Peregrinación ao sepulcro de Luis de Trelles en Zamora

fundador Adoración Nocturna

Esta fin de semana será homenaxeado na Catedral de Zamora o fundador da Adoración Nocturna, Luis de Trelles y Noguerol, que está enterrado nunha das naves da Catedral. Acoden representantes desta asociación de fieis de varios lugares de España, sobre todo de Granada e Lugo.

Membros da Adoración Nocturna de Lugo participan o día 13 unha Eucaristía e unha ofrenda floral ante os restos mortais de Luis de Trelles. Previamente, ás dez da mañá da zona da Mosqueira, Lugo sae o autocar que se pon a disposición dos adoradores.

Entre os actos desta fin de semana está a presentación do libro da Fundación Luis de Trelles que recolle as intervencións nas XXII Xornadas de verán.

Encontros prematrimoniais en Meira e Lugo

Encontros prematrimoniais

O matrimonio require un especial coidado e preparación. Para iso en Meira ofrécese un espazo de reflexión sobre a nova vida dos futuros esposos. A primeira sesión é o día 13 pola mañá e a seguinte o día 20 pola mañá e pola tarde.

En Lugo, estes encontros prematrimoniais serán na parroquia de San Antonio de Padua os días laborables da semana que comeza o 22 de abril.

Organiza: Delegación Diocesana de Pastoral Familiar

Edelmiro Ulloa recolle nun libro moitas das súas vivencias na Pastoral da Saúde

pastoral da saúde

Moitas persoas pedíranlle a Edelmiro Ulloa que puxese por escrito as súas vivencias no Hospital xeral de Lugo. Agora que está xubilado como capelán e Delegado de Pastoral da Saúde, publica El servicio religioso en el hospital. Vivencias y actividades de un capellán. É unha obra dirixida ao persoal sanitario, aos membros da Pastoral da Saúde, voluntariado, movementos de Igrexa e capeláns do mundo hospitalario. E ademais, pode ser útil a moitas outras persoas.

Nas 462 páxinas van intercalándose vivencias propias (incluíndo dúas entrevistas) con testemuños doutras persoas. Isto nunha primeira parte, á que seguen outras dúas: “Celebracións” (Semana Santa, Nadal) e “Viaxes” (coa pastoral, coa coral, peregrinacións e representacións teatrais).

Os maiores de Samos viaxan a Portugal coa Fundación O Noso Lar

Este ano o destino dos maiores de Samos é o Algarve

O primeiro día están en Porto e Fátima; o seguinte en Lisboa. E xa no Algarve, será Portimao onde permanecerán ata o día 18, cando se emprende viaxe cara ao norte, que se aproveita para visitar Évora. O día 19 empréndese viaxe de regreso visitando algún dos lugares de interese do norte.

Xa son vintecatro anos nos que a Fundación O Noso Lar organiza estas viaxes e convivencias para disfrutar das paisaxes e monumentos da Península Ibérica. Son moitas as experiencias vividas nun clima de amistade, humor e alegría. Son experiencias nas que se comparte o mellor de cada un. E todo isto fai medrar as gañas de vivir.

Festas da fe en Quiroga e Chantada

Das varias festas da fe programadas para os próximos meses en distintos puntos da Diocese, o 7 de abril correspóndelle ao arciprestado de Quiroga (Bóveda, Pobra de Brollón, San Clodio, Ribas de Sil, Quiroga, Courel).

O domingo seguinte, 14 de abril, corresponderalle ao arciprestado de Chantada (Chantada, Carballedo, Taboada).

Estes actos contribúen a que todos os diocesanos vivan dunha maneira concreta a comuñón eclesial, celebrando unidos a fe.

A %d blogueros les gusta esto: