Carta dos bispos de Galicia con motivo da campaña de sensibilización relixiosa escolar

Queridos pais:

Nestas semanas, como pais, estades xa tramitando a matrícula escolar do vindeiro curso, conscientes da importancia e o esforzo que supón a educación dos vosos fillos e fillas. Nela está en xogo a súa preparación como persoas que poidan responder aos desafíos da vida e aos compromisos sociais.

1.- Lograr unha educación de calidade é un empeño de toda a comunidade educativa (pais, alumnos, profesores). Só así se pode lograr unha educación integral da persoa, da que forma parte a dimensión relixiosa, constitutiva do ser humano e do seu xeito de estar no mundo. Por iso, pedímosvos que inscribades aos vosos fillos, no momento da matriculación, na materia de Relixión Católica.

2.- A presenza do Ensino relixioso nos centros educativos é un dereito que tedes vós, os pais, e que as autoridades educativas deberán garantirvos para que poidades optar por ela con plena liberdade, evitando toda discriminación e en igualdade de trato que o resto das demais materias.

3.- Ademais esta solicitude ha de ser consecuencia lóxica da vosa condición de pais crentes e dos compromisos adquiridos no día do seu bautizo. Non solicitala sería, sen dúbida, un contrasentido con eses compromisos.

4.- O Ensino Relixioso axudará aos vosos fillos e fillas a profundar na mensaxe de Xesús e a reflexionar e entender mellor a fe que lles transmitistes. Poderán comprender así os criterios, valores e actitudes que lles permitan unha convivencia positiva na vida; coñecerán o sentido relixioso da nosa cultura, chea de costumes, festas e ritos impregnados polo cristianismo; capacitaráselles para un diálogo entre fe e cultura nun mundo pluricultural e plurirelixioso.

5.- Non vos deixedes influír polas opinións do laicismo excluínte que quere marxinar a expresión e vivencia relixiosa da vida social. Trátase simplemente dunha ideoloxía que pretende ocupar o sitio da fe cristiá na mente dos nosos mozos. O Ensino Relixioso non é un privilexio da Igrexa, senón consecuencia lóxica da vosa condición de pais crentes.

6.- Agradecemos todo o esforzo que fai o profesorado de Relixión e pedímoslle que coa súa palabra e o seu testemuño de vida transmitan a mensaxe de Xesús e procuren poñer a súa verdade e a súa beleza ante os ollos da razón dos seus alumnos.

7.- En conclusión, pedímosvos que asumades a vosa responsabilidade de pais crentes e que pidades Relixión Católica en todos os centros educativos. Estade seguros que os vosos fillos e fillas atoparán nela o coñecemento que lles axudará a ver a vida e actuar nela con sentido de verdade, xustiza e solidariedade.

Que o Señor vos bendiga a todos e encomendámosvos nas nosas oracións.

+ Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago

+ Manuel Sánchez Monge, Bispo de Mondoñedo-Ferrol

+ Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo

+ Luis Quinteiro Fíuza, Bispo de Tui-Vigo

+ Leonardo Lemos Montanet. Bispo de Ourense

+ Jesús Fernández González, Bispo Auxiliar de Santiago

José Diéguez Reboredo, Bispo Emérito de Tui-Vigo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: