Cremos na igualdade e a dignidade da persoa

Cúmprense este ano 60 da existencia de Mans Unidas, que nace da urxencia de loitar contra a fame no mundo sentida entón polas mulleres de Acción Católica, que desde o principio traballarán por remediar “a fame de pan, a fame de cultura e a fame de Deus”.

A campaña deste ano é a primeira de tres que levan o lema conxunto de “Promocionar os Dereitos con Feitos”; e focalízase particularmente nas mulleres, na súa falta de liberdade, de seguridade, de voz. En efecto, a pobreza e a inxustiza afectan máis directamente aos máis vulnerables, a nenos e anciáns, e en concreto ás mulleres.

Nas relacións cotiás, na familia, en formas mesmo estruturais dunha sociedade, vese diminuída a liberdade da muller, o seu acceso aos recursos culturais e económicos, a súa seguridade persoal, a súa capacidade de protagonismo e a súa presenza pública.

A nosa fe cristiá afirma, en cambio, con claridade que, desde o inicio, Deus creou á súa imaxe ao home e á muller, iguais en dignidade, destinados á colaboración e ao amor.

Este núcleo bo de toda existencia humana sofre a consecuencia do pecado, que introduce mentira e violencia, relacións de dominación, e chega a tomar formas históricas determinadas por unha desigualdade inxusta, dolorosa e empobrecedora.

Coidar e fomentar relacións que respecten a igualdade na diversidade é consecuencia intrínseca da fe. Non é aceptable en ningún modo a violencia, as situacións de servidume ou de abuso, a trata de mulleres. Ao contrario, sabemos que a relación máis íntima e fecunda, máis persoal, que é a do amor matrimonial, só pode ser establecida no consentimento libre, no “si” dado e recibido en igualdade e liberdade polo home e a muller.

Salvagardar esta relación primeira é decisivo para a conformación da familia e da sociedade enteira. O cambio da estrutura social, o acceso ao ben da cultura ou da economía, a asunción de responsabilidades públicas, farase posible desde este cambio primeiro e fundamental que afirma a igualdade e a común dignidade da muller e do home, e que ten a súa expresión histórica máis fonda e determinante na forma que adopta o amor conxugal, o matrimonio.

Levar ata o final esta esixencia de liberdade, dar voz en plena igualdade á muller nesta relación fundante de toda sociedade, resultará decisivo para a superación das formas de pobreza e de inxustiza que impiden satisfacer tamén hoxe moitas veces a fame de pan, de cultura e de Deus.

Este anuncio propio da fe cristiá non poñerá en cuestión nin danará o ben verdadeiro de ningunha sociedade, non será ningunha forma de colonialismo cultural, senón que abrirá camiños concretos para a realización nos diferentes países desta igualdade en liberdade, en seguridade e en protagonismo que corresponde á muller.

Colaboremos, pois, con esta campaña de Mans Unidas, conscientes de que a defensa dos dereitos e da dignidade da persoa e especificamente da muller, é esixencia da nosa fe, de crer no Deus e Pai de todos, no seu Amor, que lle fixo entregarse para quitar o pecado do mundo, todo desprezo e malos tratos do próximo, toda mentira e inxustiza.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: