Xornada interdiocesana de xuventude

Encuentro interdiocesano pastoral juvenil

Para mozos e mozas, sacerdotes, relixiosos, -as, catequistas de confirmación, animadores, profesores de relixión.

Temas: ecos do Congreso Nacional con xoves e “En camiño á XMX Río 2013”.

Lugar e data: Seminario de Lugo, 24 de novembro a partir das 10 da mañá. O programa matutino inclúe un relatório e talleres. Pola tarde “En camiño á XMX Río 2013”, visita á Catedral Basílica, Santa Misa e Envío e ás 21 h concerto-oración na parroquia de Santiago (A Nova). 

Encontro de Familia e Matrimonios

Nos locais da parroquia do Bo Pastor de Lugo celébrase o día24 a partir das 10 h. un Encontro de Familia e Matrimonios. Está organizado polo Arciprestado de Lugo e a Delegación Diocesana de Pastoral Familiar. Trátase de reflexionar sobre o papel da familia na vida das persoas. Para iso hai 4 talleres: educación en virtudes, educación afectivo-sexual, vida e solidariedade.

18 de novembro: Día da Igrexa Diocesana

A Diocese de Lugo atende ás comunidades cristiás en 1.138 puntos. Son as parroquias, nas que se fai a base do labor evanxelizador dunha Diocese.

O anuncio da Palabra e a celebración dos sacramentos lévase a cabo, fundamentalmente, nas parroquias, atendidas por máis de 300 sacerdotes.

A catequese a distintos niveis, tanto para recibir algún sacramento como para unha acción permanente de educación na fe, é unha tarefa importante na pastoral da Igrexa.

Cáritas, en nome da comunidade cristiá, atende aos excluídos da sociedade. A axuda que presta é fundamental ante situacións de pobreza. A Diocese de Lugo ten 15 centros sociais, 20 Cáritas parroquiais e 43 Cáritas interparroquiais. Nos últimos anos vén atendéndose cada vez a máis persoas.

O labor formativo tamén é ben coñecido, polo que imos salientar unicamente unha actividade propia deste Ano da Fe. Trátase de xornadas de formación para leigos sobre o credo. Distribúese a Diocese en nove zonas que acollerán estes cursos.

Pero non só se benefician os diocesanos do traballo da Diocese, senón tamén no exterior. Para o labor misioneiro, a Diocese destinou máis de cen mil euros. E para programas de desenvolvemento en países empobrecidos  a cantidade tamén sobrepasa os cen mil euros; neste caso a través de Mans Unidas.

Reunións sobre Doutrina Social da Igrexa

Cada segundo mércores de mes ás 19 hs., Antón Negro, Ramón Jacobo, Jesús Santiago e José Río irán dirixindo sucesivas sesións que tratarán os seguintes temas:

1.- Resume do tratado o ano pasado (estado de dereito, dignidade humana, antropoloxía, conciencia, dereitos humanos).

2.- Implicación social da fe (con motivo do Ano da Fe)

3.- O principio de subsidiariedade (con tódalas implicacións que ten)

4.- O principio de solidariedade

5.- A marcha da humanidade cara a solidariedade

6.- O tema da propiedade na DSI

7.- O uso cristián dos bens

Estas reunións están pensadas para persoas de Cáritas, Pastoral da Saúde, Mans Unidas, Delegación de Misións, Pastoral Penal e todo aquel interesado en coñecer a dimensión social da fe e as súas consecuencias.

Homenaxe a D. Jaime Delgado e a D. Nicanor Rielo na presentación de Lucensia

revista Seminario Lugo

Durante a presentación da revista Lucensia, o día 12 ás 18:30 no salón de actos da Fundación Novacaixagalicia (pza. de Sta. maría, Lugo) o profesor de Universidade Antonio Rodríguez Colmenero  evocou a D. Jaime Delgado, infatigable colaborador de Lucensia, e a D. Nicanor Rielo. Sobre este último, Alfonso Blanco elaborou un artigo no número da revista que se presenta titulado “Nicanor Rielo Carballo, un buscador de tesouros”. Outro dos artigos da revista reproduce un capítulo do tema preferido de Jaime Delgado, relativo á igrexa de Temes, coa inscrición cristiá máis antiga de Galicia.

As dúas figuras homenaxeadas comparten, entre outras cousas, entrega ao labor sacerdotal, colaboracións en Lucensia ou no libro Abrindo as portas ao San Froilan 1999.

  “Jaime Delgado, toda unha vida de entrega e de investigación que  puxo luz onde só había tebras e proclamou certos reparos onde só había esquecemento e destrución. Persoa sensíbel, persuasiva e leal a un método de descuberta comparativa que, no seu caso, deu estimulantes froitos”. Xosé Lois García

“Nicanor foi un crego que percibiu, con claridade, a íntima conexión que existe entre os pobos e a súa lingua”, Frei Xosé Gómez (homilía no funeral de Nicanor Rielo).

Na internete pode lerse un artigo de Jaime Delgado sobre o crismón de Quiroga e de Nicanor Rielo outro sobre as igrexas de Sta. Mª de Arcos e S. Lorenzo de Peibás

A %d blogueros les gusta esto: