderíao dicir igualmente de calquera outro grupo deste estilo e doutras moitas actividades que se venden como arte e que teñen moitos seguidores.

Vólvome á miña burbulla co Príncipe da Paz. Non necesito violencia engadida nin camuflada baixo a pel de cordeiro dun concerto, aparentemente inofensivo. Necesito paz, moita paz…

Miguel Ángel Álvarez

Celebración da apertura do Ano Xubilar Teresiano

O día 15 de outubro é a festa da fundadora das Carmelitas, Santa Teresa de Xesús. Ese día tamén se celebra a apertura do V Centenario do nacemento de Santa Teresa. Os lucenses están invitados aos seguintes actos no mosteiro de Muxa (Lugo):

  • 18:30 Rezo do rosario e vésperas

  • 19 h Eucaristía

Ao longo deste Ano Xubilar, a Diocese de Lugo, ademais de ir en peregrinación ao lugar onde naceu Santa Teresa -Ávila-, tamén organizará peregrinacións a lugares nos que hai unha imaxe de Santa Teresa. En concreto, aos seguintes templos:

  • Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo.

  • Mosteiro da Santísima Trinidade das Monxas Carmelitas Descalzas de Muxa.

  • Santuario Nosa Señora do Corpiño.

  • Capela Nosa Señora do Carme de Melide.

  • Igrexa parroquial de San Xoán de Becerreá.

 

A %d blogueros les gusta esto: