San Froilán e o “pulpo”

Festas de San Froilán

Se un di que en Lugo non hai moita devoción a San Froilán exponse a recibir algunhas críticas. Dareivos os argumentos nos que me baseo para dicilo: para empezar, non se fai unha procesión pola rúas coa imaxe do santo como noutras festas; é certo que hai algunhas novenas, pero a xente non acode de xeito masivo como, por exemplo, á novena da Milagrosa ou do Carmen; e para rematar, se buscamos na internet “imaxes de San Froilán” na maioría das fotos aparecerá o “pulpo”. Na miña opinión, de todo isto dedúcese unha gran confusión e descoñecemento sobre a historia do noso patrón. Confésovos que coñecía a historia do lobo, pero na súa biografía non aparece a do “pulpo”.

Estou de acordo co costume celebrar as festas relixiosas con “misa e mesa”. En Lugo as familias, grupos de amigos, compañeiros de traballo, etc., xúntanse para comer. E, por suposto, estou convencido de que hai que coidar e aproveitar todo o que favoreza a unidade, a amizade e a fraternidade.

Pero invádeme unha gran tristeza comprobar que celebramos dez días de festas en honor dun perfecto descoñecido. Non podemos reducir a misión dos santos a algo que só sexa unha escusa para facer aquilo que máis nos apeteza. Nos programas dalgunhas festas, que din ser patronais, pódese ver á beira da Misa solemne calquera outro evento en grao sumo variopinto que nada ten que ver co santo nin co respecto á dignidade das persoas.

Podemos acudir a un santo en busca de exemplo, axuda para as nosas vidas e as dos demais e solicitando protección para unha parroquia ou cidade…

Afortunadamente, san Froilán e os demais santos “xogan noutra categoría” e, malia as nosas incoherencias, están sempre preocupados pola vida do mundo.

Miguel Ángel Álvarez

II Encontro interdiocesano de Pastoral Penal

Encontro pastoral penal

O 4 de outubro a Casa de Exercicios de Santiago de Compostela acolle un encontro de organizadores e colaboradores da pastoral penal de Galicia.

Planificación da xornada

10:00 Entrega de material

10:15 Oración e presentación das Xornadas a cargo do bispo auxiliar de Santiago Mons. Jesús Fernández González

10:30 Enfermidade e excusión na Biblia por D. José Antonio González García, biblista

11:30 Descanso

12:00 A enfermidade mental no cárcere por Dª. Carmen Suarez, médico que traballa fundamentalmente cos enfermos psiquiátricos e internos en réxime pechado.

14:00 Descanso-Comida

16:00 A progresión a terceiro grado por D. Javier San Claudio. Xuíz de Vixilancia Penal da Coruña

17.00 Mesa redonda: Con todos os relatores e con Dª. Carlota Díaz Alvariño, Psicóloga de Morea.

18:00 Clausura a cargo de D, Jesús García Vázquez, Delegado de Cáritas de Santiago.

A xornada está aberta á participación de todos quen se mostren interesados por coñecer a realidade da Pastoral Penitenciaria, e queiran profundar sobre este tema.

Celebrar a San Froilán. Tempo de preparación

S Froilán igrexa de S Froilán

Sabemos ben que o tempo que dedicamos a preparar calquera evento ou proba da nosa vida é fundamental. Sen preparación non hai un bo resultado final. Pasa así tanto cos exames como coas festas, e, de feito, investimos moito máis tempo na preparación que no desenvolvemento do acontecemento en si. Pois o día da festa pasa voando.

O Ano Litúrxico tamén nos ofrece dous grandes tempos de preparación: Advento e Coresma para celebrar o Nadal e a Pascua, as dúas grandes festas dos cristiáns. Pero tamén nos preparamos para outras festas “máis pequenas”.

Por outra banda, os tempos de preparación adoitan ser difíciles e pouco agradecidos. Supoñen esforzo, estrés, incerteza polo resultado, cansazo, etc para ter todo a punto e gozar da festa cos demais.

A festa de San Froilán, patrono de Lugo e da parroquia de Lugo que ten esa advocación, está xa próxima e hai que empezar a prepararse. Hai que recoñecer que se fala moito das festas de San Froilán, pero iso non implica que entre os lucenses haxa moita devoción a este santo que foi paisano noso. É certo que San Froilán naceu en Lugo, pero non foi aquí onde predicou, senón en León, e é alí onde si é un santo querido e venerado.

Aos de cerca e coñecidos sempre é máis doado pedirlles algo cando o necesitamos. San Froilán é de cerca e dos nosos, un lucense. Poñámolo tamén de intercesor das nosas oracións e necesidades. Seguro que algo de recomendación fainos.

Termino o comentario de hoxe recordando a emoción que sentín, cando fai algo máis de ano, bauticei a un Froilán na parroquia.

San Froilán, roga por nós.

 

Miguel Ángel Álvarez

O valor da Eucaristía dominical

Aos 8 días da resurrección, o primeiro día da semana, cando estaban os discípulos reunidos, Xesucristo faise presente outra vez no medio deles para bendicir e partir o pan.

Hai moitas cousas que intentamos facer cada 8 días, aínda que non sempre o conseguimos, ás veces fallamos.

Pero hai algo que se leva facendo case 2000 anos sen interrupción: a Eucaristía dominical. Desde aquel momento que cambiou o rumbo da historia e da metahistoria coa resurrección de Xesucristo, cada 8 días repetimos o memorial do seu misterio pascual.

Unha única Eucaristía da que facemos actualización e memorial. Con variación de detalles segundo lugares e circunstancias, pero sempre a única e mesma Eucaristía que instituíu Xesucristo coa súa vida, toda ela salvífica.

Aínda que non sempre conseguimos facer interesante ou atractiva a Misa, non debemos desanimarnos ou facer que nos pase desapercibido o esencial da Eucaristía e, polo tanto, que non recibamos todos os seus beneficios.

Miguel Ángel Álvarez

Inauguración solemne do curso no Seminario Diocesano

roberto_pedrouzo_regueiro

O venres 26 de setembro será a inauguración solemne do curso 2014 – 2015 no Seminario Diocesano.

Ás 17:00 h. haberá a Eucaristía votiva do Espírito Santo na Capela Maior. Preside o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco. A continuación, na Aula Magna, terá lugar o Acto Académico de Apertura do Curso, consistente na lectura da Memoria do curso 2012-13, na entrega das Excelencias Académicas e na Lección Inaugural. Esta corre a cargo do profesor de Educación Física Roberto Pedrouzo Regueiro (foto superior) e a súa intervención leva como título “Relixión e deporte”.

Ao remate dos actos, os seminaristas van ás súas casas para a fin de semana.

O luns 29 de setembro ás 9:45 h. incorpóranse tódolos seminaristas para as clases.

A %d blogueros les gusta esto: