Somos un pobo que camiña

O día 12 de outubro celebramos a festa relixiosa da nosa Señora do Pilar e a festa civil do Día da Hispanidade. É habitual que a Igrexa, por medio das festas dos santos ou da Virxe María, estea presente nos grandes acontecementos da sociedade civil. O que é importante para as persoas tamén o é para Deus. Como este ano coincide en domingo, teremos a oportunidade de celebrar máis conscientemente a dimensión relixiosa.

Este ano celebraremos este día coa sensación de que iso da hispanidade é un concepto que non está demasiado claro. Parece que o desexo de independencia dalgunhas comunidades autónomas e grupos de pensamento contrasta coa globalización que actualmente predomina no mundo.

Xa case non hai fronteiras para a información nin para os produtos de consumo, pero cada vez hainas maiores para as persoas. Estamos utilizando a riqueza das distintas linguas e tradicións culturais para separarnos, no canto de unirnos.

A palabra “Hispanidade” fálame dun pobo que camiña unido e ao que nin a inmensidade do océano conseguiu poñer fronteiras. Pero actualmente teño a sospeita de que non é así.

Tanto as ideas de ‘hispanidade’, referida á sociedade civil, como a de ‘comunidade’, referida aos membros da Igrexa e seguidores de Xesucristo, non están moi de moda.

Preferimos facer sós o camiño porque tememos contaminarnos dos “ébolas” dos demais, ou que a oración, se é de moitos e por moitos xuntos, non chegue suficientemente a todos.

Como sempre, podemos acudir á Virxe María, na advocación do Pilar. Ela, sempre atenta aos seus fillos, mostraranos o camiño que leva a Xesucristo.

Déixovos dúas cancións que me inspiraron a reflexión anterior:

http://www.youtube.com/watch?v=VJulvJVzeuI

http://www.youtube.com/watch?v=IVrKSK7l9jY

Miguel Ángel Álvarez

Encontro de inicio de curso dos catequistas

Secretariados-Catequese-Galicia

Este ano os señores bispos presentan un novo catecismo, Testigos del Señor, que sen dúbida será referencia na etapa de postcomunión.

Na Delegación Diocesana de Catequese teñen os obxectivos seguintes:

– Coordinación e concentración da catequese en zonas.

– O coidado da catequese de infancia favorecendo a súa continuidade despois da Primeira Comunión, preparándose para a Confirmación.

– Formación de catequistas

– Potenciar a dimensión litúrxica da catequese, animando aos nenos a participar na Eucaristía dominical, xunto cos seus pais.

– Coidar a catequese de adolescentes e mozos así como animando a súa continuidade e implicación na Igrexa.

– Favorecer a formación de adultos.

Sobre todos estes obxetivos vai afondarse na xornada de inauguración de curso do día 9 de outubro (xoves) no Seminario diocesano cos seguintes actos:

  • 18 h Acollida-oración

  • 18,30 h Presentación do curso catequético 2014-2015: Obxetivos, catecismos, materiais, criterios, actividades, etc

  • 19,30 h Saída para a Catedral

  • 20 h. Eucaristía xunto coas demais Delegacións e Vicarías

Xornada sobre liturxia para laicos, relixiosos e sacerdotes

Terá lugar o vindeiro xoves 9 de outubro no Seminario Diocesano. O tema elixido para este ano, “As Exequias. A celebración da morte á luz da Pascua de Cristo”, aparentemente é ben coñecido. Pero hai que cuestionarse se resulta evidente o significado e a profundidade que esconde o rito exequial e a importancia da oración polos defuntos. Tratará estes temas Xavier Parés, delegado de Liturxia da Seu d’Urgell e profesor da facultade de Teoloxía de Cataluña e do Instituto Superior de Liturxia de Barcelona.

A xornada, que se realizara en sesión de mañá (10h a 13:30h) e tarde (16:15 a 17.30), está aberta a sacerdotes, relixiosos, consagrados e fieis laicos. Non se organiza comida, tampouco se require inscrición e a asistencia é libre e gratuita. Os donativos recibidos destinaranse a sufragar os gastos de organización e difusión desta actividade.

Nomeamento de Javier Diéguez para varias parroquias de Antas

O sacerdote Javier Diéguez Diéguez foi nomeado párroco de San Xoán Antas de Ulla e administrador parroquial de Santiago de Amoeixa, San Lourenzo de Peibás, San Miguel da Cervela, San Salvador de Vilanuñe, Santa María de Alvidrón, Santalla de Árbore, Santiago de Reboredo, San Martiño de Vilapoupre e San Xusto de Repostería.

O día 5 de outubro tomou posesión na parroquia de Antas de Ulla ás 13h.

Javier Diéguez, natural de Rodeiro, foi ordenado sacerdote no ano 1992, polo Bispo Frei José Gómez. Ademais de ser rector do santuario do Faro e dirixr a libraría La Voz de la Verdad, imparte clases no Seminario Menor e no Instituto Teolóxico Lucense. 

Encontro de inicio de curso de Equipos de Nosa Señora

ENS 4 de outubro 2014 bis

Equipos de Nosa Señora (ENS) teñen un encontro de inicio de curso o día 4 de outubro no Seminario Diocesano de Lugo a partir das 11h. Agúns actos programados: celebración dunha Eucaristía ás 13h; a continuación, unha comida de confraternidade e na sobremesa un encontro festivo.

ENS é un movemento que na Igrexa reúne matrimonios. Aínda que é unha escola de formación permanente e ten en conta o compromiso na entrega apostólica, o seu obxectivo específico directo é, fundamentalmente, axudar á parella a vivir plenamente o seu matrimonio cristián.

A %d blogueros les gusta esto: