Edelmiro Ulloa fala do mundo interior do enfermo

Con motivo da Pascua do enfermo traemos unhas reflexións de Edelmiro Ulloa, ex-capelán de hospital, Delegado de Pastoral da Saúde.

1.- É difícil o acceso ao mundo interior do enfermo?

– A conciencia é o lugar máis sagrado que temos, coa particularidade de que a súa porta abre por dentro. Tentar forzala desde fóra é unha profanación. A miña intimidade é miña, eu compártoa con quen quero e me infunde confianza. Unha rosa non se abre por unha orde. Se lle facilito un clima de calor abrirase, cando chegue o seu tempo, pola forza interior da súa savia. Pois o enfermo, o mesmo. Polo feito de ser profesional ou capelán dun hospital non teño dereito a que me abra a súa intimidade. Algo tan obvio como isto, por desgraza, non sempre é tido en conta á hora de tratar ou visitar a unha persoa hospitalizada.

2.- Cando hai moita dor, espímonos con naturalidade ante o médico. Como se compaxina isto co dito anteriormente?

– Descubrimos o corpo, pero o ser humano é un espírito encarnado. Non enferma un órgano, enferma unha persoa. A enfermidade como que nos desestrutura tocando o noso núcleo. As peores feridas son as da alma. Hai persoas fisicamente sas pero tan rotas por dentro que son un farrapo.

Unha cousa é curar un órgano e outra, sanar á persoa: sanar os seus medos e frustracións, as súas ilusións rotas e desenganos; axudarlle a atopar sentido á súa vida feita farrapos. Cada enfermo ten a súa historia íntima, persoal, que pouco ten que ver co historial clínico. É o máis sagrado que ten e que non destapa a calquera. Facilitar a apertura da súa alma, facerse digno de acceder até o núcleo da súa historia, saber chegar até a raíz do seu sufrimento, é toda unha arte e unha arte divina. Mentres non se chegue aí, esta seguirá enferma aínda que sane o seu corpo. Hai unha pregunta coa que todo bo profesional adoita terminar a súa entrevista co paciente. E a pregunta é esta: “Ademais desas molestias orgánicas que acaba de manifestar, a vostede, alá no máis profundo, que é o que máis lle doe?”. Pregunta clave que vai dirixida á súa vida afectiva, familiar, social, espiritual. A resposta pode ser: “nada”. Ou tamén: “os fillos”, “o tempo perdido”, “a falta de sentido da miña vida baleira”, “dóeme non ter amado: cumprín pero non amei”. “Dóeme a alma”. Se chegamos aquí é que tocamos fondo; agora comeza un proceso de sanación

3.- Dun tempo acá fálase da “relixión” da saúde corporal? Por onde van os tiros?

– Hoxe non lle pedimos saúde ao médico, esixímoslla. Esixímoslle que nos cure e se non denuncia ao canto!. E esixímoslle até a receita para estar en forma e non envellecer. Hai un culto ao corpo do que viven laboratorios, ximnasios, consultorios. O que conta é a estética, a imaxe. Este culto impón aos seus seguidores non pequenas penitencias nos ximnasios e no campo da alimentación. Gañamos en imaxe pero perdemos os nervios. Talvez a crise económica axude a redescubrir riquezas esquecidas: a familia, a amizade, a paz interior, o culto a Deus, Pai, Señor e dador de vida.

4.- E falando do culto. No vello hospital a capela ocupaba o centro do edificio; agora desprazárona a un extremo. Quen ocupa o seu lugar doutrora?

– Os quirófanos, aos que acoden diariamente miles de fieis, máis ou menos devotos. Neste novo “santuario” hai como un altar- a mesa do quirófano- e un “sumo sacerdote”- o cirurxián que, tras as súas ablucións rituais, entra en escena revestido cos seus ornamentos, axudado por outros ministros. Bendito sexa este novo espazo sacro onde imos gañando á morte pequenas batallas aínda que a guerra teñámola perdida por nacer con data de caducidade. A xirola fórmana as habitacións dos enfermos, onde o Señor espera unha visita: “Estiven enfermo e viñestes verme”

5.-Fálase moito da necesidade de humanizar os hospitais. Quere isto dicir que están deshumanizados?

– Necesitamos da ciencia e a técnica. Pero estas nunca poderán suplir o poder curativo dunha mirada, dunha escoita atenta, nin a calor dunha man amiga. Cando o médico, pendente do monitor, dille á parturienta: “señora, agárrese a este ferro” e ela responde: “agárrese vostede, a min déixeme unha man”, está a darlle unha lección de humanización. Necesitamos as máquinas, os monitores, pero tamén persoas profundamente humanas que nos alivien con soa a súa presenza e o seu sentido de escoita. “Ai do ai que da alma sae e á alma volve por non atopar acollida” Falamos sós por non haber quen escoite .Nunca estivemos tan comunicados cos de lonxe nin tan incomunicados cos de preto.

Xornada polas Vocacións Nativas

Nesta Xornada trátase de fomentar a oración perseverante para que Deus e a Virxe María sigan suscitando novas vocacións en lugares de misión.

Este ano lémbrase o labor da Obra Pontificia de San Pedro Apóstolo. É a maior institución destinada ao sostemento de vocacións na Igrexa.

A Delegación de Misións de Lugo acaba de estrear un blog http://www.misionesdelugo.blogspot.com.es/

Pode accederse desde a páxina de inicio desta web que vostede está visitando.

 

Oración polas vocacións na parroquia de San Froilán, en Lugo

É o sábado día 28 de abril ás 11 da mañá.

Viaxe da parroquia de A Milagrosa por Francia

A parroquia de A Milagrosa de Lugo programa unha viaxe por Francia a partir do 27 de abril.

  • Ao día seguinte, visita con guía local á cidade de NANTES
  • Domingo 29 de abril: Vannes, cidade medieval situada entre murallas, centro prehistórico de Tables de Marchand, Saint Maló, cidade corsaria.
  • Luns 30 de abril – murallas de Saint Maló, visita a Dinan e Dinard. Mont Saint Michel, abadía gótica, tamén coñecida como a marabilla de occidente.
  • Martes 1 de maio – Visita das praias do desembarco, Arromanches, Caen e a famosa tapicería de Bayeaux.
  • Mércores 2 de Maio – Saída cara a Lisieux, celebración de Santa Misa. Visita panorámica de París: Catedral de Notre Dame, os Campos Elíseos, Arco do Triunfo, A Ópera, etc.
  • Xoves 3 de maio – Santa Misa na Parroquia A Milagrosa de Paris, Torre Eiffel, travesía polo Sena, Notre Dame, Montmartre.
  • Venres 4 de maio – Castelos de Loira.

Equipos de Nosa Señora de Galicia reúnense en Lugo

O próximo día 29 de abril reuniranse no complexo parroquial do Bo Pastor 200 matrimonios de toda Galicia pertencentes ao Movemento eclesial Equipos de Nosa Señora. É unha xornada de encontro, de fraternidade, de oración e de festa.

Esta reunión denomínase DÍA DA REXIÓN, e cada ano celébrase nunha cidade distinta. É un signo do compartir, desde a comida até a mesma vida.

Na Eucaristía dominical, os fregueses e o seu párroco, que celebran a festividade do Bo Pastor, acollen aos matrimonios dos Equipos e aos seus sacerdotes consiliarios. Esta Eucaristía estará presidida polo Sr. Bispo de Lugo.

A %d blogueros les gusta esto: