Encontro mariano no santuario de Nosa Señora dos Milagres de Saavedra

O xoves 12 de xuño hai un Encontro mariano no santuario de Nosa Señora dos Milagres de Saavedra (Begonte).

Está organizado pola Delegación de pastoral da saúde de Lugo co seguinte programa:

1) ás 16:30h. acollida dos peregrinos,

2) ás 17h charla sobre as mensaxes da Raíña da Paz.

3) ás 18h celebración da santa misa pola saúde dos nosos enfermos. (haberá sacerdotes para o sacramento da reconciliación).

4) ás 19h regreso.

Teléfono da Delegación de pastoral da saúde: 635 882 547

Pasar o tempo con Deus ao noso carón é “máis”

Os días van pasando, xuño xa está aquí, e isto fai que cambiemos algúns hábitos da nosa vida, ou que, polo menos, empecemos a facer plans para o verán.

Completado o tempo pascual, en Lugo aínda nos quedan acontecementos interesantes. O Corpus é un fito importante na vida dos lucenses. A Catedral e o Centro Eucarístico Lucense organizan actividades ao redor desta festa para axudarnos a vivir a centralidade da Eucaristía. Xa nos irán informando os medios de comunicación da Diocese.

Ver como pasa o tempo e como pasamos o noso tempo é algo que temos que pensar de cando en vez. Pasar o tempo dunha forma ou outra tamén nos levará a vivir con ou sen esperanza.

Pasar o tempo con Deus ao noso carón é “máis”.

Miguel Ángel Álvarez

Xornadas de Apostolado Seglar entre os días 6 e 8 de xuño

Xornadas Apostolado Segrar web

As actividades previas ao Día do Apostolado Seglar comezan o venres 6 de xuño, ás 20:00, cunha charla de Xabier Blanco, salesiano, director do Colexio “Divina Pastora” de Lugo, que tratará sobre o lema deste curso a nivel diocesano: A fe, luz da vida. O lugar da conferencia é o salón de actos do Seminario Maior de Lugo.

Ao día seguinte, o sábado 7 de xuño, a vixilia de Pentecoste será na parroquia de Santiago A Nova de Lugo, ás 20:00. Este ano hai unha novidade significativa: ao rematar a vixilia, darán un concerto breve de “Xaquín e a súa banda”. Xaquín R. Pomares, cantautor cristián de referencia en Galicia, compartirá as súas cancións cos asistentes, tanto nenos, xóvenes como adultos.

Por último, o Día da Acción Católica e do Apostolado Seglar, o domingo 8 de xuño, celebraremos a solemnidade de Pentecoste cunha Eucaristía, presidida polo señor Bispo, D. Alfonso Carrasco, na catedral de Lugo, ás 13:00.

Exposición en Silleda con referencias aos 150 anos de devoción á Virxe da Saleta

O sábado día 6 ábrese ao público a exposición Silleda no século XIX, un percorrido pola historia do municipio a través da arte, documentos e outros obxectos.

A mostra estará aberta ao público na Casa da Cultura de Silleda até o 13 de xullo, con entrada libre e horario diario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. Un dos motivos que impulsaron organizar esta exposición é o 150º aniversario da devoción á Virxe da Saleta en Siador. Precisamente unha das partes da exposición adícase á Saleta e nela figuran dous relicarios con fragmentos da pedra onde se apareceu a Virxe na Salette (Francia).

No acto de inauguración, a partir das 20h intervirán, entre outros César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da Diocese de Lugo, que fará un repaso da arte sacra de Trasdeza desde o románico ata o século XIX; e o sacerdote saletino Heliodoro Santiago falará dos 150 anos de devoción mariana en Siador.

Na exposición hai quince imaxes de diferentes parroquias, desde o século XV, e tamén fotos, chaves, misais…

Mensaxe do Papa Francisco a Cáritas diocesana de Lugo con motivo do seu 50 aniversario

Na Eucaristía de acción de grazas que se celebrou o 4 de xuño na Catedral de Lugo con motivo dos 50 anos da fundación de Cáritas diocesana, o secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e Sociedades de Vida Apostólica, Mons. Rodríguez Carballo, leu a mensaxe que o papa Francisco quixo enviar á comunidade diocesana de Lugo con este motivo.

Despois de saudar ao Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e ao director de Cáritas diocesana, Ginés Plaza, aos traballadores e voluntarios desta institución o Papa Francisco, en palabras de San Ignacio, lembrounos que: “Deus traballa por nós”. A Súa Santidade manifesta na mensaxe que “a evanxelización dirixida gratuitamente aos pobres é signo do reino que Deus veu a traer”; e que “fe e caridade van da man porque o amor compróbase máis coas obras que nas palabras”.

Tamén tivo palabras de alento cara aos que colaboran activamente na Cáritas diocesana de Lugo animando a sexan “valentes para expresar o amor de Deus con formas novas e creativas. Saíde de estruturas que vos impidan comunicar esta caridade sen medida e ata o extremo. Sede casa aberta do Pai da misericordia, sede Igrexa en saída e non esperedes que os pobres chamen ás vosas portas”.

Por último o Papa afirmou que “a situación de pobreza hoxe alcanza niveis inadmisibles”, e por iso en necesario dicir: “NON! a unha economía de exclusión e de inequidade”

Ademais de eloxiar os distintos programas que Cáritas diocesana de Lugo ten en marcha, o Santo Padre animou aos voluntarios e traballadores de Cáritas “a crear novas plataformas que posibiliten maior amor e servizo aos irmáns”.

A %d blogueros les gusta esto: