Día dos catequistas nativos

O luns 6 de xaneiro, solemnidade da Epifanía do Señor, a Congregación para a Evanxelización dos Pobos celebra o Día dos catequistas nativos, que en España difunde o Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME), que tamén celebra o seu día. A finalidade do IEME é ser unha canle misioneira do clero diocesano para levar cabo a Misión da Igrexa. Este ano o lema é “Laicos en misión: bautizados e enviados” e agradécese a Deus pola riqueza que supoñen tantos laicos.

Os laicos responsabilizaranse das comunidades para congregar e animar a fe. Que o sacerdote chegue cando poida chegar, pero que a comunidade non deixe de reunirse e de camiñar na fe coa axuda dos laicos -homes e mulleres- que hai nas parroquias. Este tería que ser xa o gran agasallo de Reis.

Exposición “350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo” no Museo da Semana Santa de Ferrol

O martes 17 de decembro ás 19:30 h inaugúrase no Museo da Semana Santa de Ferrol a exposición “350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO”, con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen facendo en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.

No acto de inauguración estarán o deán da Catedral de Lugo, Mario Vázquez Carballo, o director do do Centro Eucarístico Lucense, José Antonio Ferreiro e o presidente do colectivo Exeria Xulio Xiz. Este colectivo é o promotor da exposición, e conta co apoio das institucións mencionadas, ademais da Xunta de Galicia.

A mostra está composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), e ten carácter itinerante. Estivo nas sete capitais do antigo reino de Galicia, e están previstos novos traslados nos vindeiros meses.

Comunicado da Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC)


A HOAC rexeita que o dereito á saúde das persoas traballadoras sexa subordinado á primacía da rendibilidade

Para este movemento de traballadores da Acción Católica especializada, o fallo do Alto Tribunal é inxusto e está na lóxica de considerar ao ser humano «como un ben de consumo, que se pode usar e logo tirar», como denuncia o papa Francisco.

A Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC) considera que a sentenza do Pleno do Tribunal Constitucional, que permite o despedimento por causas obxectivas se hai faltas de asistencia xustificadas pero intermitentes, sitúa ás persoas traballadoras ante un maior sometemento nas condicións de traballo, e así outorga aínda unha maior prioridade ao criterio económico.

Para a HOAC, esta sentenza é claramente un retroceso ao traballo “libre, creativo, participativo e solidario” (Evangelii gaudium, 192) onde o ser humano expresa e acrecenta a dignidade da súa vida. Desta forma o traballo convértese nun lugar de opresión, determinado polas leis e normas establecidas para que as condicións laborais dos traballadores e as traballadoras se sometan ao criterio de rendibilidade, onde o que importa é a ganancia. Na orixe da sentenza está o redactado da reforma laboral do ano 2012 ao artigo 52. d do Estatuto dos Traballadores, que endureceu as condicións laborais ao suprimir a referencia ao volume de inasistencias total do persoal no centro de traballo. Desta forma, ademais da indefensión que provoca, culpabiliza á persoa por enfermar e ter «faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificadas pero intermitentes, que alcancen o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos…» motivando así o seu despedimento obxectivo.

A HOAC considera, desde unha visión antropolóxica cristiá, inxusto este fallo, cando ademais sabemos que polas actuais condicións laborais que teñen principalmente os mozos e as mulleres, maioritariamente precarias, se converte nun motivo máis para relativizar a esixencia dun traballo decente.

Ao mesmo tempo, a HOAC realiza un chamamento ao próximo Goberno de España para que abra procesos que promovan transformar e alcanzar unhas relacións laborais que permitan un traballo digno e, con iso, un modelo de desenvolvemento máis inclusivo, sustentable e solidario.

Bispos de Galicia e norte de Portugal reúnense en Vigo

Case unha vintena de prelados celebran o seu encontro anual

Os bispos das provincias eclesiásticas de Santiago de Compostela e Braga compartirán o martes 26 de novembro a partir das 11:00h. un encontro fraterno na sede do Bispado de Tui-Vigo. Na reunión intercambiarán experiencias pastorais e trataranse diversos asuntos como a evanxelización dos mozos.

Está prevista a asistencia do arcebispo de Braga e dos bispos, titulares ou auxiliares, de Aveiro, Porto, Bragança, Coimbra, Vila Real, Viseu e Viana do Castelo, ademais dos seis bispos das dioceses galegas: D. Julián Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela, e o bispo auxiliar, D. Jesús Fernández; o bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco; o de Ourense, D. Leonardo Lemos; o bispo de Mondoñedo-Ferrol, D. Luis Angel de las Heras, e o anfitrión, D. Luis Quinteiro, Bispo de Tui-Vigo.

Xornada mundial dos pobres

Obxectivos da Xornada

– Redescubrir o valor de estar xunto ás persoas máis pobres e vulnerables das nosas comunidades, a través da oración comunitaria e o banquete da Eucaristía, como expresión da mesa compartida en familia.

– Promover que a comunidade cristiá sexa signo de esperanza para as persoas pobres, a través de xestos sinxelos e cotiáns nos que se vexan acompañados e acollidos como persoas con dereito ao seu propio lugar.

A comunidade cristiá ten a misión de anunciar a Boa Nova do Evanxeo de Xesús, encarnar a súa mensaxe e adherirse ao seu estilo de vida. Isto pasa por axudar, acompañar, protexer, defender e salvar aos máis pobres e débiles.

Todas as persoas que integran os distintos proxectos parroquiais, arciprestais e diocesanos, participarán de forma activa e conxunta na preparación e desenvolvemento da Eucaristía, dando un espazo explícito de participación ás persoas dos proxectos e/ou colectivos máis vulnerables da comunidade.

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: