Vixilia de oración con motivo da clausura do Ano da fe

1 Ano da Fe logo 4

Convídase aos sacerdotes encargados de igrexas que na tarde-noite do día 23 de novembro organicen vixilias de oración nas que se dará grazas a Deus polo don da fe ao mesmo tempo que se pide a súa graza para que a fe permaneza e creza na nosa terra.

Propostas:

  • apertura das igrexas de Lugo e das vilas até entrada a noite. 

  • Exposición do Santísimo Sacramento.

  • oración e reflexión con textos da palabra de Deus, e tamén con parágrafos da Encíclica do Papa Francisco, Lumen fidei.

Lémbrase aos fieis que aínda non o fixesen, que poden peregrinar ás igrexas onde se pode gañar indulxencia plenaria.

Tamén se concede indulxencia plenaria a quen, un día elixido libremente, visite o baptisterio ou lugar onde se recibiu o sacramento do bautismo, renovando as promesas bautismais en calquera forma lexítima.

D. Gonzalo Fraga Vázquez, novo Deán da Catedral

D. Gonzalo Fraga Vázquez desempeña, desde o venres 15 de novembro, o cargo de Deán da Catedral de Lugo, ao ser admitida a renuncia presentada por quen até agora exercía dito oficio, D. Luciano Armas Vázquez.

D. Gonzalo Fraga asume este cargo por ser o cóengo en activo máis antigo en precedencia, tal e como sinalan os estatutos do cabido lucense, mentres non se proceda á elección e posterior nomeamento dun novo Deán.

Festival da Esperanza no barrio lucense da Milagrosa

Festival da Esperanza GALEGO

O venres 15 ás 20:30 h. o Colexio Divina Pastora (Lugo) acolle un Festival da Esperanza en beneficio de Cáritas. Artistas do propio barrio da Milagrosa interpretarán versións de cancións coñecidas e nos interludios haberá números de maxia.

En Cáritas parroquial están baixos no stock alimenticio, polo que os menores de 12 anos teñen a opción de entregar un quilo de alimentos en vez de adquirir con diñero a entrada (na oficina da igrexa da Milagrosa). Como se nota que cada día hai maior necesidade, decidiuse organizar o festival, con varios obxectivos: ademais de facer pasar unha tarde agradable aos asistentes, búscase involucrar á xente no labor de Cáritas e conseguir maior liquidez de cara aos últimos meses do ano.

Curso para facer un bo acompañamento psicolóxico e espiritual a mulleres con síndrome post-aborto

Os días 8 e 9 de novembro hai un curso sobre acompañamento psicolóxico e espiritual adecuado ás persoas que sofren a síndrome post-aborto. Diríxese a sacerdotes e colaboradores do Centro de Orientación Familiar Diocesano para crear unha rede que ofreza un lugar de esperanza, reconciliación e sanación ante o drama do aborto.

Este curso, denominado “Proxecto Raquel”, xurdiu hai máis de 20 anos en EEUU, e alí está moi implantado. Tamén está presente en 20 dioceses españolas, incorporándose no último trimestre Barcelona, Xaén, Cádiz, Tarragona e Lugo.

Imparten o curso en Lugo Dª María José Mansilla e o Rvdo. D. Jesús Chavarría Ibáñez. María José Mansilla preside Spei Mater (Asociación Provida da Igrexa Católica) e imparte cursos en España, EEUU e América Latina.

O P. Jesús Chavarría é Director Espiritual de Spei Mater, sacerdote da Diocese de Calahorra e a Calzada-Logroño.


Está na rúa a tradución ao galego de Santo Rosario, de san Josemaría Escrivá

Presentac Sto Rosario

O día 30 de outubro, un repleto salón Novacaixagalicia de Lugo) acolleu a presentación da edición galega de Santo Rosario, obra de san Josemaría Escrivá.

O director da editorial Follas Novas, Rafael Silva, presentou primeiro ao deán da Catedral, Luciano Armas, para quen “aínda que dous textos en castelán e galego me digan o mesmo, non me fan sentir o mesmo” e a continuación presentou á tradutora, Araceli Filgueira. Ela salientou que san Josemaría usara “unha linguaxe coloquial, íntima, directa, penetrante, que nos fai partícipes de todo o que está a suceder” nas escenas evanxélicas. E concluíu Araceli dicindo que o libro permite “falar coa Virxe na nosa lingua”, algo importante porque “ela é da casa”.

A %d blogueros les gusta esto: