Co Amor e a Misericordia de Deus seremos libres

Semana Santa Lugo 2016

Estamos a celebrar o Xubileo extraordinario da Misericordia, convocado polo noso Papa Francisco. As celebracións e procesións, as nosas devocións desta Semana Santa, poden axudarnos a lembrar -ou a descubrir- que a vivencia da misericordia está no centro de toda a nosa existencia cristiá, que non se trata en absoluto de algo só sentimental ou secundario dentro das loitas e tarefas da vida.

O Fillo de Deus entrou na nosa historia, fíxose home, naceu da Virxe María. E, como quen ama ata o final, quixo quedar connosco, chegando ata a cruz e a resurrección, para asegurar a nosa vida, a nosa vitoria sobre o mal, a inxustiza e a morte.

Con Xesús, o Señor, desaparece a escuridade interior, o non saber para que vivir, para que sufrir ou sacrificarse. Desaparece o medo, porque o Seu amor é fiel. El compadécese das nosas miserias e, en primeiro lugar, da nosa infidelidade, da ambigüidade e falsidade do corazón, do pecado cometido; sabe perdoar.

Esta verdade, que celebramos en todos os actos desta Semana, que contemplamos nos nosos pasos e procesións, acompáñanos e sosténnos ao longo do ano, especialmente a través dos sacramentos da reconciliación e da Eucaristía.

Non renegar desta verdade profunda, de Xesucristo, a quen honramos estes días na súa Paixón e Resurrección, é unha opción fundamental que determina a maneira de vivir de cada un. Coñecendo o Amor e a Misericordia de Deus, seremos libres en calquera circunstancia, porque ninguén poderá arrebatarnos ao que é a paz do noso corazón.

E teremos un criterio de xuízo novo e propio, que lembramos especialmente na Semana Santa e que pode transformar o mundo: amar como El nos amou.

+ Alfonso Carrasco Rouco.

Bispo de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: