Carta dos bispos de Galicia sobre a ensinanza relixiosa

Queridos pais/nais

Unha vez máis os bispos de Galicia dirixímonos a vós para falarvos da importancia da educación relixiosa dos vosos fillos.

Seguramente, nestes días, estades recibindo dos centros educativos, unha solicitude para realizar a petición para que poidan recibir a formación relixiosa. Queremos recordarvos que a formación relixiosa é:

Unha necesidade. O ensino relixioso contribúe ao desenvolvemento integral da persoa. A finalidade máis profunda da educación é potenciar todas as dimensións da vida, tamén a relixiosa que é parte esencial de toda persoa e da nosa cultura. Nunha sociedade onde o relixioso é, ás veces, criticado ou desprezado, pedímosvos que non vos deixedes levar por unha mal chamada modernidade que pretende desterrar a relixión da vida, da sociedade e dos centros educativos e procuredes proporcionar aos vosos fillos unhas actitudes e valores indispensables para levar unha vida con sentido nunha sociedade, ás veces, tan carente de valores persoais, sociais e relixiosos.

Sen dúbida queredes que os vosos fillos progresen no coñecemento de matemáticas, sociais ou literatura. Pero non permitades que crezan sen unha cultura impregnada de cristianismo e formación relixiosa católica.

Un dereito. O saber relixioso non pode quedar á marxe dos procesos educativos. A presenza da relixión no marco escolar non é unha concesión que un goberno permite segundo a súa ideoloxía ou un privilexio que reclaman as Confesións Relixiosas. É un dereito fundamental que os pais tedes recoñecido e garantido pola Constitución, as leis educativas, e implantado en toda Europa.

Na educación dos vosos fillos sodes vós, e só vós, os que tedes ese dereito. Todo goberno que se proclame democrático e as institucións educativas, sociais e sindicais deben respectar o dereito a que os vosos fillos sexan educados segundo as vosas conviccións relixiosas e morais. Non existe ningunha razón de aconfesionalidade ou dun mal chamado progresismo que poida privarvos dese dereito que tedes como pais.

Non permitades que sexan outros os que marquen a educación dos vosos fillos. Ese é un dereito voso.

Unha responsabilidade. Hoxe queremos facervos unha chamada á vosa responsabilidade educativa. Non permanezades indiferentes ante o dereito e o deber de solicitar o ensino relixioso nos centros educativos. Recordade o compromiso cristián que asumistes no seu bautismo. Supoñería unha contradición pedir, na parroquia, os sacramentos e desprezar despois o ensino relixioso nos colexios.

A fe e a mensaxe do Evanxeo non son inimigos da felicidade persoal nin do ben da sociedade. Os cristiáns cremos que en Xesucristo e a súa Palabra atopamos aqueles valores que poden darnos o pleno sentido da vida, do mundo e da historia. O ensino relixioso pretende, en diálogo coas demais materias, ofrecer a resposta cristiá ás grandes preguntas da vida para atopar nela a luz que lles ilumine en todos os momentos da súa vida.

Solicitade, de forma consciente, libre e responsable o ensino relixioso para os vosos fillos.

Co noso agradecemento e apoio aos sacerdotes, aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na importante tarefa da educación, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

 

Julián, Arcebispo de Santiago. Luis, Bispo de Tui-Vigo. Alfonso, Bispo de Lugo. José Leonardo, Bispo de Ourense. Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol. Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

O lema deste ano é unha frase cotiá -Tes unha chamada- que se converte en toque de atención para saír do encerro en nós mesmos. Necesitamos cortar cun modo de vivir “ruidoso” que nos impón a sociedade e que nos impide percibir a voz de Deus, a súa chamada persoal para cada un. Esta chamada crucial só espera a nosa resposta para, como di o Papa, “converternos en protagonistas da historia única e orixinal que Deus quere escribir connosco”.

[Materiais da Xornada]

Nota dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a solemnidade de San Xosé

A persoa e a vida de San Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sagrada Liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). A Igrexa venérao con especial honra como patrón, a quen o Señor constituíu sobre a súa familia. Tradicionalmente o pobo cristián secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.

Neste ano 2018, este día foi declarado laborable na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, os Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago acordamos manter nas Dioceses respectivas o carácter festivo deste día. En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:

1. Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.

2. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.

3. Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que informen os fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.

4. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 17, e ao domingo, día 18 de marzo.

5. Seguindo o calendario litúrxico, a Solemnidade de San Xosé celebrarase unicamente ao longo do día 19 de marzo.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+ Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

24 horas para o Señor

O vindeiro venres 9 de marzo iníciase a xornada de “24 Horas para o Señor”, promovida polo Pontificio Consello para a promoción da nova evanxelización.

Inspirándose nas palabras do Salmo 130, 4: “En Ti está o perdón”, facilítase a posibilidade de adoración nocturna do Santísimo, así como a confesión sacramental.

Esta iniciativa xurdiu en Roma fai cinco anos, e estendeuse a nivel mundial, unindo e espiritualmente ao Sucesor de Pedro coas Igrexas repartidas polos cinco continentes, co fin de ofrecer a todos a oportunidade de vivir a experiencia persoal da infinita misericordia de Deus.

O obxectivo é ofrecer a todos, especialmente a aqueles que aínda senten certa incomodidade ante a idea de entrar nunha igrexa, o abrazo misericordioso de Deus; unha ocasión para regresar ao Pai, que vai máis aló dos tempos e modos habitualmente coñecidos.

Hai a proposta de vivir “24 horas para o Señor” tamén nos cárceres. Neste sentido, foron avisados os capeláns para que tamén se sumen a vivir esta experiencia.

Imaxe: portada do subsidio pastoral do Consello para a promoción da nova evanxelización, Ed. San Pablo

 

Xaxún e Oración pola Paz en R. D. do Congo e Sudán do Sur

O Papa, que se mostrou visiblemente preocupado en diversas ocasións coa situación en República Democrática do Congo e Sudán do Sur, convocou unha Xornada Especial de Xaxún e Oración pola Paz en ambos países. Dita xornada terá lugar o 23 de febreiro (2018), venres de Coresma, e Francisco invitou a todo o mundo, católicos e non católicos, a unirse a ela.

A Diocese de Lugo súmase á iniciativa e invita a todos os fieis a participar o vindeiro venres 23 nunha Santa Misa na propia parroquia, para orar unidos e crecer na nosa responsabilidade segundo estas intencións do Papa. Farase igualmente na Catedral Basílica ás 20h.

[Subsidio litúrxico]

A %d blogueros les gusta esto: