A catedral de Lugo acolle o acto de primeiro aniversario da Declaración dos Camiños Primitivo e Norte como Patrimonio da Humanidade

D Alfonso Carrasco no 1 aniversario da declaración do Cam primitivo patrimonio da humanidade

O 5 de xullo, primeiro aniversario da Declaración dos Camiños Primitivo e Norte como Patrimonio da Humanidade, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, recibiu na catedral ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez, e ás autoridades civís con motivo da entrega da placa conmemorativa que recoñece á basílica lucense como ben integrante da lista de Patrimonio da Humanidade pola súa vinculación ao Camiño Primitivo.

Tralo descubrimento da placa nunha das naves laterais, os asistentes trasladáronse ao claustro da catedral onde o Bispo de Lugo, agradeceu a todos o seu traballo para facer posible este recoñecemento da UNESCO que supón unha honra para cantos viven ao longo do Camiño de Santiago, lugar singular e punto de encontro e experiencia de diálogo para peregrinos e lugareños. Na súa intervención de benvida o bispo de Lugo sinalou a importancia da axuda e a colaboración mutua entre todos para seguir mantendo o Camiño como unha auténtica realidade viva.

O Arquivo Catedralicio. Entrevista ao seu director Gonzalo Fraga Vázquez

Gonzalo Fraga

Con motivo de celebrarse o 9 de xuño o Día Internacional dos Arquivos, recuperamos a seguinte entrevista sobre o Arquivo Catedralicio. Ademais, no recente Festival de Órgano interpretáronse partituras que conserva o Arquivo.

– Onde está o Arquivo ?

– O Arquivo está nun pequeno local rectangular na torre suroeste da fachada da Catedral. A lonxitude total dos andeis non excede dos 52 metros lineais.

– No século XI pasou a haber dous arquivos: o episcopal e o catedralicio. Que supuxo iso?

– O Arquivo episcopal quedou con diplomas reais e outros documentos importantes e o catedralicio con documentos do cabido. Por iso, cara a 1230, o cabido mandou confeccionar o Tombo, chamado Vello desde o século XVIII, en que se fixo outro.

– Houbo sempre preocupación polo Arquivo?

– A través das actas capitulares, (en 46 libros desde 1549) vese como o cabido lucense estimaba o seu arquivo e preocupábase frecuentemente da súa organización para podelo utilizar convenientemente e sen complicacións cando fose necesario. En 1652, grazas ao benemérito lectoral Juan Pallares Gayoso, realizouse unha clasificación documental que non desmerece hoxe. No século XVIII encadernáronse libros (debe entenderse que tamén se formaron libros con papeis e expedientes de asuntos máis ou menos homoxéneos), confeccionáronse índices detallados doutros e transcribiuse un considerable número de documentos.

– Que tipo de fontes documentais alberga o Arquivo?

– Bulas pontificias, información de actividades do cabido, información sobre recursos económicos (bens, censos, rendas), libros de fábrica (16), pías vontades e fundacións, libros de confrarías…

– Hai códices?

– Dos tempos medievais só hai un breviario misal en pergameo, con 3 quilos de peso, atribuído aos séculos XII-XIV, e restaurado coa axuda do Ministerio de Cultura. Son importantes tamén os chamados Libro X e Libro XI. O primeiro contén 65 pergameos con privilexios reais e o segundo bulas papais de cinco séculos. Tamén hai 30 libros musicais de facistol, en pergameo, confeccionados por un organista da Catedral a finais do século XVIII. É de salientar tamén o fondo musical, agora catalogado, que contén fundamentalmente composicións dos mestres de capela.

– De que instrumentos de traballo e consulta dispón o Arquivo?

– Hai un inventario confeccionado en 1900. Sobre este fíxose posteriormente un índice de materias con orde alfabética non rigorosa. Dos libros de actas capitulares hai uns índices dos principais asuntos até mediados do século XIX. Actualmente catalógase e informatízase o arquivo. Hai unha biblioteca auxiliar con 250 libros.

– Que persoas acoden ao Arquivo?

– Profesores das Universidades de Lisboa, Bolonia, ademais de centros españois, acoden ao Arquivo para facer investigacións. Coñecen da existencia do Arquivo nalgúns casos a través da internet.

Esta entrevista publicouse no boletín @nosavoz  (7/11/2013).

Actos na Catedral de Lugo no día da Ofrenda de Galicia ao Santísimo

V ENCONTRO EUCARÍSTICO LUCENSE 00

A Catedral de Lugo acolle a partir das 12 h do domingo 5 de xuño a solemne concelebración eucarística presidida polo Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet, que recibirá a Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento, e o delegado oferente será o alcalde da cidade de Ourense.
Na parte musical, á entrada tocarase a Marcha do Antigo Reino de Galicia para gaita e órgano. Acompañará a celebración o Orfeón Lucense, coro oficial da Catedral, que interpretará a Misa Galega de José Castiñeira e cantos en galego do P. Feijoo.
Despois da celebración, e durante a procesión, o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artistico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretarán danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

Peregrinacións á Catedral de parroquias de Sarria e dos nenos de San Antonio de Padua (Lugo)

Copia de Ano Misericordia Lugo  banner

O venres 8 de abril ás 5 da tarde os nenos e xoves de catequese da parroquia San Antonio de Padua (lugo) terán unha experiencia da misericordia de Deus e ao mesmo tempo cumprirase coa proposta que fai o Papa de ir á Catedral e facer unha peregrinación. Aproveitarase a ocasión para facer unha catequese en relación con todo isto. Os participantes entrarán pola Porta da Misericordia, terán uns momentos de oración ante o Santísimo e rezaranlle á María na capela da Virxe dos Ollos Grandes. Neste acto participan todos os grupos de catequese, tanto de primeira comuñón como de confirmación.

O 10 de abril, fregueses do arciprestado de Sarria, gañarán o Xubileo da Misericordia cunha peregrinación á Catedral de Lugo. A primeira hora da tarde do mencionado día sairán autobuses de O Incio, Oural e Sarria. Unha vez chegados a Lugo, haberá un primeiro acto na igrexa dos PP. Franciscanos: será unha celebración penitencial, e ao seu remate iníciase a pequena peregrinación ata a Catedral, faráse a entrada pola Porta da Misericordia e celebraráse unha Eucaristía ás 19 h presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Peregrinación á Catedral de parroquias de San Clodio, Quiroga e O Courel

Copia de peregrinac á Catedral S Clodio

O domingo 13 de marzo fregueses de San Clodio, Quiroga e O Courel peregrinan á Catedral de Lugo para pasar pola Porta da Misericordia e gañar o xubileo. Ás 12 h terá lugar a recepción na basílica e a Eucaristía presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Están previstas peregrinacións doutras zonas da Diocese en vindeiras semanas.

 Tamén neste Ano da Misericordia haberá xubileos específicos: o 23 de abril de catequistas, entre o 5 e o 15 de maio : operarios e voluntarios da misericordia, educadores, sacerdotes, membros de asociacións, movementos e confrarías. En xuño será o xubileo de enfermos e discapacitados e en outubro haberá un xubileo mariano.

[Ver escrito de Mons. Alfonso Carrasco “Porta da Misericordia”]

A %d blogueros les gusta esto: