Aberto o prazo de inscrición para o Curso Rexional de Pastoral da Saúde

Durante este mes de marzo é posible inscribirse no XLII Curso Rexional de Pastoral da Saúde que baixo o título Acompañar na soidade desenvolverase na Hospedaría San Martiño Pinario de Santiago de Compostela os días 17 e 18 de abril. Destinatarios deste Curso son coidadores e familiares dos enfermos, profesionais da saúde, voluntarios e grupos parroquiais, comunidades relixiosas, sacerdotes e seminaristas. Intervirán, entre outros, Xosé Luis Barreiro Rivas e José Luis Méndez Jiménez.

Para inscribirse é necesario contactar co delegado diocesano de Pastoral da Saúde: Jorge Vázquez Freire (jorvazfre@yahoo.es)

PREZOS: A matrícula, 15 euros; cea ou comida externos: 10 euros

Matrícula + pensión completa en habitación individual: 65 euros por persoa (55 € en habitación dobre)

Ao comezo do curso abonarase o importe da matrícula e a estancia.

O meu paso polo Congreso de Laicos

Representantes da Diocese de Lugo no Congreso

Tiven a sorte de asistir ao Congreso de Laicos co grupo da Diocese de Lugo, e desde a miña pertenza a Misevi (Misioneiros Segrares Vicencianos), tocoume acompañar nunha das liñas temáticas do primeiro anuncio: Países de Misión, onde Misevi compartía a súa experiencia.

Poder compartir desde a asociación e a diocese é algo de agradecer ao Espírito, xa que ás veces no noso modo de vivir a fe, parecería que facemos incompatible a nosa pertenza á parroquia ou á diocese, coa pertenza a un determinado grupo ou asociación.

Creo que este simple feito recolle moitas das palabras que soaban forte no Congreso: sinodalidade, comunidade, forza do Espírito, a misión do laico, Igrexa en Saída.

Para min foi unha alegría, que se reflexionase sobre o laico misioneiro, en países de misión. Saíron liñas de reflexión moi interesantes, como o recoñecemento que nos debe a Igrexa a todos os niveis aos laicos misioneiros, a corresponsabilidade no envío, a necesidade de dar a coñecer esta vocación concreta. Espero que o documento final, onde se nos van a lanzar os retos podamos ver estas pinceladas sobre a misión.

E como laica da miña diocese, vexo tamén unha clara chamada a darlle a isto un aire novo, este é o noso momento!!! Así que toca saír de vellos esquemas, e desánimos e tratar de darlle un pouco de vida ao apostolado segrar de Lugo. Botamos de menos a moita xente, neste grupo que representabamos aos laicos de Lugo, e quizá sexa o momento de xuntarnos, e ver realmente como vivir este pos-congreso, como tomar os retos que os laicos de España lanzan. Así que o Espírito pronto nos chamará a todos, abramos o corazón, e deixémonos guiar, porque de nós depende que a reflexión deste Congreso, non sexa unha reflexión máis, senón que sexa unha faísca que reavive o noso ser laicos.

Ana López Castaño

[Relatorios do Congreso]

Rosario Mundial

O 20 de febreiro, con motivo do II centenario do falecemento de Santa Jacinta Marto faise a segunda edición do rosario mundial. Santa Jacinta Marto foi testemuña das aparicións da Virxe en Fátima. O lema desta ocasión é “Fai sorrir á Virxe”, con catro intencións de oración: pola paz, pola vida, pola familia e polos sacerdotes. A Basílica da Nosa Señora de Guadalupe en México é o santuario mariano que acolle os eventos centrais. Espérase a participación de millóns de persoas como ocorreu na primeira edición. A xornada está prevista que se inicie ás 17:00, hora local en México, e desenvolverase a través de tres momentos: Adoración Eucarística desde o Santuario de Guadalupe ao mundo, con transmisión en directo por diferentes medios de comunicación; o rezo do Santo Rosario durante a Adoración ofrecendo cada misterio por cinco intencións: polos nenos, polos mozos e adolescentes, polos esposos, pola vellez e polos sacerdotes. O Rosario realizarase en varios idiomas; e a Consagración ao Sagrado Corazón de Xesús e ao Inmaculado Corazón de María a través do método de San Luís María Grignion de Montfort. Adhesíóns na web de Mater Fátima.

Congreso de Laicos “Pobo de Deus en saída”

Do 14 ao 16 de febreiro ten lugar en Madrid o Congreso Nacional de Laicos “Pobo de Deus en saída”, con 5 claves:

  • escoitar ao laicado,

  • sinodalidade e corresponsabilidade,

  • discernimento á luz da Palabra,

  • promover unha cultura de encontro e

  • impulsar un laicado en saída.

Trátase de transmitir unha mirada de esperanza ante os desafíos da nosa sociedade, vivindo a fe cristiá con alegría.

Ademais da participación directa dun grupo de persoas da Diocese de Lugo, ao resto dos diocesanos pídeselles sintonizar cos traballos do Congreso, uníndose en oración e dispoñendo o ánimo para acoller as liñas de acción que xurdan. Deste xeito contribuirase a dinamizar a todo o Pobo de Deus que peregrina na Diocese de Lugo e en toda España.

Día Mundial de Oración e reflexión contra a Trata

O 8 de febreiro é o Día Mundial de Oración e reflexión contra a Trata. Con tal motivo o Grupo Intereclesial contra a Trata e a Comisión Episcopal de Migracións lembra o sufrimento que supoñen as modernas formas de escravitude. E denuncia a complicidade coa que a sociedade tolera e mantén todo tipo de trata: explotación sexual, laboral, tráfico de órganos, mendicidade, matrimonios forzados, comisión de delitos… ou calquera outra forma de explotación.

O 8 de febreiro é Santa Xosefina Bakhita, patroa das vítimas de trata. O exemplo da súa vida foi usado na encíclica Spe salvi (Benedito XVI) para falar de esperanza. A súa mensaxe de perdón e misericordia segue vixente nos nosos días. Bakhita déixanos un testamento de perdón e misericordia.

[Materiais da Conferencia Episcopal]

[Materiais do Dicasterio para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral]

A %d blogueros les gusta esto: