Reunión dos bispos de Galicia na véspera da Solemnidade do Apóstolo

Como vén sendo habitual na véspera da Solemnidade do Apóstolo Santiago, o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio Barrio, presidiu o 24 de xullo a reunión dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago. Estiveron presentes o bispo de Tui-Vigo, monseñor Luis Quinteiro Fiuza; o de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco; o de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet; o de Mondoñedo Ferrol, monseñor Luis Ángel de las Heras; así como o auxiliar de Compostela, monseñor Jesús Fernández González. No encontro celebrado no Arcebispado compostelán tratáronse asuntos de interese común para as dioceses galegas. Tamén asistiu o secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago, o sacerdote José Andrés Fernández Farto.

Exposición en Santiago de Compostela sobre a Ofrenda de Galicia ao Santísimo

O mércores 3 de xullo ás 12 h inaugurouse na igrexa do Mosteiro de Santa Clara, na rúa San Roque de Santiago de Compostela, a exposición itinerante “350 años da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo”. No acto de inauguración estivo presente o arcebispo emérito de Tánger Mons. Santiago Agrelo.

Un minuto pola paz o sábado 8 de xuño ás 13 h

A iniciativa Un minuto pola paz foi lanzada polo Foro Internacional de Acción Católica (FIAC), a Acción Católica Arxentina, a Acción Católica Italiana, a Unión Mundial de Organizacións de Mulleres Católicas (UMOFC) e outras asociacións.

A data lembra a reunión para invocar a paz promovida polo Papa Francisco o 8 de xuño de 2014 nos Xardíns do Vaticano xunto co Presidente de Israel naquel entón Shimon Peres, o Presidente Palestino Abu Mazen e o Patriarca de Constantinopla, Bartolomeu I.

Os promotores desta acción buscan motivar a todos aqueles que teñen a paz no corazón, involucrando a todas as persoas que coñecemos en tantos contextos da vida.

Esta semana o Santo Padre invitou a que se dedique o 8 de xuño ás 13 h “un minuto á paz, de oración, aos crentes; de reflexión, para quen non cren; todos xuntos por un mundo máis fraterno”.

Asemblea da Unión Eucarística Reparadora de Galicia

O 1 de xuño no Seminario Maior de Lugo e na Catedral tivo lugar a Asemblea Rexional de Galicia da Unión Eucarística Reparadora (Marías do Sagrario e Discípulos de San Juan).

Presidiu o acto o consiliario da UNER en Lugo, Luís Varela Castiñeira. Todo virou en torno ao tema “Reaviva a túa vida á luz da Eucaristía”.

O relatorio foi impartida pola Irmá Mª del Valle Camino (Delegada Xeral da UNER e Vicaria Xeral das Misioneiras Eucarísticas de Nazaret).

Algúns participantes expresaron que lles gustou a profundidade do tema e das dinámicas de grupo, a fraternidade entre os asistentes e o coñecemento máis profundo deste belo carisma, fundado por San Manuel González.

Pola tarde tivo lugar un acto eucarístico moi emotivo na Catedral, participando todos ante o Santísimo.

Catro membros novos, tres de Lugo e unha de Ferrol, fixeron a súa ofrenda UNER recibindo a medalla de Marías do Sagrario, comprometéndose a vivir este carisma máis profundamente na Igrexa.

Foi un encontro de motivación, ánimo e alegría, que supón un gran empuxe para este movemento de laicos en Galicia e de maneira especial para Lugo.

Patricia e Susana (UNER Lugo)

Xornada das Comunicacións Sociais

O día da solemnidade da Ascensión do Señor, o domingo 2 de xuño, celébrase a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. O tema que propón o papa Francisco para 2019 é «”Somos membros uns dos outros” (Ef 4,25). Das comunidades nas redes sociais á comunidade humana».

O Papa convida a reflexionar sobre o fundamento e a importancia do noso estar-en-relación; e interroga: Como reencontrar a verdadeira identidade comunitaria sendo conscientes da responsabilidade que temos uns con outros tamén na rede?

Os bispos da Comisión de Medios de Comunicación da Conferencia Episcopal Española desexan que “na rede haxa novas comunidades cristiás cos mesmos trazos das primeiras: lugares de comuñón e celebración da palabra, espazos para o alento e a compañía ante as dificultades, ambientes nos que se organiza e prepare a misión”.

[Ver materiais]

A %d blogueros les gusta esto: