Mesa redonda sobre a parroquia misioneira

Co título “Construír parroquia misioneira desde a Evangelii Gaudium”, o día 25 de febreiro na parroquia de San Francisco Xavier houbo unha mesa redonda na que interviñeron:

– Conchi Muñoz, Hija de María Auxiliadora, falou do estilo mariano de evanxelización, pola importancia da tenrura.

– Alfredo Losada, Delegado de Apostolado Seglar, quen recalcou que cando o Papa fala da necesidade dunha Igrexa pobre para os pobres, non debemos entender que é unha cuestión doutros, é cousa nosa.

– Ramón Jacobo, párroco de Santa Comba, que invitou a unha conversión pastoral misioneira e a un estado permanente de misión. 

 

Miguel Ángel Álvarez: A fe en Deus dá estabilidade ao mundo

A cita da Lumen Fidei escollida para comentar nesta ocasión refírese á necesidade dunha sociedade máis fiable. É do número 55 e di:

“Se fixesemos desaparecer a fe en Deus das nosas cidades, debilitaríase a confianza entre nós, pois quedariamos unidos só polo medo, e a estabilidade estaría comprometida”. (LF 55).

A miúdo pénsase que a fe é algo que só necesitamos para cando queremos falar de Deus. É verdade que coñecemos a Deus pola fe, pero tamén é verdade que, grazas á fe, coñecemos unha boa parte das cousas do mundo. Sen a fe, sen fiarnos dos demais, non poderiamos saír á rúa, comer fóra de casa, ir á barbaría, ao médico, subirnos nun ascensor, nin ir á escola.

Pero, todas estás cousas non son das que está a falar o Papa cando di que sen a fe en Deus comprometeríase a estabilidade do mundo.

O que nos quere dicir o Papa Francisco é que sen fe en Deus, ou o que é o mesmo, sen un lugar para Deus no mundo, erixímonos en deuses de nós mesmos. Se é así, cada un imporá aos demais as súas propias leis, será imposible un criterio unánime sobre o que está ben e mal, e, o medo ao que poida facerche o outro será o único que teñamos en común.

Entre outras cousas, poderiamos dicir que Deus pon obxectividade no mundo, dándonos así unha estabilidade necesaria. Non é casualidade que canto menos espazo lle deixamos a Deus máis aumenta a violencia, e, por tanto, o medo.

O mundo necesita estabilidade, a fe en Deus dánola.

Miguel Ángel Álvarez

Asemblea da Adoración Nocturna Feminina de Lugo

A Adoración Nocturna Feminina de Lugo ten unha Asemblea Diocesana o día 22 de febreiro ás 16:30 no centro parroquial Nosa Señora das Fontiñas (avda. das Fontiñas, 125, Lugo).

Ademais, inaugúrase o turno “Divina Misericordia”. Isto supón unha progresión no deber de adorar ininterrompidamente, consagrando a Deus, creador do tempo, un único tempo continuado.

A Adoración Nocturna Feminina vai dirixida a todas as mulleres católicas que desexen e se comprometan a adorar a Xesús durante a noite, participando regularmente en vixilias ordinarias e extraordinarias. O feito de adorar reunidas, expresa o recoñecemento, non só persoal, senón social, da necesidade de que adoren a Deus o maior número de persoas.

Taller de lectores para celebracións litúrxicas

taller de lectores en celebracións litúrxicas

O Taller iniciouse cunha introdución, a cargo de José Antonio Ferreiro, sobre a importancia da liturxia da Palabra, as partes da Eucaristía, o ambón (non tanto un moble como un lugar). E Xosé Luis Ansemil falou do control da respiración, exercicios para a variedade na modulación vocal de maneira que se poidan expresar unha ampla variedade de sentimentos e emocións, a diferente entoación en galego e castelán.

O 2º día, na parte introdutoria, J. A. Ferreiro explicou as posturas e signos (silencios), actitude espiritual (acollida) e salientou o carácter diferente do salmo (máis oracional) con respecto á 1ª e 2ª lecturas. E Xosé Luis Ansemil tratou sobre ritmo e velocidade, exercicios para pausar axeitadamente durante a lectura, énfase e acentuación.

VI Xornadas para sacerdotes en Montecelo

A Asociación Social e Cultural Porta Maris celebra a sexta edición das súas Xornadas para sacerdotes, os días 19 e 20 de febreiro, en Montecelo, Paderne. O Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos e mons. Manuel Sánchez Monge, Bispo de Mondoñedo-Ferrol participan nestas xornadas centradas en distintos puntos da mensaxe evanxélica. Tamén se tratará do estilo sacerdotal que pide o Papa e da faceta comunicativa do Santo Padre.

A %d blogueros les gusta esto: